DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo constatou o grupo Remoss, da Facultade da Ciencias da Educación e do Deporte

Unha investigación sitúa nos 13 anos a idade mínima para realizar unha reanimación cardiopulmonar válida

As conclusións do estudo realizado con 700 escolares foron publicados na revista 'Resucitation'

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 24/03/2014

Cando unha persoa sofre unha parada cardíaca, un dos aspectos cruciais para a súa supervivencia é que a manobra de reanimación cardiopulmonar (RCP) se inicie o antes posible. É dicir, “precísase que alguén faga algo e que o faga rápido”, como salienta o profesor Roberto Barcala, investigador principal do grupo Remoss, para o que resulta fundamental que “a poboación coñeza os principios da reanimación cardiopulmonar”. Por iso, este grupo de investigación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte tratou de determinar a partir de que idade unha persoa dispón das condicións físicas necesarias para poder realizar unha reanimación en condicións e concluíu que un rapaz ou rapaza de 13 anos “pode facer unha RCP con características similares á dun adulto”.

As conclusións do estudo que este grupo de investigadores desenvolveu con máis de 700 nenos e nenas en diferentes colexios de Galicia e Madrid foron recollidas no artigo que os investigadores veñen de publicar na revista Resucitation, do European Resucitation Council, unha das publicacións de referencia no ámbito das emerxencias, na que "unha publicación equivale a que a transferencia do coñecemento sexa do 100% no ámbito científico”, salienta o investigador Cristian Abelairas, o responsable de avaliar os resultados dun estudo no que tamén traballaron os integrantes do grupo Remoss Vicente Romo e Marta Casillas e o pediatra e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Rodríguez Nuñez.

Ensinar reanimación na escola podería salvar vidas

Como apunta Barcala, que alguén actúe o máis rápido posible resulta determinante para salvar a vida das persoas que veñen de sufrir unha parada cardiorrespiratoria. “Por iso estase a tratar de fomentar unha cultura proactiva da cidadanía. Para facer unha RCP non hai que ser médico, o que prima no caso dunha parada cardíaca é a velocidade, unha intervención precoz”, salienta o investigador principal do grupo Remoss.

“A día de hoxe, existe un acordo unánime por parte da comunidade científica do valor de ensinar RCP na escola. O saber non ocupa lugar e neste caso, pode salvar vidas”, engade o investigador Cristian Abelairas, que recoñece como “controvertida” a pregunta de se un rapaz tería a capacidade de reacción necesaria ante unha situación na que fose preciso realizar unha manobra de reanimación. “Teño visto a xente adulta formada e preparada á que, no momento da verdade, lle puido a presión e, pola contra, a persoas sen formación algunha que se desenvolvían con temperanza e frialdade, algo necesario nestes casos”, apunta Abelairas, que conclúe que non dotar á mocidade desta formación suporía xa, a priori, negarlle “a posibilidade de poder reaccionar” e axudar a “salvar unha vida nun momento dado”.

Peso e altura determinan a idade mínima

Para determinar a idade mínima na que unha persoa pode realizar unha RCP, os investigadores do grupo Remoss traballaron durante un ano con nenos e nenas de entre 10 e 16 anos, aos que se lles impartía unha hora de formación sobre reanimación para que logo puidesen desenvolver esta manobra nos manequíns empregados para medir os diferentes parámetros que determinan a calidade da reanimación, como a frecuencia, a velocidade ou a profundidade das compresións. Este último aspecto, de feito, resulta de “gran importancia” á hora de determinar a calidade dunha manobra de reanimación e, segundo se constatou nesta investigación, existe unha “estreita relación entre a profundidade das compresións torácicas e a altura e o peso dos nenos”. Por iso, peso e altura foron dous factores determinantes á hora de atopar nos 13 anos “un punto de inflexión na calidade da reanimación con respecto a dos nenos e nenas menores desa idade”, explica Abelairas, que non obstante matiza, que a pesares de que a manobra realizada polas persoas desta idade sitúase xa nos niveis de calidade esixibles para que poida axudar a salvar unha vida, “non alcanza aínda os estándares da realizada por un adulto”.