DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dotada con 40.000 euros

A investigadora do Cintecx Mercedes Solla obtén unha prestixiosa Beca Leonardo da Fundación BBVA

Cun proxecto sobre detección temperá da corrosión en formigón armado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Investigación
D. Besadío DUVI 11/10/2022

Mercedes Solla, investigadora Ramón y Cajal do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do Cintecx e docente da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, é unha das gañadoras das 60 Becas Leonardo 2022 -de entre as preto de 900 solicitudes recibidas- que concede a Fundación BBVA destinadas a apoiar proxectos altamente innovadores en diferentes campos da ciencia e a cultura. Concedéuselle esta prestixiosa axuda, dotada con 40.000 euros, na Área de Enxeñerías e Tecnoloxías da Información polo proxecto Detección temperá da corrosión en formigón armado a partir de datos xeorradar e técnicas de aprendizaxe profundo.

“Esta axuda supón un importante recoñecemento e apoio económico ao meu traballo de investigación”, salienta a investigadora, quen recibiu a boa noticia en Lisboa, onde está levando a cabo unha estancia de investigación no Departamento de Transportes do Laboratório Nacional de Engenharia Civil (LNEC) cunha bolsa de mobilidade José Castillejo para desenvolver o proxecto Metodoloxías avanzadas de combinación de datos radar (GPR e InSAR) para a avaliación de infraestruturas críticas do transporte. Desde alí recoñece o “tremendo orgullo” que supón para ela “pasar a formar parte da prestixiosa Red Leonardo, o que sen dúbida contribuirá a aumentar a visibilidade e impacto das miñas investigacións”, recoñece Solla. 

Xeorradares e IA para detectar o deterioro do formigón armado

Tal e como explica Solla as cidades costeiras atópanse especialmente ameazadas polos efectos do aumento do nivel do mar e as condicións meteorolóxicas provocadas polo cambio climático. Nesta liña, a investigadora recalca que os edificios e infraestruturas son susceptibles á corrosión e, como consecuencia deste proceso, o formigón armado pode desintegrarse e derivar nun colapso estrutural. Neste contexto, o obxectivo deste proxecto é desenvolver un novo procedemento para a detección temperá da corrosión no formigón armado a partir dos datos de xeorradar (GPR), así como o uso da Intelixencia Artificial (Deep learning) para detectar, segmentar e clasificar aqueles signos deste deterioro que poidan comprometer a integridade estrutural tanto de pontes e viadutos urbanos, como de estruturas portuarias e edificios costeiros.

Especialista en avaliación de riscos en pontes, túneles e pavimentos

A traxectoria investigadora de Mercedes Solla (Marín, 1982) está centrada, tal e como se expón na resolución das axudas, na avaliación de infraestruturas do transporte, sobre todo, pontes, túneles e pavimentos, un eido no que ten publicado máis de 200 publicacións científicas, con 62 artigos publicados en revistas internacionais de prestixio e indexadas no Journal Citation Reports. Tras obter en 2010 o seu título de doutora pola Universidade de Vigo, con Mención Europea e Premio Extraordinario de Doutoramento, en 2013 converteuse en profesora axudante doutora e investigadora postdoutoral no Centro Universitario da Defensa (Ministerio de Defensa) e, posteriormente, foi profesora contratada doutora ata que en 2021, obtivo a súa praza actual na Universidade de Vigo.  Nestes anos ten sido investigadora principal en 3 proxectos de investigación obtidos en convocatorias nacionais en réxime de concorrencia pública e en 7 contratos de investigación con empresas.  

Nova incorporación da UVigo á Red Leonardo

Coa concesión desta axuda Mercedes Solla incorpórase á denominada Red Leonardo, unha comunidade de excelencia da que forman parte 544 investigadoras e investigadores cuxos proxectos foron seleccionados entre as 14.334 solicitudes recibidas desde a posta en marcha do programa no 2014 e aos que se destinou un financiamento que acada xa os 20 millóns de euros.

Entre os membros deste rede atópanse, xunto a Solla, os tamén investigadores da Universidade de Vigo Belén Riveiro, integrante do grupo de investigación de Xeotecnoloxías Aplicadas do Cintecx, gañadora dunha das axudas concedidas no 2021, e Miguel Arenas, da Área de Xenética, a quen lle concederon a bolsa no 2019.

Tal e como destacan desde a Fundación BBVA, estas axudas distínguese dentro do panorama nacional polo carácter altamente competitivo da convocatoria, o colectivo ao que se dirixe –profesionais entre 30 e 45 anos que se atopan nun momento decisivo das súas carreiras- e a posibilidade que ofrecen de desenvolver proxectos persoais cun amplo marxe de flexibilidade, establecéndose unha marxe de tempo para desenvolver o proxecto que vai dos 12 aos 18 meses.