DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A tese de Francisco Freijedo afonda nos algoritmos de control destes mecanismos

Un investigador pontareán avanza novas técnicas para mellorar a interconexión de fontes de enerxías renovables coa rede eléctrica

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 07/10/2009

O recente incremento na produción de enerxía procedente de fontes renovables está asociado a unha serie de dificultades técnicas debidas a problemas de calidade de onda e tamén ao alto nivel de dispersión das fontes de xeración. Neste contexto os convertedores electrónicos de potencia son fundamentais para conseguir eficiencia na conversión en enerxía eléctrica dende a fonte de enerxía primaria.
Na Universidade o grupo de Electrónica de Potencia do Departamento de Tecnoloxía Electrónica ven desenvolvendo nos últimos anos novas técnicas de sincronización, monitorización e medida que facilitan o cumprimento da normativa de interconexión. Froito deste intenso traballo un dos membros do grupo, o investigador e profesor Francisco Freijedo, presentou este verán unha tese de doutoramento na que achega novos algoritmos dixitais de sincronización con rede eléctrica, especialmente apropiados para o entorno de xeración distribuído baseada en fontes renovables.

Melloras na calidade do subministro

Os resultados da tese contribuirán tamén a incrementar a transferencia tecnolóxica noutros campos como poden ser os Acondicionadores de Liña, sistemas baseados en convertedores de potencia que melloran a calidade do subministro eléctrico. “Esta mellora producida na calidade de onda pode chegar a evitar problemas como fallos en equipos hospitalarios, paradas en factorías grandes, perda de datos e paradas en servidores informáticos, avarías prematuras e, incluso, perda de vida útil de maquinaria”, indica Freijedo, doutor con Mención Europea, xa que o estudo foi presentado en inglés.
Os convertedores electrónicos de potencia son empregados para evitar estes problemas, de aí a importancia de seguir avanzando no coñecemento dos algoritmos de control
Os resultados do estudo foron xa presentados en diferentes congresos internacionais e publicados en varias revistas especializadas.