DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entre as súas fortalezas sitúan a cantidade e calidade das augas e a existencia de infraestruturas

Investigadoras do campus identifican as vantaxes competitivas de Ourense como destino turístico termal

Entre as debilidades apuntan a pouca sinalización e a dificultade de acceso ás instalacións

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 09/03/2017

A provincia de Ourense busca posicionarse como un destino turístico termal referente no ámbito estatal. Tendo en conta esta aposta estratéxica e a especialización do campus de Ourense como Campus da Auga, un grupo de investigadoras da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo vén de realizar un proxecto de investigación que tivo como obxectivo determinar as vantaxes competitivas desta provincia como destino turístico termal. Entre as súas fortalezas identificaron a cantidade e calidade das augas, a existencia de infraestruturas de calidade, a posibilidade de aloxamento e a realización de investimentos na creación e mellora das infraestruturas nos últimos anos. Entre as debilidades apuntan a pouca sinalización e a dificultade de acceso ás instalacións, a deficiente comunicación de Ourense con outras rexións ou a necesidade dunha maior formación do persoal.

O proxecto, titulado Determinantes da vantaxe competitiva de Ourense como destino turístico termal, estivo financiado pola convocatoria da Vicerreitoría do Campus de Ourense Inou 2016, de axudas a grupos de investigación. Na súa elaboración participaron as investigadoras Nuria Rodríguez, Ana Gueimonde, Lidia Blanco e María Isabel Diéguez. “Tense constatado que a provincia de Ourense conta cuns valiosos recursos e potencialidades para o turismo termal ao redor do que se articula o destino turístico Ourense termal. Porén, a competencia no turismo é cada vez maior e créase a necesidade de identificar os determinantes que inflúen na adquisición de vantaxes competitivas por parte dos destinos en xeral, e do destino turístico Ourense termal, en particular”, explica Nuria Rodríguez, líder do proxecto.

Recursos, estratexias e condicións

Tendo en conta esta necesidade, o proxecto levado a cabo analiza, para o caso do destino Ourense termal, tres variables chave e específicas que configuran a competitividade dos destinos turísticos, como son os recursos e atractivos do destino turístico; as estratexias de xestión do destino e as condicións situacionais e da contorna. O obxectivo principal do traballo foi identificar ditas variables, así como analizar e coñecer, entre o conxunto de variables expostas, cales son os determinantes que xeran unha vantaxe competitiva para Ourense como destino turístico termal. A metodoloxía, sinalan as investigadoras, consistiu na obtención de información dos principais grupos de poder do sector turístico e termal ourensán a través de enquisas semiestruturadas. A análise da información realizouse con técnicas cualitativas e completouse coa análise de información secundaria relevante.

No caso de Ourense, indican as investigadoras, atopáronse como principais fortalezas a existencia de infraestruturas termais de calidade; a posibilidade de aloxamento; a realización de inversións na creación e mellora das infraestruturas nos últimos anos; as actividades relacionadas coa saúde e o benestar; a gran cantidade e calidade das augas termais, e a existencia de abundantes zonas verdes, de recursos historico-artísticos valiosos e dunha rica e variada gastronomía. Ademais, tamén se resalta o carácter amable e acolledor da xente e a seguridade e a orientación do sector cara a sustentabilidade, aspecto de vital importancia para o futuro do sector en particular e da sociedade en xeral. Por último, engándese no estudo como puntos fortes da provincia de Ourense “que conta cuns organismos públicos totalmente implicados na potenciación do sector termal, especialmente no que se refire ao apoio promocional do destino”.

Por outra parte, como principais puntos febles de Ourense indicados no estudo están "a pouca sinalización e a dificultade de acceso ás instalacións e a deficiente comunicación de Ourense con outras rexións". Tamén se bota en falta, indican as investigadoras, unha maior planificación estratéxica orientada á oferta combinada de actividades, a promover a innovación, a unha concienciación no uso de estándares de desempeño, a unha maior capacitación dos recursos humanos e a unha maior comunicación do destino termal e das actividades ofrecidas nel. Finalmente, a pesar do apoio dos organismos públicos no que se refire á promoción do destino, no aspecto económico, recóllese no estudo, “aínda se necesitaría un maior apoio orzamentario por parte de ditos organismos”.

Aplicación práctica

“O interese do estudo sitúase tanto no ámbito científico como na aplicación práctica das conclusións de traballo ao eido do destino turístico Ourense termal”, sinalan as investigadoras. Así, no ámbito científico afóndase nas variables explicativas de competitividade para o turismo termal, sector pouco analizado na literatura científica, recalcan. No ámbito da aplicación práctica identifícanse os factores que inflúen no éxito competitivo do turismo termal da provincia de Ourense. “Os resultados do traballo permiten deseñar un modelo de competitividade sobre o que traballar desde o plano público e privado, de xeito que a aplicación do mesmo propicie acadar melloras na calidade de vida da poboación local e efectos no ámbito do desenvolvemento socioeconómico da provincia”, subliñan as investigadoras da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Adicionalmente, os resultados do traballo permiten comparar a posición competitiva de Ourense en relación a outros destinos turísticos termais.