DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi realizada por persoal investigador da UVigo, USC e Fundación para a Investigación do Clima

Unha investigación sinala que as vagas de frío na península ibérica e Baleares serán cada vez menos frecuentes e duradeiras

Constata que a intensidade media será similar pero os eventos extremos diminuirán en magnitude

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 21/09/2023

As vagas de frío na península ibérica e Baleares serán cada vez menos frecuentes, duradeiras e a súa extensión espacial tamén será menor. Esta é a principal conclusión do artigo Cold wave intensity on the Iberian Peninsula: future climate projections, realizado polas e polos investigadores Nieves Lorenzo, do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo), Alejandro Díaz e Alberto Martí (Universidade de Santiago de Compostela) e Dominic Royé (Fundación para a Investigación do Clima), que acaba de ser publicado na revista Atmospheric Research. O estudo, que analiza o período 2021-2050, constata que a intensidade media das vagas de frío continuará sendo similar, aínda que os eventos extremos diminuirán en magnitude para o conxunto da península ibérica e Baleares, entre un 43% e un 54%, segundo a senda de representación de concentracións de gases de efecto invernadoiro (RCP), 4,5 e 8,5, respectivamente.

A extensión máxima das vagas de frío para o período analizado, indícase no estudo, diminuirá de maneira moito máis acentuada que a extensión media, con descensos que oscilan entre a -2.4% por década e o -5,5% tamén por década. Polo que respecta ao número medio anual de días de vaga de frío, sinálase, reducirase aproximadamente un 50% en comparación co período 1971-2000 (de 20,7 a 10 días). As tendencias para 2021-2050 amosan igualmente unha diminución de -1,2 días/década e -2,4 días/ década para os escenarios RCP 4,5 e RCP 8,5, respectivamente. A duración media dos eventos para o conxunto da península ibérica e Baleares tamén diminúe, aínda que en menor medida, de seis días a aproximadamente cinco. As maiores intensidades obsérvanse no estudo no este/nordés peninsular e zonas montañosas, e as menores na zona oeste.“É importante destacar que, aínda que as diminucións, especialmente significativas en termos de frecuencia e extensión espacial, suxiran unha diminución da exposición humana, no futuro próximo as vagas de frío poden seguir sendo unha ameaza local grave, xa que a poboación, cada vez máis envellecida e aclimatada a unhas temperaturas máis altas, pode resultar moi vulnerable a episodios de frío intenso”, explican dende o equipo investigador.