DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CC da Educación e do Deporte é unha das organizadoras do evento internacional de Catoira

A investigación e a innovación aplicadas ao piragüismo reúnen nun congreso preto de 300 técnicos e especialistas

Os campións olímpicos Saúl Craviotto e Maialen Chorraut figuran entre os relatores

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 26/10/2018

Procedentes de 15 países, preto de 30 conferenciantes e arredor de 280 inscritos e inscritas participan desde este venres no VII Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo en Augas Tranquilas – I Congreso Internacional de Slalom, que a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o Concello de Catoira, a Real Federación Española de Piragüismo e a Federación Galega de Piragüismo organizan nesta localidade pontevedresa. Abordar as máis recentes investigacións e innovacións aplicadas a un deporte que “necesita de moita máis investigación”, como sinala o presidente do Comité Organizador e profesor da Universidade de Vigo, Manuel Isorna, constitúe o obxectivo central do evento que deu comezo na mañá deste venres e que se estende ata este domingo 28 e que ten entre os e as súas conferenciantes aos campións olímpicos Saúl Craviotto e Maialen Chorraut. 

Xunto a estes dous deportistas, entre os conferenciantes neste evento figuran tamén o presidente da Federación Internacional de Piragüismo, José Perurena; os técnicos do equipo nacional húngaro Miklos Simon e Viktor Hüvös; o ucraíno Yuri Cheban, medalla de ouro en Londres 2012; ou o tamén olímpico Jernej Zupancic, actualmente técnico do equipo nacional júnior de Eslovenia. “A calidade dos adestradores que acoden é impresionante”, recoñece Isorna, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, dun congreso que reúne a técnicos chegados de países como Suecia, Finlandia, Dinamarca, Serbia, Lituania, República Checa, Francia, Inglaterra, Australia, India, Colombia ou México, pero tamén a investigadores e deportistas.

Referencia internacional

Aínda que ao longo da mañá deste venres contou xa cos relatorios dos adestradores David Calvente e Xabi Taberna, do italiano Andrea Peace, o húngaro Andras Szabo e a investigadora italiana Sabina Strano, que falou da dopaxe e as súas ameazas, este congreso internacional celebra na tarde deste venres o seu acto de apertura. Nel participan o alcalde de Catoira, Alberto García; o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, o director xeral de Deportes do Consejo Superior de Deportes, Mariano Soriano, responsable tamén da conferencia inaugural; a secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez; o presidente da Real Federación Española de Piragüismo, Juan José Román; e presidente da Federación Galega, Alfredo Bea.

“Cremos que a formación e o coñecemento, tanto científico como técnico, son piares básicos para o progreso, da ciencia e do piragüismo”, salientou Soto na inauguración dun congreso que “entronca de cheo coas políticas que está levando a cabo a Universidade” nas áreas de saúde e deporte. Un congreso que, como engadiu Soriano, ten en cada edición “unha proxección cada vez maior e unha maior resonancia internacional”, converténdose nun “excelente escaparate” do piragüismo español, deporte no que, lembrou, España acumula 16 medallas olímpicas, entre elas as catro logradas en Río 2016. Trátase dun congreso “que nos pon á cabeza do mundo, co que somos unha referencia en formación técnica do piragüismo”, engadiu o representante do Consejo Superior de Deportes, mentres que Marta Míguez puxo o acento na importancia de que este evento aborde aspectos “como o deporte feminino, o deporte adaptado ou a dopaxe”, así como no importante papel dos adestradores e adestradoras nos éxitos deportivos. Juan José Román, pola súa banda, salientou o “gran nivel” dos e as conferenciantes, mentres que Bea subliñou a importancia que ten para o piragüismo galego “rodearse de sabios” para acadar “un maior coñecemento co que alcanzar metas máis grandes” e Alberto García felicitouse polo feito de que o congreso amplíe o seu foco de análise, nesta sétima edición, á modalidade do slálom.

 

Da innovación técnica e tecnolóxica á saúde

De carácter bienal, o congreso naceu en 2004 pola necesidade de “dar un paso máis na formación dos técnicos” neste deporte, xa que, como sinala Isorna, “detectamos que había unha lagoa en temas de formación e que era moi importante fomentar a investigación”, xa que, engade "non hai máis que mirar o número de publicacións científicas, que é moi inferior ao doutros deportes”. Co propósito precisamente de dar pulo ao labor investigador neste eido, o congreso completa o seu programa coa presentación de 25 traballos de investigación a través de 14 comunicacións e once pósters, á vez que cunha serie de talleres simultáneos centrados sobre medición de velocidade, potencia e forza ou prevención de lesións, dirixidos tanto a técnicos como a deportistas.

O obxectivo, sinala Isorna, é abordar as investigacións e innovacións relacionadas con este deporte, “tanto a nivel tecnolóxico, como a nivel de preparación e a nivel técnico”. Do mesmo xeito, entre as diferentes conferencias que se integran no se programa abórdanse tamén aspectos como a nutrición, “que é un aspecto fundamental, ou por primeira vez, o tema da morte súbita nos deportistas”. Así, entre os ámbitos a abordar figuran aspectos como o adestramento deportivo en mulleres, na conferencia que imparte na tarde deste venres o húngaro de Miklos Simon; mentres que o sábado debateranse cuestións como o sistema de video arbitraxe, da man do presidente do ICF Canoe Slalom Commitee, Jean Michel Prono; o paracanoeing e o piragüismo adaptado, no relatorio de Ismael Uali e Jonathan Monteagudo; ou a evolución na planificación de Craviotto, nunha conferencia do campión do mundo e adestrador Miguel García. Tamén se falará da prevención e tratamento de lesións, da man do profesor da Universidade de Vigo José Luis García Soidán, ou de claves biomecánicas para mellorar a velocidade, na conferencia do inglés Jon Schofield, mentres que o domingo a británica Ames Train falará do desenvolvemento do potencial atlético no rendemento das mulleres e o ucraíno Alexander Nikonorov do adestramento para a mellora da velocidade, nunha xornada que contará tamén coa participación de Chorraut e Cravioto e na que Perurena presidirá o acto de clausura.

A análise incorpora o slálom

Unha das novidades desta sétima edición é que a incorporación á análise doutra modalidade olímpica do piragüismo, o slálom, “xa que se en augas tranquilas hai pouca investigación, en slálom hai aínda menos”, explica Isorna. Con esa idea, o evento incorpora ao seu programa cinco conferencias específicas sobre esta modalidade, entre elas, a que impartirá o domingo Xabi Etxaniz, adestrador de Chorraut, dúas veces medallista olímpica.