DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus de Ourense:

“En investigación facturamos case o 35% da Universidade. Estamos moi por riba do nivel que nos correspondería por porcentaxe"

A inauguración do CITI, asegura, será en marzo ou abril "cando os investigadores estean alí traballa

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noelia V. Vilanova DUVI 23/01/2009

Nun escenario de crise económica mundial o campus de Ourense non é alleo a unha situación que se traduce nun orzamento máis axustado que en anos anteriores, pero que segundo afirma Juan Francisco Gálvez, non impedirá "que os compromisos fundamentais se cumpran". A inuguración do CITI, o inicio da construción do campo de fútbol-rugby e das pistas de atletismo, así como o inicio da execución do plan Ourense Aporta, son algunhas das realizacións que marcarán este ano 2009 que acaba de comezar no campus ourensán. Un campus do que o seu vicerreitor destaca que ten unha fortaleza básica "que temos titulacións en todos os ámbitos" e que en investigación factura o 35% do total da Universidade, "o que quere dicir que estamos moi por riba do nviel que nos correspondería por porcentaxe", sinala Gálvez.

Comeza un novo ano cheo de retos e dificultades no que sen dúbida o tema de actualidade é a crise económica que se está a vivir en todos os sectores. Como afectará, se é que lle e afectará, esta situación ao campus?
Aféctanos no sentido de que temos un orzamento máis axustado que en anos anteriores. De todos os xeitos, os compromisos esenciais vanse cumprir. Concretamente este ano faranse as pistas de atletismo e o campo de fútbol-rubgy que xa están no orzamento con dous millóns de euros. Tamén se vai a executar parte do proxecto de Patxi Mangado no que afecta á creación do parque no campus novo e adicaremos preto de 400.000 euros á adaptación dos centros ao Espazo Europeo de Educación Superior. Esta última é unha inversión moi importante para a que non contamos con financiamento adicional, polo que temos que quitalo do orzamento de outros proxectos, como a urbanización do campus que se verá afectada xa que o que se podería facer nun ano tardará dous ou tres. Ademais estamos intentando reformular o proxecto da gardería, porque o que tíñamos respondía a unha galescola cun orzamento de 600.000 euros e, como finalmente non vai adiante, queremos modificalo para abaratar os custos ata deixalo na metade. Se conseguimos que saia un proxecto de calidade, iniciaremos a construción da gardería e se non é posible, con eses cartos comezaremos a primeira fase dun edificio administrativo.

Considera que co desenvolvemento do proxecto Ourense Aporta do arquitecto Patxi Mangado a cidade e o campus quedarán definitivamente integrados? Porque, aínda existe esa brecha entre a cidade e a universidade ou acurtouse nos últimos anos?
Se o proxecto se leva a cabo tal e como está previsto e deseñado sen dúbida. O campus non só vai quedar integrado na cidade senón que coa cantidade de servizos adicionais que se van a xerar, cambiará a imaxe do campus e de Ourense. Só o feito de ter un tranvía que veña dende a estación do AVE ata a zona universitaria, que haxa espazos de encontro para estudantes e empresas, de comercio e zonas verdes e residenciais vai facer que o campus sexa unha parte viva da cidade. E logo, algo que a min me resulta imprescindible, sería o soterramento da estrada para que a división do campus desaparecese, de xeito que fose un todo completamente integrado na cidade onde a xente puidese pasear, realizar compras, etc.

O que parece difícil de mellorar é a relación que a Universidade mantén coas institucións, concretamente coa Deputación e o Concello, non?
A relación coa Deputación é inmellorable, de feito, seguramente en marzo imos asinar un convenio a través do que obteremos 311.000 euros que se van destinar a proxectos de investigación e culturais como á sala Alterarte, aos obradoiros e aos cursos de verán. Co Concello tamén temos unha boa relación, aínda que se pode chegar a máis. O ano pasado cedéronnos os terreos para a construción das pistas de atletismo e o campo de fútbol-rugby. Ademais existen moitos proxectos de colaboración, sobre todo de grupos de investigación que fan traballos para o Concello, pero hai que seguir avanzando. Sen dúbida o punto no que máis unidos estamos e onde temos que ser un, é no proxecto Ourense Aporta.

Falando de novas construcións. Para cando a inauguración do CITI? Que suporá esta infraestrutura para a investigación no campus de Ourense?
O CITI vaise inaugurar cando os grupos de investigación xa estean alí traballando, non imos inaugurar un edificio sen que haxa ninguén, iso xa se podería facer agora porque xa está rematado e equipado. O que queremos é que a inauguración oficial teña lugar cando os grupos xa estean mudado e adaptados ao novo espazo, e iso seguramente será en marzo ou abril.
Penso que o CITI será un punto de inflexión á hora de crear proxectos co sector privado. Con este edificio dedicado á investigación conseguiremos que as empresas do Parque Tecnolóxico e do Polígono de San Cibrao nos vexan como parte deles e poidamos colaborar dun xeito máis directo. Dende logo a nosa intención é que se multipliquen os contratos de I+D e que os grupos de investigación teñan espazos adaptados ás súas necesidades, con equipamento punteiro, que favoreza non só a investigación aplicada senón tamén a teórica.

Este ano, concretamente o próximo curso, o campus comezará a impartir varios graos. Como se desenvolveu o proceso de adaptación das titulacións ao EEES e que traballo queda por facer?
Aínda que foi un proceso complexo, levouse a cabo sen ningún tipo de discrepancias e con moita normalidade. Isto hai que agradecerllo aos equipos decanais de cada un dos centros por que fixeron un tremendo esforzo.
Por facer queda nada máis que a implantación. A partir de setembro todos os alumnos de novo ingreso na Universidade xa van polo Plan Boloña, polo tanto, o que hai que facer agora é poñer en funcionamento todo o sistema administrativo de matriculación e xestión. O demais está máis ou menos feito, a maioría dos centros xa teñen os seus espazos adaptados e, como dicía antes, imos investir preto de 400.000 euros para modificar os que o precisen.

Considera que este é un campus ben dimensionado? Cre que faltan ou sobran titulacións ou que a oferta está ben axustada?
Penso que o campus de Ourense ten unha fortaleza básica: ten titulacións en todos os ámbitos. No humanístico temos a licenciatura en Historia e as sete titulacións de Ciencias da Educación; no ámbito tecnolóxico temos a Escola Superior de Enxeñería Informática con dúas titulacións e a Enxeñería Técnica Agrícola; no ámbito xurídico-social temos catro titulacións das Facultades de Ciencias Empresariais e Turismo e Dereito e no ámbito científico temos Física, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Ciencia e Tecnoloxía do Medio Ambiente.
Pode faltar algo? Por suposto que sempre queremos máis titulacións, pero está claro que cando se soliciten, probablemente no ano 2011, serán titulacións exclusivas, que non se repitan e será o Consello de Campus, que representa a todos os centros e sectores, o que as elixa.

Antes falábamos do CITI, como avalía o nivel da investigación que se realiza no campus de Ourense? Cales considera que deben ser as apostas estratéxicas dos investigadores que desenvolven aquí o seu traballo?
Temos un nivel moi bo e hai un dato que o exemplifica. O campus de Ourense supón aproximadamente o 20% en masa, entre alumnos, profesorado e orzamento, do total da Universidade de Vigo, sen embargo en investigación facturamos case o 35%. Isto quere dicir que estamos moi por riba do nivel que nos correspondería por porcentaxe.
No tocante as apostas investigadoras, penso que teñen que ser aquelas que aporten máis a sociedade. Na provincia de Ourense hai unha serie de áreas marcadas que eu creo que estamos traballando moi ben o ámbito científico, orientado a temas agrarios e alimentarios no que está moi implicada a Facultade de Ciencias; o ámbito das TIC, coa ESEI; o ámbito da historia, no que se traballa moito nos recursos de patrimonio e de arqueoloxía e por último a área educativa na que tamén estamos avanzando a recuperación de contornas educativas. En definitiva todos os centros están traballando moi ben en investigación e ademais adaptándose ao noso entorno social próximo.

Unha das áreas nas que sen dúbida destaca o campus de Ourense é a actividade cultural que promove e non só a través de grandes eventos como a MITEU ou a MOTI, senón tamén coa Intercultural ou coas exposicións da sala Alterarte. Como é posible manter unha actividade tan intensa e de calidade?
É posible grazas aos recursos económicos cos que contamos. Temos tres aulas de teatro que poucas universidades en España teñen esa cantidade; a Intercultural que promove concertos, conferencias, exposicións; a sala Alterarte de arte alternativo para xente nova; o dobre de cursos de verán que nos corresponderían e gran cantidade de obradoiros. E todo isto é grazas ao financiamento que recibimos por parte da Universidade e, sobre todo, por parte da Deputación Provincial. Estamos investindo ao ano en temas culturais unha cantidade próxima aos 400.000 euros dos que a metade provén da Universidade e o resto da Deputación. Sen estes recursos sería imposible manter este ritmo tan acelerado de actividades e de tanta calidade.

Cando queda pouco máis dun ano para que remate o mandato de equipo de goberno ao que vostede pertence, que balance fai da súa xestión ao fronte do campus de Ourense?
O balance terían que facelo os que nos sofren. Eu penso que os compromisos electorais estanse cumprindo. Fixemos unha inversión moi importante en enerxías renovables e alternativas e este mes remataremos o alumeado do campus que é todo con lámpadas de baixo consumo. Puxemos placas solares e cambiamos a instalación do Pavillón de Deportes para que a auga quente se produza con enerxía solar. As pistas de atletismo, o campo de fútbol-rugby e a gardería tamén eran un compromiso electoral que imos cumprir antes de que finalice o mandato. Ademais, fíxose un esforzo moi grande no interior dos centros con reformas de aulas, instalacións eléctricas novas, creación de espazos como a ampliación do Politécnico e a renovación das cubertas dos pavillóns e dos Edificios Xurídico-Empresarial e de Ferro.
E por suposto, non podemos esquecer, o proxecto de Patxi Mangado, Ourense Aporta, que debe marcar o futuro do campus e que poderán seguir os equipos posteriores a nos.

En que punto está o proceso de descentralización que comezou coa incorporación dunha vicexerenta de campus?
Está moi avanzado. Antes de que remate o curso poderemos presentar ante a comunidade universitaria o Plan Xeral de Descentralización, pero xa demos un novo paso coa descentralización de bolsas informáticas, cultura e deportes. Os docentes xa poden asinar os seus contratos aquí, ao igual que os proxectos de investigación que xa se poden entregar aquí. E imos seguir avanzando moito máis.