DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proxecto ACID, unha iniciativa multidisciplinar presentada este xoves en Citexvi

Investigadoras do CIM empregarán as Rías Baixas como laboratorio natural para estudar a acidificación costeira

Analizarán o impacto biolóxico e social do incremento de CO2, incluíndo unha perspectiva de xénero

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 25/01/2024

As Rías Baixas son sistemas socioecolóxicos sensibles que se enfrontan aos efectos provocados polo cambio climático ao mesmo tempo que á presión antropoxénica xerada pola industria, a acuicultura ou as actividades portuarias e pesqueiras. Neste escenario nace ACID, un proxecto multidisciplinar liderado por investigadoras do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) que se mergullará nunha análise sen precedentes sobre o papel do CO2 nos ecosistemas costeiros dende un enfoque integral e innovador. 

Liderado por tres mulleres, o proxecto abordará a investigación “dende diferentes enfoques, compaxinando o estudo da resposta biolóxica ao incremento do dióxido de carbono na auga coa análise do cambio en variables físicas como a intensidade do afloramento e valorando como iso pode afectar económica e socialmente á poboación humana que reside na contorna”.

Con Cristina Sobrino como investigadora principal, o Grupo de Oceanografía Biolóxica (GOB) encargarase de determinar os impactos do CO2 elevado na estrutura e produción da comunidade microbiana planctónica das rías de Vigo e de Muros e Noia. Pola súa banda, Inés Álvarez liderará a investigación do Environmental Physics Laboratory (EPhysLab), que se centrará en explorar un modelo numérico para xerar mapas locais cos índices de surxencia, precipitación, as achegas da degradación da materia orgánica ou o aumento de nutrientes na plataforma continental procedentes das zonas de auga doce internas. O grupo Future Oceans Lab (FOL), coa investigadora Elena Ojea á fronte, encargarase de facer unha predición do impacto económico e social que esta realidade ten na contorna.

Tras uns meses de traballos previos, a reunión de lanzamento tivo lugar este xoves en Citexvi e contou coa participación de 30 persoas en representación de todos os socios implicados, tanto dos grupos da UVigo como do resto de entidades.

Un laboratorio natural

No marco deste proxecto, as rías de Vigo e Muros e Noia converteranse nun laboratorio natural para investigar a acidificación dos ecosistemas costeiros que permitirá comparar un espazo potencialmente impactado pola acción das persoas con outra menos susceptible de sufrir a intervención antropoxénica. 

Para a ampla investigación que desenvolverá ACID cóntase coa colaboración dun grupo interdisciplinar de novas e novos investigadores consolidados a nivel nacional e internacional que unirán os seus coñecementos para abordar e comprender o efecto do cambio climático nos ecosistemas costeiros dende múltiples perspectivas. Xunto a outras investigadoras e investigadores da Universidad de Cádiz ou do Instituto de Investigacións Mariñas, participan no proxecto Patrick J. Neale e Withman Miller, do Smithsonian Environmental Research Center de Estados Unidos, centro que proporcionará ao equipo un novo instrumento para ir monitorizando o CO2 en continuo na columna de auga, ou Kristian Spilling, do Marine Research Centre do Finnish Environment Institute de Finlandia. 

Perspectiva de xénero

ACID inclúe por primeira vez na súa investigación a perspectiva de xénero na avaliación dos riscos das ameazas derivadas do cambio climático e da acidificación dos ecosistemas costeiros. Unha variable de especial relevancia se se ten en conta que case un 40% do sector pesqueiro ten nome de muller, especialmente nas pesqueiras de moluscos intermareais. 

O proxecto rematará cunha fase final na que se transferirá a persoal, empresas ou entidades gubernamentais os coñecementos adquiridos, que permitirán identificar localizacións críticas e compoñentes do ecosistema costeiro con maior risco socioecolóxico a partir dos que propoñer estratexias de xestión para mitigar resultados non desexados. Os resultados do proxecto tamén se trasladarán á sociedade xeral a través de obradoiros, presentacións e outro tipo de actuacións dirixidas tamén a concienciar sobre a importancia do traballo científico.  

ACID foi seleccionado na convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento no marco do Programa Estatal para Impulsar a Investigación Científico-Técnica e a súa Transferencia, do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023. Cun orzamento de preto de 200.000 euros, terá vixencia ata o ano 2025.