DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentaron un proxecto de investigación sobre o aluminio

Un investigador de Ciencias da Educación gaña a Olimpíada Galega de Química co seu alumnado

O obxectivo foi poñer en práctica as propostas do grupo DC05, centrado na didáctica das Ciencias Exp

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Esmeralda L. Castro DUVI 12/07/2010

Estudar Química, Física ou Matemáticas non consiste só en memorizar fórmulas, pois desde o ámbito científico tamén se poden fomentar as competencias transversais do alumnado. Isto é o que opinan e tratan de poñer en práctica os membros do grupo de investigación DC05, dedicado á didáctica das Ciencias Experimentais. “Na nosa facultade formamos futuros mestres e profesores e temos que desenvolver as súas competencias profesionais no marco do EEES para que logo sexan capaces de desenvolver as competencias básicas do seu alumnado que recolle a LOE”, explica a profesora Mari Lires. Pola súa parte, o profesor Serrallé, que está preparando a súa tese de doutoramento, centrada na aprendizaxe colaborativa presencial e a través de medios telemáticos, o que se coñece como Blended Learning, destaca a importancia de que un docente saiba estimular as potencialidades do alumnado, como é o dominio das TIC. Os dous opinan que a educación ten que responder á evolución da súa contorna, para o que é fundamental mudar as metodoloxías. Neste senso, consideran o traballo por proxectos o mellor xeito para trasladar a perspectiva no ensino dos contidos cara ás competencias. Serrallé vén de poñer isto en práctica como profesor de secundaria. Desenvolveu co seu alumnado un estudo de investigación sobre o aluminio, co que gañaron a II Olimpíada Galega de Química de Alumnos de ESO.

Os protagonistas

Os verdadeiros protagonistas desta historia son Natalia, Galina, Susana, Iván, Rubén e José Antonio, estudantes de 3º de ESO no IES Arcebismo Xermirez II. Son alumnos e alumnas con dificultades de aprendizaxe, polo que realizan os seus estudos dentro do programa de diversificación curricular. “Necesitan que te poñas no seu lugar e que axustes as metodoloxías e as programacións a eles”, comenta Serrallé. A clave para el está na atención diversificada e na estimulación e por iso os animou para desenvolver este proxecto. “O primeiro foi animalos e logo coidarlles a autoestima porque eles crían que non tiñan nada que facer fronte aos outros grupos”, sinala o profesor.

O proxecto

Fracisco Serrallé propúxolles indagar sobre o aluminio como unha forma de alentalos a avaliar e investigar na súa contorna. Conta que a maioría descoñecía a existencia das dúas plantas de Alcoa en Galicia e que quedaron moi sorprendidos coas súas dimensións. A partir de aí empezaron a afondar na historia do aluminio e foi así como descubriron que durante un tempo foi considerado un metal precioso, mesmo máis valorado que o ouro, polo que na corte de Napoleón III os cubertos máis luxosos eran os de aluminio e o rei mesmo encargou un axóuxere para o seu fillo deste metal. Esta anécdota serviulle para poñerlle á investigación o título de El sonajero del emperador.

O proceso

Logo destes achados decidiron averiguar que sabían os seus compañeiros do centro sobre o aluminio e pasaron unha enquisa nos demais grupos. Deste xeito puxeron en práctica os seus coñecementos matemáticos e aprenderon a manexar software de procesado estatístico. A medida que a investigación avanzaba tiveron que acudir a fontes especializadas, moitas delas noutros idiomas, traballando así as súas competencias lingüísticas. Deseguido realizaron diferentes experiencias de laboratorio, que decidiron gravar en vídeo, o que lles obrigou a facer un guión e a traballar as súas competencias comunicativas. Para o desenvolvemento de todo o estudo aprenderon tamén a compartir documentos na rede para facer achegas en común. “O fundamental era que conseguisen un reparto de tarefas e aprendesen uns dos outros”, explica o profesor. Asegura que os obxectivos se cumpriron con creces e que en todo o proceso o alumnado foi o suxeito en acción e o profesor actuou só como un mediador, polo que o premio recibido é a recompensa do seu esforzo.