DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O nome da embarcación elixirase cun concurso a través da web da Estación de Ciencias Mariñas

As investigacións da Ecimat navegarán pola ría a bordo dun novo barco

Construída nos estaleiros Rodman en Domaio, esta nave de apoio entrará en funcionamento a mediados d

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 29/04/2013
Un pequeno barco de pesca deportiva de 7,5 metros de eslora e cinco toneladas de desprazamento con todas as adaptacións para o apoio a estudos oceanográficos en fondos superficiais da costa. Esta será a nova ‘xoia’ coa que contará a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), unha embarcación que está a ser construída nos estaleiros Rodman en Domaio e que se estima que estea dispoñible para comezar a traballar a mediados de xuño. Trátase dun Fisher cunha pequena grúa hidráulica con brazo telescópico para o izado de equipamentos científicos lixeiros, como poden ser botellas oceanográficas ou dragas. Con capacidade para levar a oito persoas a bordo, este novo equipamento contará cunha plataforma en popa para facilitar o acceso a ata catro mergulladores. A finalidade desta embarcación é “o apoio a traballos de investigación en augas das Rías Baixas, tanto de investigadores da Universidade de Vigo como de outras institucións”, explica Antonio Villanueva, responsable de I+D da Ecimat.

Con unha variedade de sensores

Esta embarcación sumarase á zodiac de 5,2 metros e motor fóra borda da que xa dispón a estación de Toralla. O novo barco, que se incorporará á Unidade de Medio Mariño, contará cun completo equipamento no que se inclúen sensores modulares de temperatura e condutividade, de presión galga ou auxiliares de osíxeno disolto, fluorómetro e turbidímetro, cun kit de montaxe e cableado; un sónar de varrido lateral; redes de mostraxe; microsensores de condutividade, temperatura e presión; un compresor de aire de baixa presión para o subministro de aire dende a superficie aos mergulladores e un ordenador portátil para o traballo de campo.

Un paseo en barco pola Ría de premio

Pero para que esta adquisición estea lista para o seu uso precisa algo moi importante: o nome. Para atopar o máis axeitado, a Ecimat convoca por primeira vez un concurso aberto á toda comunidade no que os interesados poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 8 de maio. Os participantes deberán cumprimentar un formulario que está a disposición do público na web do centro de Toralla no que os interesados deben introducir tan só o seu nome completo, dirección de correo electrónica e a proposta para a embarcación. Unha vez pechado o prazo a comisión xestora da Estación de Ciencias Mariñas escollerá os cinco nomes máis interesantes de entre todos os enviados e os usuarios votarán o seu preferido a través do blog do centro. O gañador poderá gozar acompañado por outras tres persoas dun paseo pola ría de Vigo na nova embarcación.