DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Explorou o papel das secretarias en obras como Ulises e Drácula

A investigadora inglesa Katherin Mullin repasa en Vigo a “erótica das mecanógrafas”

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 11/12/2008

Baixo o suxerinte título “A erótica das mecanógrafas”, a profesora da Universidade de Leeds e experta investigadora da relación entre cultura popular e imaxinarios colectivos, Katherine Mullin, disertou na Facultade de Filoloxía e Tradución sobre a representación das mecanógrafas a comezos do século XX en Gran Bretaña.
No relatorio a profesora Mullin explorou a imaxinería erótica que caracterizou a representación das secretarias en novelas tan emblemáticas como Ulises, Drácula ou El sabueso de los Barkerville, así como en fotografías artísticas, textos publicitarios e películas mudas da época.

A mecanógrafa e a promiscuidade sexual

Mullin iniciou o relatorio nas últimas décadas do século XIX, cando xurde o inicio da profesión. Segundo expuxo, case desde o inicio esta actividade foi identificada cunha habilidade automática que non requiría unha capacidade intelectual maior, “o único que se precisaba eran dedos áxiles e fermosos, así como fidelidade e paciencia, todas elas calidades moi identificadas coas mulleres”.
A figura da mecanógrafa supuxo o xurdimento dunha nova identidade feminina moi volátil, “xa que se trataba de mulleres novas, case sempre fermosas, que traballaban con homes e que ademais se mostraban en público”, subliñaba Mullin. Ante este escenario, as secretarias de seguido foron relacionadas coa promiscuidade e a ambigüidade sexual.
Mullin achegou varios exemplos de diferentes obras nas que a oficina se presentaba coma o escenario ideal para coñecer mozas novas, pero tamén sinalou como en moitas delas se presentaban estas profesionais como manipuladoras sexuais que tiñan todo baixo o seu control, ou outras nas que as secretarias aparecían acosadas polos seus xefes.

Dúas estudantes encargáronse da tradución simultánea

A visita de Mullin á facultade viguesa encádrase nunha serie de actividades organizadas polo Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá e máis concretamente polos profesores da área de lingua e literatua inglesas, “que levamos xa tempo invitando a diferentes autoridades na disciplina dos estudos modernistas”, segundo explicou a profesora Teresa Caneda, organizadora da actividade e encargada de presentar a Mullin aos estudantes.
O relatorio foi tamén unha boa ocasión para que os alumnos de Tradución e Interpretación fixeran unha sesión de prácticas, pois foron eles os encargados de realizar a tradución simultánea.