DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alberto Vaquero incide en que se sigan adoptando medidas que permitan compensar as desigualdades

Unha investigación constata unha importante discriminación xerárquica da muller na universidade española

Segundo se ascende nas categorías académicas e investigadoras, redúcese a presenza feminina

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Noelia V. Vilanova DUVI 25/05/2009

A Constitución Española sinala que todos os españois son iguais ante a lei, sen que poida haber discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra circunstancia persoal ou social. Sen embargo, na práctica o obxectivo da igualdade por xénero cúmprese con moita dificultade e o mundo académico tampouco é unha excepción. Co obxectivo de afondar nesta realidade no ámbito universitario e “aportar cifras concretas onde fundamentar posibles argumentacións”, Alberto Vaquero, profesor de Economía Aplicada da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, levou a cabo a investigación A igualdade de xénero na Universidade Española: logros acadados e retos futuros, proxecto financiado polo Vicerreitorado de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, a través da Cátedra Caixanova de Estudos Feministas.
No estudo, Vaquero fai un repaso á evolución experimentada polas políticas públicas na consecución da igualdade e analiza a situación da universidade tanto na comunidade estudantil como no profesorado e nos traballadores. Á vista dos resultados, Vaquero afirma que se ben xa se iniciou un proceso de cambio na universidade na busca da paridade, “aínda é necesario afondar na consecución da igualdade xa que existe unha importante discriminación xerárquica ou vertical, que relega ás mulleres aos postos inferiores na escala docente e investigadora”. O coidado e a atención á familia aínda é un condicionante para as mulleres na súa carreira profesional, o que fai preciso “seguir apostando por medidas que concilien a vida familiar e laboral”.

Un primeiro análise

A pesar dos importantes cambios sociais en xeral e na universidade en particular, aínda existen diferenzas por xénero. Sen embargo, neste último eido resultan menos evidentes e, polo tanto, máis complicadas de detectar, “o que propiciou o desenvolvemento do chamado teito de cristal”, indica Vaquero.
Os primeiros intentos na universidade para avanzar cara a paridade xa están en funcionamento; tanto na NOM-LOU, normativa pola que se modificou a Lei Orgánica de Universidades, coma na Lei de Igualdade atópase explicitamente sinalado que “non se poden convocar comisións nin tribunais onde non haxa igualdade entre xénero”. Por outra banda, existen medidas no campo da investigación que favorecen o feito de ser muller para a consecución de proxectos.
“Poderíase pensar que non é necesario este tipo de esforzos e que có paso do tempo a situación irá mudando”, comenta Vaquero. Sen embargo, as diferenzas na universidade entre homes e mulleres son moi evidentes, polo tanto é preciso que se sigan adoptando medidas que permitan compensar as desigualdades presentes e que “garantan a representación do colectivo feminino en todos os niveis da universidade, en especial nos postos de toma de decisións”. Non actuar deste xeito suporía decantarse por unha ineficacia de recursos humanos, ao renunciar a incluír no sistema produtivo a un numeroso e preparado grupo de persoas que melloraría a produtividade do sistema.

O estudo en cifras

Como economista que é, Vaquero apostou no seu estudo por aportar datos e cuantificar a realidade da igualdade de xénero nas universidades para amosar cara onde se decantan as cifras.
No tocante ao alumnado matriculado universitario, “o 57% son mulleres, cuxa representatividade supera o 60% en case todas as ramas de coñecemento agás nos estudos técnicos”. En relación coas titulacións cursadas, comprobase a progresiva desaparición do estereotipo de que as mulleres elixen carreiras de letras e os homes de ciencias. Con respecto as graduacións o estudo revela que “o 61% dos novos graduados no primeiro e segundo ciclo son mulleres, a maioría delas nas ramas das ciencias sociais, xurídicas, experimentais e da saúde e nas humanidades, pero só o 30,3% acaba a carreira en ensinos técnicos”. No caso dos estudos de doutoramento prodúcese a primeira redución da matricula feminina, aínda que as mulleres seguen sendo maioría.
En canto ao Persoal Docente e Investigador (PDI), só o 36% son mulleres, sendo o 41% titulares de escola universitaria e unha porcentaxe menor, o 14%, catedráticas de universidade. Polo tanto, “nas categorías académicas superiores a representación das mulleres é bastante inferior á dos homes e, ademais, o crecemento é lento”, indica Vaquero.
Facendo unha compilación dos datos obtidos ata agora obsérvase que na evolución académica de mulleres e homes, tanto en universidade como en investigación, “reprodúcense os modelos clásicos de tesoira, isto é, ao comezo da carreira académica e de investigación atópanse máis mulleres que homes pero segundo imos ascendendo nas categorías académicas e investigadoras prodúcese a situación contraria”.
Ao longo de este estudio, Vaquero tamén aporta información sobre a presenza das mulleres nos postos de dirección da universidade española e compróbase como existe una clara desigualdade distributiva ao respecto: “soamente hai tres reitoras e dúas xerentas nas 48 universidades públicas”. A pesar de que esta cifra aumenta ata un 29% se falamos de vicerreitoras, “é precisa unha clara melloría”.
Con respecto ao Persoal de Administración e Servizos (PAS) vólvese a comprobar como nas categorías máis altas de funcionarios e de contratados as mulleres teñen un peso menor, “destaca especialmente o feito de que nos postos de alta dirección a porcentaxe de mulleres é do 32%”.
Facendo un análise por universidades tamén se observan importantes diferenzas. Aquelas que foron creadas máis recentemente adoitan ter máis representación nos órganos de designación e incluso nas direccións dos departamentos, mentres que as universidades que contan con máis anos presentan uns porcentaxes, polo xeral, máis reducidos de representación feminina.

Apostando pola discriminación positiva

Finalmente, Vaquero reflexiona sobre as medidas que se poden tomar para reducir as diferenzas detectadas no ensino superior entre homes e mulleres, as posibilidades son moitas, pero todas elas pasan por “apostar por unha discriminación positiva cara as mulleres, xa que non resulta factible deixar que a deficiente representatividade se corrixa por si mesma”. Non é de estrañar, polo tanto, que un importante número de universidades se atopen en pleno proceso de elaboración de plans de igualdade; neste sentido o investigador apunta que “isto non debe considerarse coma un privilexio do colectivo feminino, senón coma unha medida para paliar a presente desigualdade”. Na súa opinión, “a universidade do século XXI debe considerar este obxectivo coma unha das actuacións prioritarias nos próximos anos”.