DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás acolle unha conferencia de Christopher Larkosh o vindeiro martes ás 19.00 horas

Un investigador da Universidade de Massachusetts analizará a relación cultural entre EEUU e Galicia

É o director do único programa de cultura lusófona que se imparte no país norteamericano

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 07/12/2012

O vindeiro martes 11 de decembro ás 19.00 horas, a Casa das Campás recibirá a un dos máis prestixiosos investigadores internacionais sobre cultura lusófona, Christopher Larkosh, docente da Universidade de Massachusetts-Darmouth, que analizará nunha conferencia aberta a todo o público a relación cultural existente entre Estados Unidos e Galicia. Convidado polo profesor Alberto Pena, Larkosh é o director do único programa de verán (Summer Program) sobre cultura portuguesa que se imparte en todo o país norteamericano e compartirá cos presentes que significado e importancia acada a denominación galega no contexto estadounidense.

Aproveitando a súa participación nun congreso internacional na cidade de Lisboa, Christopher Larkosh achegarase ao campus pontevedrés para afondar nos lazos de carácter intercultural entre Galicia e a poboación lusófona-norteamericana. “É unha excelente oportunidade para coñecer a visión que teñen os americanos da nosa comunidade”, explica Alberto Pena que anima a asistir a toda a comunidade universitaria “pois é máis común a visita de investigadores europeos ou iberoamericanos, pero rara vez temos experiencia do contexto estadounidense”, engade.

Licenciado e doutorado pola Universidade de Berkeley, Larkosh dedícase a investigar sobre o multiculturalismo internacional cunha liña de traballo bastante transversal, aínda que sempre relacionada cos cultural studies. “Especificamente tamén analiza o campo da lusofonía, a presenza que ten a cultura portuguesa nos EEUU e dentro deste contexto a galega”, aclara o profesor Pena, polo que debullará as pontes de relación existentes entre Galicia e Norteamérica “falando tanto do presente como da perspectiva de futuro”.

A visita de Larkosh é resultado da estancia de investigación do profesor Alberto Pena nas universidades de Brown, Harvard e Massachusetts-Darmouth, financiada polas fundacións Gulbenkian e a Luso-Americana, as dúas institucións máis prestixiosas no eido da cultura en Portugal, para estudar a construción da identidade portuguesa no continente americano. “Coñecín a Larkosh na Universidade de Massachussetts e a súa presenza é froito do intercambio que se logra coas estadías de investigación”.