DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Convocada a 2ª edición dos premios de investigación e ensino secundario eurorrexión 2009

A investigación e o fomento do coñecemento da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal teñen premio

Impulsado pola Universidade, Caixanova e a cátedra da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 24/11/2009

Un traballo sobre o capital humano como factor de converxencia valeulle o pasado ano á doutora Elvira Vieira o primeiro Premio de Investigación Eurorrexión 2008 ao que concorreron unha ducia de traballos elaborados por máis de corenta investigadores. Creado pola Universidade de Vigo, Caixanova e a cátedra eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, o galardón chega este ano á súa segunda edición co obxectivo de “contribuír a fomentar a investigación sobre a problemática e as potencialidades eurorrexionais”, segundo sinala o director da Cátedra e profesor do departamento de Organización de Empresas e Marketing da Universidade de Vigo, Xosé Manuel García.
Ata o 31 de decembro teñen de prazo para entregar os seus traballos os investigadores que concorran á segunda edición do premio que pretende afondar no coñecemento dos problemas eurorrexionais co fin de incrementar o interese social e a identidade eurorrexional. Ademais segundo sinala García “queremos incentivar o labor dos investigadores dando difusión aos seus traballos e contribuír a que exista unha maior comunicación entre a comunidade investigadora e o tecido socioeconómico de xeito que ambas se enriquezan mutuamente”.
Da ducia de traballos presentados á primeira edición do premio o xurado destacou a súa calidade á hora de abordar cuestións como educación, arte, paisaxe, turismo termal ou desenvolvemento rural. Pola súa banda o premio de ensino secundario foi declarado deserto por parte do xurado.

Aspectos a valorar

6000 euros recibirá o gañador ou gañadora do premio pola súa investigación que deberá estar relacionada con algún aspecto do desenvolvemento eurorrexional, entre eles os que fomenten un mellor coñecemento dos problemas sociais, económicos e políticos da eurorrexión Galicia- Norte de Portugal. O xurado que estará presidido polo reitor da Universidade de Vigo e o presidente de Caixanova e formado por cinco vogais e recoñecido prestixio no ámbito da investigación eurorrexional , valorará dos traballos recibidos “a contribución ao coñecemento da realidade da eurorrexión, a novidade e a innovación, a calidade científica e que a estrutura, presentación e acabado permitan a publicación inmediata”, sinala Xosé Manuel García.
Os traballos que non teñen ningunha limitación en canto a súa extensión, deberán presentarse en papel e soporte informático e baixo seudónimo na cátedra da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no Edificio CACTI, 1º andar do campus de Vigo.

Fomento da identidade eurorrexional entre os máis novos

Estudantes de segundo ciclo de ensino secundario, de bacharelato e de ciclos medios de formación profesional no caso de Galicia e estudantes de terceiro ciclo de ensino básico e de ensino secundario no de Portugal, poderán participar cos seus traballos á convocatoria do II Premio de Ensino Secundario no que o obxectivo principal é fomentar o coñecemento da eurorrexión, “ademais de romper fronteiras e fomentar a identidade”, subliña o director da cátedra.
Neste caso o establécense catro premios, dous dotados cunha contía de 1000 euros cada un para estudantes que cursen bacharelato ou ciclo medio de formación profesional e outros dos galardóns dotados con 500 euros para estudantes de segundo ciclo de ensino secundario en Galicia ou terceiro ciclo de ensino básico na rexión Norte de Portugal. Ao igual que no caso do premio de investigación o prazo de entrega dos traballos remata o 31 de decembro.