DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xavier Labandeira presentou na capital danesa dúas publicacións sobre economía do cambio climático

Investigación viguesa sobre a economía das políticas ambientais no Cumio de Copenhague

O catedrático coordinou un número especial de "The Energy Journal" e o Informe 2010 FEDEA

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 17/12/2009

Foro de acordos e desacordos entre responsables políticos dos estados; escenario de mobilizacións protagonizadas por grupos coas máis diversas ideoloxías; lugar de reivindicacións e propostas…O cumio do cambio climático que ata este venres se celebra en Copenhague é todo isto pero tamén un espazo para a presentación de estudos e informes elaborados por científicos de todo o mundo sobre o cambio climático. Dous foron este xoves os traballos presentados no Bella Center de Copenhague, sede do cumio do cambio climático, polo catedrático de Economía da Universidade de Vigo, Xavier Labandeira. Xunto ao profesor da Universidade de Venecia Carlo Carro primeiro e posteriormente acompañado dos membros da Fundación de Estudios de Economía Aplicada (FEDEA), Leticia Moreno e Michael Hanemman, Labandeira deu a coñecer hoxe na capital danesa o número especial de The Energy Journal, Climate Change Policies After 2012 e as conclusións preliminares do informe FEDEA sobre aspectos económicos do cambio climático en España. “No caso de The Energy Journal Climate” , explica Labandeira “o grupo de investigación Rede da Universidade de Vigo foi quen de que lle fose aceptada a publicación dun número especial no que se recollen as contribucións dos participantes do Workshop Atlántico sobre Economía Ambiental e Enerxética que Rede organizou en 2008 na Illa da Toxa”. The Energy Journal é a principal revista académica internacional do campo da Economía da Enerxía e neste número especial os profesores Labandeira e Martín –Moreno foron os encargados da selección de traballos, organización do proceso de avaliación externa dos traballos, así como da redacción da introdución.
No caso do Informe 2010 FEDEA Labandeira encargouse da coordinación dun informe sobre aspectos económicos do cambio climático en España que reúne aos principais expertos españois nesta cuestións.”FEDEA”, explica o catedrático da Universidade de Vigo, “é un centro de investigación que ten como un dos seus obxectivos producir anualmente un informe sobre temas económicos de gran relevancia para o país e neste estudo tratamos as preferencias sociais sobre política de cambio climático, posibles efectos económicos das políticas ou un estudo da incidencia do cambio climático sobre a auga e a agricultura”.

O 91% dos españois pensan que cómpre actuar contra o cambio climático

De xeito case unánime a cidadanía española opina que alguén debería realizar accións para evitar o cambio climático. Esta é unha das conclusións preliminares que se tiran do Informe 2010 FEDEA no que Xavier Labandeira, Michael Hanemann e María Loureiro, avalían a concienciación dos cidadáns españois sobre o cambio climático e as súas actitudes fronte a estratexias de redución de emisións e a disponibilidade de pagar das familias españolas para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.
A enquisa telefónica realizada a unha mostra representativa da poboación española revela que un 37% dos enquisados considera a contaminación atmosférica e o cambio climático como o problema ambiental máis importante en España na actualidade e un 31% considera que deben introducirse límites máis estritos sobre a cantidade de contaminación emitida pola industria. O informe presentado este xoves en Copenhague pon de manifesto tamén que máis dun 50% da poboación estaría disposta a pagar ata 300 euros anuais por unha enerxía máis limpa e unha maior eficiencia enerxética.”Informámoslles aos enquisados que a electricidade que usamos nos nosos fogares e empresas é responsable dun 28% da emisións españolas de efecto invernadoiro e que o goberno estaba considerando un programa equilibrado para reducir o uso de enerxía que faría que producir electricidade fose menos caro, aínda que durante os primeiros anos a electricidade sería máis cara”, explica Labandeira. Preguntados os enquisados por se estarían a favor do programa proposto e que custo mensual estarían dispostos a asumir, máis da metade da mostra sinalou 25 euros como cantidade axeitada. En relación coa urxencia coa que aplicar a redución de emisións o 54% dos enquisados afirmaron que era totalmente necesario reducir as emisións hoxe, aínda que os efectos do cambio climático non se sintan ata dentro de 50 anos. Resultados que segundo Labandeira, “son de utilidade para distintos axentes sociais, particularmente para o goberno e as empresas que operan nestes campos”.

E despois de Kioto 2012, que?

As políticas de cambio climático despois do 2012, ano da finalización do Protocolo de Kioto, é o fío condutor do número especial da revista The Energy Journal que a International Association for Enerby Economics ven de publicar e no que Xavier Labandeira e José M. Martín-Moreno, exerceron como editores invitados. Formulada como una recompilación dos traballos presentados no Workshop que sobre Economía do Cambio Climático que organizou o grupo Rede na Illa da Toxa en 2008, a revista inclúe “artigos relativamente heteroxéneos, aínda que unha boa parte deles se ocupan do deseño e efectos dos instrumentos económicos de política ambiental neste campo”, apunta Labandeira.
A edición deste número especial nunha revista que se atopa entre o medio cento de publicacións de Economía cun maior impacto supón , segundo o catedrático da Universidade de Vigo, “un punto de inflexión para o noso grupo de investigación. Claramente nos asenta como un dos grupos que está a contribuír á discusión económica das políticas enerxéticas e ambientais a nivel mundial, tanto polas actividades que organizamos como pola produción académica que sae delas e do noso traballo de investigación”.

Expectativas optimistas sobre o Cumio de Copenhague

Aínda que o pesimismo en relación coa consecución dun acordo ambicioso e global que reduza as emisións de gases de efecto invernadoiro, vaise apoderando de moitos dos participantes e analistas do cumio a medida que este avanza, Xavier Labandeira maniféstase optimista . “Aínda que é posible que non saibamos nada ata o venres a última hora, eu son optimista sobre o que poida conseguirse, entre outras cousas pola grande mobilización social, mediática e dos gobernos que estamos a ver estes últimos días”, afirma o catedrático de Economía. Inmersos na discusión de procedementos, formas e tecnicismos, os representantes dos case 200 países que negocian o acordo en Copenhague, ven pasar os días sen que se materialicen resolucións concretas que Labandeira considera imprescindibles. “Os científicos levan tempo avisándonos da necesidade dunha acción rápida e potente para evitar males de gran magnitude” , conclúe o economista que recoñece a complexidade dunha negociación na que todos os asuntos están relacionados e sobre todos os intereses son moi diferentes.