DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo de investigación ES2, dirixido por Yolanda Herranz, expón ata o 13 de marzo

Investigadoras de Belas Artes amosan o seu traballo na galería Artebronce da Guarda

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 26/01/2010

As artistas integrantes do grupo de investigación ES2 da Facultade de Belas Artes, dirixido pola profesora Yolanda Herranz, expoñen ata o vindeiro 13 de marzo na galería Artebronce da Guarda. Baixo o título Xénero feminino, Celeste Garrido, Sonia Tourón, Covadonga Barreiro, Noemí Lorenzo, Laura Piñeiro, Basilisa Fiestras e a propia Yolanda Herranz, reúnen as pezas resultantes das súas últimas investigacións, que relacionan a experiencia creativa coa condición feminina. Ademais da súa obra artística, estas creadoras están realizando baixo a dirección de Yolanda Herranz os seus traballos de investigación e as súas teses de doutoramento, polo que a profesora afirma que “na súa obra, investigación e creación están indisolublemente vinculadas”.
Xénero femenino é unha mostra en itinerancia, que xa se puido ver o pasado mes de novembro na Fundación Gonzalo Torrente Ballester de Santiago de Compostela e que evoluciona de xeito paralelo aos avances dos estudos realizados polo grupo de investigación ES2. Yolanda Herranz leva case cinco anos traballando con estas artistas que consideran que na presenza material dunha peza artística se debe ter en conta todo o proceso de creación, “que é longo e custoso e comeza coa xestación da idea”. Xogan coas siglas XF, de xénero feminino, porque unha das súas principais liñas de investigación é a relación da muller coa arte actual, como indica a profesora, “desde visións estéticas, críticas, políticas e de mercado, incidindo especialmente no acontecer das interrelacións do binomio arte-muller no ámbito internacional, español e galego”.

A escultura no espazo público, na natureza, no corpo e na palabra

O traballo deste equipo que forma parte do grupo de investigación ES2 complétase en torno a outras catro liñas de investigación. Unha delas aborda a escultura no espazo público, centrándose na cidade e na súa habitabilidade, nos lugares de tránsito e nos “encontros, derivas e fugas entre escultura e arquitectura”. Estenden esta pescuda escultórica no espazo urbano á natureza, a aquelas creacións artísticas, de tipo plástico e conceptual, nas que “o motivo, a intencionalidade e os medios se sitúan no concepto de natureza”. A respecto disto, centran a súa actividade en tres vertentes: a reflexión sobre os novos espazos, a natureza como lugar da experiencia artística e a interrelación do corpo coa natureza. Outra desas liñas de investigación centra o seu obxecto de estudo no corpo, afrontándoo como “escultura, como problema, como material, como lugar e como experiencia”. Por último, aplican o signo alfabético e a palabra como material e concepto escultórico, no camiño da “busca dos significados e a xeración do sentido”.
As pezas expostas dan conta da evolución dos estudos do equipo en torno a esas liñas de investigación. Todas elas son de formato pequeno e abranguen instalacións, preformances rexistradas en vídeo, series fotográficas e gravados ou pezas tridimensionais de diferentes materiais. Aínda que o seu traballo parte da escultura, non a traballan cos conceptos tradicionais, senón que transitan polo camiño da hibridación e da mestura cos demais xéneros artísticos.

A comisaria, Yolanda Herranz

Licenciada en Belas Artes pola Universidade do País Vasco e doutora en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, Yolanda Erranz é na actualidade catedrática de Escultura na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Como artista, participou en distintas exposicións colectivas tanto nacionais como internacionais, ademais de aquelas individuais coas que desde o seu Euskadi natal, percorreu distintas cidades españolas e europeas e algúns países latinoamericanos. É tamén autora de máis dunha trintena de textos, publicados en libros, catálogos, diarios e revistas especializadas.