DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro participa no proxecto europeo 'Ashmelt', que estuda o problema de fusión das cinsas

Unha investigación da EE Forestal permitiría abrir o mercado da biomasa a novos materiais

Os seus socios nesta iniciativa amosan interese por implantar o sistema da escola como un estándar i

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 11/03/2014

O aumento que está a experimentar en Europa o uso de biomasa fai preciso ampliar a gama de materias primas, forestais e agrícolas, que se empregan como biocombustible para dar resposta a unha demanda en crecemento. Non obstante, non todos os tipos de biomasa responden do mesmo xeito á súa combustión nunha caldeira, que, nalgúns casos, mesmo poden chegar a estragar. Para pór solución a este problema, investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal deseñaron unha metodoloxía que permite definir en que grao poderían ser empregados determinados tipos de biomasa de baixa calidade a través da súa combinación con outros materiais, unha metodoloxía que os socios do centro no proxecto europeo Ashmelt “teñen interese en validar como un estándar internacional”, salienta o investigador Daniel Vega.

Xunto a universidades, institutos de investigación e asociacións empresariais de Austria, Alemaña e Suecia, o grupo de investigación en biomasa que encabeza o profesor Luis Ortiz traballa neste proxecto financiado pola Unión Europea co obxecto de pór solución ao problema de fusión ou “sinterización” das cinsas nas caldeiras, “unha das principais barreiras para o aproveitamento de biomasa residual en caldeiras domésticas”, explica Vega. Non en van, que a combustión de determinados materiais xere no interior das caldeiras “pequenas pedras de cinsa que diminúen a súa eficiencia e que, en determinados casos, mesmo poden chegar a estragala”, resulta un impedimento á hora de empregar como combustible os diferentes tipos de biomasas agrícolas e as forestais "contaminadas por terra ou por follas”, relata este investigador.

De aí o interese que suscita a metodoloxía desenvolvida por este grupo de investigación, que determinou “uns índices de risco de fusión de cinsas que permiten establecer a partir de que temperaturas de combustión existe risco de formación de escorras e corrosión da caldeira” e, polo tanto, coñecer en que porcentaxe estes tipos de biomasa poderían ser usados en combinación con outros materiais. Esta metodoloxía está a ser actualmente testada polos institutos de investigación TFZ e BTL, dependentes do Goberno alemán e membros dos comités ISO de normalización de biomasa, “que amosaron interese porque esta metodoloxía poida ser considerada como un sistema de control da calidade da biomasa”, subliña Vega, que tamén incide na importancia da bioenerxía como “unha opción de aforro e unha fonte de creación de novos postos de traballo nestes tempos de crise".

A opción de converterse nun novo estándar

Como explica Luis Ortiz, na actualidade os diferentes tipos de biomasa son clasificados a través dos certificados EN-Plus, cuxo “test de fusión de cinsas é moi criticado”, o que motiva que “algúns fabricantes de caldeiras só recomenden uns tipos de pellets determinados”, pechando a entrada ao mercado doutra serie de materiais. De aí o interese que suscitou unha metodoloxía que permite cuantificar as porcentaxes nas que a biomasa de baixa calidade debe ser combinada con outra para a fabricación de produtos como pellets. Este sería o caso, por exemplo, daqueles residuos forestais que presentan “determinados compoñentes de terra ou de follas, que só se pode queimar a moi baixas temperaturas, a non ser que se combine con biomasa forestal”, explica Daniel Vega. Por iso, a aplicación da metodoloxía desenvolvida na escola permitiría “analizar como aproveitar esa biomasa de mala calidade no medio de outras e contribuír a valorizar todo tipo de produtos e facelos máis rendibles, adecuando cada tipo de biomasa á tecnoloxía de combustión máis axeitada”.

Os avances realizados por estes investigadores nun proxecto que coordina o centro de investigación Bioenergy 2020 e no que participan as universidades suecas de Lulea e Umea foron presentados recentemente por Ortiz e Vega no Congreso Centroeuropeo de Biomasa, celebrado na localidade austríaca de Graz, onde os representantes dos diferentes organismos implicados en Ashmelt puideron coñecer a metodoloxía desenvolta no campus de Pontevedra e que busca contribuír a que “o cliente de biomasa certificada poida ter a confianza de que ese é un produto dunha calidade tan normalizada como pode ser a gasolina para o coche”, apunta Daniel Vega.

Anos de traballo no campo da biomasa

Antes de que en 2012 dese comezo este proxecto, a Escola de Enxeñaría Forestal xa participara en investigacións internacionais no campo da biomasa, como foi o caso de Domoheat, unha investigación levada a cabo entre 2007 e 2011 na que este grupo analizou a combustión de diferentes “biomasas típicas” de España, como as madeiras de piñeiro ou carballo, as olivas ou as améndoas, nas caldeiras do fabricante austríaco KWB. De feito, Vega considera que foi aquel estudo o que “espertou o interese polo labor que se desenvolve na escola coma un referente no campo da bioenerxía” e permitiu á institución académica ser o único representante do sur de Europa en Ashmelt.

De feito, son varios os proxectos vinculados coa análise da calidade da biomasa que este grupo de investigación levou a cabo nos últimos anos, como o que desenvolveron coa Asociación Forestal de Galicia, para analizar o uso dos recursos forestais galegos como biocombustibles ou a investigación que actualmente desenvolven con dúas pemes galegas que producen estelas para o seu uso como biomasa.