DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No V Congreso Nacional de Ciencias del Deporte y la Educación Física

Investigacións punteiras nas ciencias do deporte e da actividade física conflúen no campus de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra e o vicerreitor do campus asistiron á inauguración

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 07/05/2009

Todas as novidades que se tiran das investigacións no campo das ciencias do deporte e da actividade física desembarcan, a partir de hoxe e ata o vindeiro sábado, no campus de Pontevedra con motivo do V Congreso Nacional de Ciencias del Deporte y Educación física que esta mañá foi inaugurado polo alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e mailo vicerreitor do campus, Jesús Hernández. Investigacións punteiras dos ámbitos do rendemento, a didáctica, a xestión, o ocio, a saúde e maila historia deste sector , serán recompiladas ou dadas a coñecer nesta cita que, como sinalou Hernández, “celebra a súa quinta edición e iso significa que interesa sobremanera”. O evento, sinalou, incide nunha aspiración fundamental da Universidade, a de “transferir o coñecemento" para obter unha mellor calidade de vida. “Encontros de investigación deste tipo”, apuntou, “son os que a Universidade de Vigo quere potenciar porque cremos que son o piar da universidade do século XXI”.
A organización desta cita, “que xa ten un oco propio no calendario das citas científicas da cidade”, asegurou o alcalde, xurdiu no seu primeiro ano por iniciativa dos estudantes que remataban os estudos pero querían seguir vinculados á facultade e manterse ao día. Uns valores que Lores considerou “positivos e que se deben difundir para incrementar a identidade de Pontevedra como cidade de deporte”. Canda o alcalde e o vicerreitor, no acto de inauguración participaron José Luís García Soidán, presidente do comité organizador, que agradeceu “a fidelidade dos 350 participantes e das empresas colaboradoras pese ao contexto de crise”, e Víctor Arufe, director xeral do comité, quen amosou o seu convencemento de que “o esforzo económico e de tempo dos asistentes verase recompensado cun panel de poñentes rigorosamente seleccionado”.

Investigacións sobre o adestramento da flexibilidade

O profesor da Universidade de Vigo, Luís Casáis, fòi o primeiro en compartir co auditorio do Pazo da Cultura os descubrimentos que as investigacións sobre o adestramento da flexibilidade máis actualizadas e ricas arroxan. E é que, segundo afirmou, este aspecto do adestramento non semella “ser un gran secreto pero hai moitos tópicos ao seu arredor e a súa investigación retomouse nos últimos anos”. Casáis, membro do grupo Hi-20 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, non pasou por alto ningún aspecto e cuestionou ideas básicas como a utilidade dos exercicios de estiramento, a súa eficacia na prevención de lesións e que tipo de exercicios son os máis axeitados. Segundo afirmou, convén “poñer en corentena as evidencias científicas” e avogou por prestar moita atención “a como de desenvolven as investigacións”. Respecto á cuestión da utilidade dos exercicios de flexibilidade na prevención de lesións, Casáis indicou que os estudos máis novos e solventes indican “que algúns non preveñen ningún tipo de lesión” pero tamén que existen “evidencias científicas de que en determinado réxime e carga de traballo poden ser a mellor prevención”. Neste punto estableceu unha clasificación entre estiramentos estáticos e dinámicos (como o PNF, CRAC ou os rebotes) recomendando estes últimos “para as prestacións musculares e o aumento de velocidade de carreira ou accións de axilidade”. Pola contra, as variedades estáticas demostran nos estudos a súa eficacia “de cara á recuperación activa”.

A realidade do adestrador e os beneficios da cervexa

Os asistentes ao congreso tiveron ocasión de presenciar unha mesa redonda, moderada por Pablo Díaz, sobre a realidade na que o adestrador deportivo desenvolve o seu traballo e os medios técnicos, humanos e económicos cos que conta para facelo. Nela interviñeron José Ramos Duarte, director do Laboratorio de Experimentación Animal da Universidade de Oporto e considerado un referente mundial na aplicación da microscopia electrónica e da bioloxía molecular ao esforzo; Emerson Ramírez, adestrador de natación no Centro Galego de Tecnificación Deportiva; e Santiago Ferrer, do sector de saltos da Federación Española de Atletismo. Antes do descanso do almorzo o programa, que sufriu algunhas modificacións, continuou cunha nova mesa redonda na que os doutores Manuel Castillo-Garzón e Joan Ramón Barbany e o especialista en fisioloxía do ejercicio e ex xogador profesional de baloncesto, Juan Antonio Corbalán, puxeron sobre a mesa os efectos beneficiosos da cervexa na recuperación do metabolismo dos deportistas no marco dunha dieta equilibrada.
A xornada completouse coa realización dos primeiros cursos de especialización que se ofertan aos asistentes. Esta oferta permite afondar en aspectos moi específicos como a avaliación do rendemento en deportes de equipo, a planificación das recuperacións das cargas de traballo ou estiramentos. Así ata completar unha lista de doce cursos de “superespecialista”.

Completa programación do venres

Como cada ano o congreso estará inspirado por un fío condutor que nesta ocasión é a importancia da Educación Física no sistema educativo español, un tema escollido para reivindicar a importancia como materia común na escola ante o perigo da redución de horario nesta materia. Precisamente sobre este aspecto achegará a súas reflexións Francisco Ruiz, da Universidad de Murcia, no primeiro relatorio de mañá que dará paso a que ata a hora do almorzo se desenvolvan novas sesións dos cursos de especialización. Xa pola tarde, ás 17.00 horas, a xornada continuará co intervención de Onofre Contreras, cun relatorio baixo o título Intervención cultural en educación física. Tomará o relevo o doutor Jorge Fernández, da Politécnica de Madrid, que ofrecerá un relatorio sobre o protocolo e as actividades relacionadas co deporte e a organización de eventos. As Reflexións sobre a teoría e a práctica da acción motriz de Arturo Díaz, da Universidad de Murcia, e unha mesa redonda, inédita na historia deste congreso, na que intervirán alumnos das universidades de Vigo e A Coruña sobre o futuro da Educación Física en España, completarán a programación do día.