DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As súas autoras son Yolanda Rodríguez, Rosana Martínez e María Lameiras

Investigadoras do campus realizan unha guía coeducativa sobre a menstruación

Co obxectivo de rachar tabús sobre ela

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Investigación
  • Publicacións
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 20/11/2023

A miña menstruación. Rompendo tabús. Este é o título dunha nova publicación realizada polas investigadoras e profesoras da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense Yolanda Rodríguez, Rosana Martínez e María Lameiras. Trátase, sinalan, dunha guía que “ten como finalidade recoñecer e visibilizar a menstruación e con iso o dereito á saúde menstrual das nenas e mulleres”.

Os contidos sobre a regra, detallan as autoras do libro, membros do Grupo de Investigación Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade de Vigo, “deben incorporarse desde o ámbito da saúde e non da hixiene, o que implica abordar a menstruación desde as dimensións física, psicolóxica e social”. Tendo en conta esta consideración, sinalan, con este material coeducativo propóñense varios obxectivos. En primeiro lugar, está incrementar os coñecementos sobre a fisioloxía da regra desde o seu inicio, na etapa da puberdade (menarquia), ata a súa finalización na etapa adulta (menopausa). En segundo lugar, está promover actitudes positivas cara ela e contribuír a eliminar os mitos e falsas crenzas así como os estigmas que aínda están presentes na sociedade sobre este tema.

Para adolescentes, profesorado e familias

Segundo explican as súas autoras, este material, editado en castelán e galego, pode ser utilizado directamente como lectura polo colectivo adolescentes, así como, e moi especialmente, no ámbito académico por parte do profesorado como recurso para traballar na aula, e tamén no ámbito familiar. “Incorporar a educación menstrual desde a infancia axuda ás adolescentes a que experimenten esta nova fase do seu ciclo vital como unha experiencia natural que ocorre nos seus corpos e tamén contribúe á promoción da saúde integral desde o marco da igualdade, para a eliminación das desigualdades e as violencias cara as nenas e mulleres”. Así, subliñan as investigadoras da UVigo, “defendemos a necesidade de traballar a educación menstrual desde unha materia específica de Educación Sexual no sistema educativo, que se aborde desde un modelo integral e biopsicosocial que permita ás persoas vivenciarse, expresarse e manifestarse como suxeitos sexuados, ofrecendo coñecementos sobre os diferentes aspectos da sexualidade”.

Nas páxinas da publicación, as e os lectores poden coñecer dun xeito didáctico e sinxelo que é exactamente a menstruación, que partes do corpo participan dela, por que se produce ou por que desaparece durante o embarazo e algúns problemas relacionados con ela. Outros temas abordados son o calendario menstrual e os produtos que se poden usar durante os días de sangrado. Igualmente, tamén se abordan as mentiras e desinformacións arredor da regra, ademais de achegarse ao seu tratamento noutras culturas e incluír referencias bibliográficas de interese.

Esta guía, editada por Andavira editora e a Universidade de Vigo, forma parte da serie de materiais de innovación docente Faladoiro da Sexualidade, tendo financiamento da convocatoria de realización de actividades formativas e de divulgación da Escola Aberta de Formación Permanente da UVigo. As súas autoras teñen participado tamén no anterior libro deste faladoiro, titulado Xogando limpo no amor.