DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu reitor, Zaki Akel Sobrinho, visita oficialmente o campus de Ourense

A investigación dá pulo á colaboración coa Universidade de Paraná

Actualmente existen liñas de cooperación entre a Universidade de Vigo e a brasileira en mobilidade d

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 17/02/2012

“A mobilidade de estudantes entre as universidades de Vigo e Paraná foi un primeiro paso importante pero agora queremos dar un paso máis adiante e colaborar en investigación, na oferta de dobres titulacións e na co-tutela entre as dúas institucións de traballos de investigación de fin de carreira ou mestrado”. Así explica Zaki Akel Sobrinho, reitor da Universidade Federal de Paraná (Brasil), as liñas de futuro da colaboración entre as dúas institucións, motivo da súa visita oficial este venres ao campus ourensán, onde a súa universidade goza dunha intensa colaboración co mestrado en Turismo.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, quixo destacar que esta visita supón unha oportunidade de estreitar a colaboración coa Universidade de Paraná e de desenvolver a través de convenios específicos o convenio marco asinado entre as dúas universidades. “Hoxe máis que nunca é necesario facer máis con menos e a cooperación entre entidades xa non é un desexo senón unha obriga. Por este motivo para nós é un motivo de satisfacción ver as posibilidades de ampliar a mobilidade de docentes e alumnos que xa existe coa posta en marcha de proxectos de investigación conxunta que nos permitan participar en convocatorias internacionais”.

Turismo, Dereito, Pedagoxía e Ciencias do Mar

Concretamente, Zaki Akel Sobrinho apuntou que con esta visita quere ampliar as relacións coa Universidade de Vigo no ámbito da investigación nas áreas de Turismo, Dereito e Pedagoxía, no campus de Ourense, e en Ciencias do Mar, no campus de Vigo. Como exemplo desta posible colaboración investigadora, o profesor da Universidade Federal de Paraná José Manoel Gándara, atópase na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense realizando unha investigación, financiada pola Fundación Carolina, sobre a a experiencia turística en balnearios galegos.

“Traballamos co obxectivo de fortalecer as relacións coa universidade brasileira incrementando progresivamente os ámbitos de actuación, tendo moi en conta o desenvolvemento que está vivindo Brasil nos últimos anos”, engade José Antonio Fraiz, director do Máster de Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde onde naceu esta colaboración coa Universidade Federal de Paraná.

O papel das universidades nas cidades

Ademais de afondar nos lazos entre as dúas institucións, Zaki Akel Sobrinho ofreceu este venres unha conferencia na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo sobre o papel da Universidade Federal do Paraná na revitalización do centro da cidade de Curitiba onde se sitúa. O reitor presentou o proxecto que están desenvolvendo para crear un “corredor cultural” que, unindo no centro da cidade o reitorado e o edificio histórico no que naceu hai un século a institución que dirixe, dinamizar a economía, o comercio, o turismo, a cultura e a calidade de vida da contorna. O proxecto, que arrincará en marzo, implicará a todo tipo de axentes públicos e privados na rehabilitación do edificio histórico da univeresidade brasileira e da zona.