DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Outorgado polo portugués Grupo Montepio

O investigador Carlos Nogueira gaña un concurso de ensaio cun traballo sobre Valter Hugo Mãe

O autor é unha das figuras máis relevantes da escena literaria portuguesa actual

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 09/07/2014

Un texto sobre Valter Hugo Mãe (Saurimo, Angola, 1971), un dos escritores máis importantes da escena literaria portuguesa actual, valeulle ao profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Carlos Nogueira o 1º premio do Concurso de Ensaio Montepio 2013, cuxa cerimonia de entrega se celebrará antes de que remate o mes. Investigador da literatura oral tradicional e lector de portugués, Carlos Nogueira suma así un novo galardón a unha lista na que, entre outros, figura o Premio á Internacionalización da Produción Científica da Universidade Nova de Lisboa, recibido a finais de 2013 por ser o investigador con máis artigos publicados en revistas indexadas na web de Science.

“Lido en Portugal e no estranxeiro, a obra novelística de Valter Hugo Mãe, é recoñecida pola crítica pero apenas está estudada e, pola contra, a súa riqueza e complexidade esixe estudos parciais que axuden a ler os múltiples universos e problemas que evoca”, subliña Carlos Nogueira, ao tempo que fai fincapé en que no seu ensaio tentou explicar en que medida as cuestións do traballo e da familia, “inherentes á vida de cada persoa e á vida en sociedade”, son parte do núcleo dos temas principais que estruturan todas as novelas deste autor, cuxos libros van destinados sobre todo ao público infantil e xuvenil.

“A escrita deste autor é moi especial , xa que é un exemplo perfecto de articulación entre ética, a arte que toda obra literaria debe perseguir, e estética”, recalca o investigador, que fai fincapé en que as súas novelas solicitan do lector o seu pensamento e tamén a súa sensibilidade. “A implicación psicolóxica do narrador é sempre moi intensa pero, ao mesmo tempo, hai unha invitación constante á reflexión e ao autocuestionamento de quen le”, engade Nogueira, que explica que o autor quere comprender o mundo e darlle un sentido e, por iso, “ante prexuízos, vicios e erros constantes, a representación da familia e do traballo, que acompaña o tema universal das relacións entre o home ea muller, é unha constante nas súas novelas”.

Inmerso na elaboración dun ensaio sobre J. Rentes de Carvalho

Outorgado polo Grupo Montepio, de quen Nogueira destaca a súa importancia no panorama social portugués, o galardón é para Nogueira unha moi boa nova. “É sempre bo recibir un premio, sobre todo cando, como é o caso, sabemos que non houbo aquilo que en portugués coloquial chamamos ‘cunhas’”, recalca Noriega, en referencia ao enchufismo que, ao seu modo de ver, acostuma acompañar aos concursos de ensaio literario.

Ao respecto dos novos proxectos nos que agora está inmerso, o investigador destaca un novo ensaio sobre outro escritor portugués, J. Rentes de Carvalho (1930), que viviu durante anos en Holanda, país no que segue a realizar estancias habituais. “Desde mediados da década de 1950 converteuse nun escritor de grande éxito pero non foi ata agora que está a comezar a ter o recoñecemento que merece en Portugal”, subliña Noriega, ao que engade que se decidiu a escribir o ensaio sobre este autor porque na actualidade os únicos textos que hai sobre a súa obra son de contido xornalístico “pero non hai practicamente nada a nivel académico”.