DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro dun relatorio organizado pola área de Historia Antiga da Facultade de Historia

O investigador Juan Santos desvelou os segredos da historia prerromana coas epigrafías

Afirma que o reflexo nestas inscricións era distinto en Gallaecia que no resto da área indoeuropea

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 13/05/2010

A epigrafía é unha ciencia auxiliar da Historia a través da cal se estudan as inscricións feitas sobre materiais duros como pedras, ósos, metal, madeira ou cerámica establecendo diferentes metodoloxías para interpretalas. Un dos principais especialistas da materia é Juan Santos Yanguas, catedrático de Historia Antiga da Universidade do País Vasco, que visitou o campus este xoves para ofrecer un relatorio sobre As comunidades indíxenas e a administración romana no Noroeste peninsular.
O relatorio estivo organizado pola área de Historia Antiga da Facultade de Historia e ao mesmo asistiron os estudantes da materia interesados por coñecer como estas epigrafías chegadas ata os nosos días serven de ponte para saber máis cousas das civilizacións que nos precederon. O relator foi presentado por Milagros Cavada, decana da Facultade de Historia, que subliñou da súa traxectoria académica “o feito de ser o primeiro investigador de España que estudou as comunidades indíxenas no Noroeste peninsular”.

Un mosaico de pobos ante os romanos

O historiador comezou a súa intervención viaxando ata o ano 218 a.C., cando os romanos desembarcaron por primeira vez en Hispania (Ampurias) e atoparon un mosaico de pobos cunhas formas organizativas distintas froito dun proceso histórico distinto. Segundo explicou, “non pode ser o mesmo as comunidades que levaban máis de medio milenio en relación coas poboacións do Mediterráneo e cunhas formas organizativas con base na cidade que aqueles outros que tiñan unhas formas organizativas baseadas en relacións de carácter consanguíneo ou parenteral”. O relator utilizou como base da súa exposición as epigrafías e os numerosos traballos de estudosos que analizaron polo miúdo esta temática para afirmar que “o reflexo na epigrafía das formas organizativas indíxenas prerromanas era distinto en Gallaecia que no resto da área indoeuropea”.
Para defender esta argumentación Santos Yanguas apóiase nos traballos desenvolvidos polos historiadores Albertos, Pereira e Santos e na aparición en Astorga dunha nova inscrición, uns coñecementos que lle permiten asegurar que o signo epigráfico de C invertida debía interpretarse como castellum ou castro. Segundo explica, “o que se reflicte na epigrafía é, para Gallaecia, unha estrutura de carácter poboacional, os castros, varios dos cales estaban formando unha comunidade cidadá. É dicir, trátase dunha referencia territorial. Pola contra, no resto da área indoeuropea as referencias son de carácter consanguíneo, mediante termos que teñen un contido semántico neste senso”, declarou.

O establecemento da política administrativa romana

Falou tamén o relator do establecemento da política administrativa romana, da implantación da civitas como elemento organizativo básico e da concesión do dereito latino por Vespasiano a toda Hispania (ano 74 d.C.) para explicar que, todo isto, “trouxo como consecuencia a reorganización cidadá e a adquisición, por algunhas destas civitates, do estatuto xurídico superior de municipio”. Explicou Santos Yanguas que, neste momento, “as referencias aos castros –castella- desaparecen da epigrafía e unicamente se mantén a referencia ás civitates”, unha realidade contraria ao que estaba a acontecer no resto da área indoeuropea. O historiador cre que a explicación máis coherente está no feito de que “castella e as organizacións consanguíneas tiñan unha base organizativa distinta e, por iso, a referencia aos castella desaparece e a referencia ás gentilidades non”.
Santos Yanguas explicou que o seguinte paso en todo este proceso foi a implantación da municipalización na administración romana “a partires da aplicación do dereito latino concedida por Vespasiano a toda Hispania”. Puxo como exemplo a civitas Limicorum (Xinzo de Limia ou arredores), “da cal sabemos, a través da epigrafía latina, que estaba constituída por varios castros e coñecemos tamén algúns aspectos da vida municipal como por exemplo os cargos municipais”, declarou.