DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o libro 'La mujer en el campo científico, tecnológico y de transferencia del conocimiento en

As investigadoras galegas perden posicións no mapa estatal

Os seus autores alertan sobre as consecuencias dos recortes económicos na loita pola igualdade

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 18/01/2012
O período 2003-2009 foi época de bonanza económica e de políticas de igualdade e sen embargo o papel da muller na ciencia seguiu relegado a un segundo plano e en algúns aspectos minguou. Así o demostra a monografía La mujer en el campo científico, tecnológico y de transferencia del conocimiento en Galicia. Nela, entre outras cuestións, advírtese de como o peso das investigadoras galegas no estado foi descendendo desde 2003 e como continúa o “efecto tesoira” de máis mulleres estudantes e egresadas pero con menos postos de responsabilidade. Con este precedente sen crise económica, os autores alertan sobre as consecuencias dos recortes en I+D+i na loita pola igualdade.

O libro foi presentado este mércores no campus de Ourense por María Lameiras, vicerreitora do campus, e os seus autores, que son Alberto Vaquero, da Universidade de Vigo; Sara Fernández, Milagros Vivel e Nélida Porto, da Universidade de Santiago de Compostela; e Ana Jesús López e Almudena Fernández, da Universidade da Coruña. “A pesares dos significativos avances no campo da igualdade e do incremento nominal de recursos, en Galicia as investigadoras perderon importancia relativa respecto ao total nacional, caendo desde o 5,6% que representaban en 2003 ata un 4,8% en 2009”, advertiu Alberto Vaquero durante a súa intervención.

Máis egresadas, menos investigadoras principais

A monografía describe á investigadora galega como unha muller de entre 25 e 35 anos, que en unha elevada porcentaxe (71%) non ten fillos e se os ten é nun número inferior aos dos seus compañeiros varóns. Segundo o estudo, os homes sitúanse tamén nos postos máis altos no campo da ciencia e a investigación e posúen unha formación menor que as mulleres para acceder a postos de máis responsabilidade. As diferenzas laborais tamén quedan constadas en esta monografía, onde se recolle que as investigadoras teñen un contrato indefinido nun 53% dos casos fronte a un 75% dos homes.

“Outro punto relevante para entender a situación da muller é o feito de que se ben son maioría nos estudos de grao e posgrao en practicamente todas as titulacións, excepto na rama técnica, a partir dos estudos de doutoramento detéctase un "efecto tesoira" na representación das mulleres que se ve moi claramente, por exemplo, no feito de que só hai un 26% das investigadoras principais”, destacou Alberto Vaquero. Este efecto, advertiron os autores da publicación, persistirá no futuro, aínda que con menor intensidade se se articulan as medidas necesarias para reducir as barreiras que se atopan as mulleres no desenvolvemento da carreira científica.

A dobre xornada da muller

En este senso, a vicerreitora do campus quixo salientar que "temos percorrido un gran camiño" pero que vivimos no “espellismo da igualdade” pois ese obxectivo non está acadado e é necesario seguir traballando para logralo, tanto na sociedade en xeral coma no campo da ciencia e a tecnoloxía en particular. Para facelo, María Lameiras destacou a importancia de que tal e como a muller fixo o paso do eido privado ao público o home o faga á inversa, participando do espazo privado en igualdade.

Pola súa banda, Sara Fernández, da Universidade de Santiago de Compostela, advertiu de que é necesario recoñecer “a dobre xornada das mulleres”, a profesional e a persoal, e o feito de que non se ataca de raíz as problemáticas que manteñen a desigualdade. Ante esta situación e os recortes en I+D+i, Ana Jesús López engadiu que “hai que estar moi alerta porque se a ciencia vai quedar tocada, o papel da muller nela moito máis, porque en estas situacións os temas de igualdade considéranse de segunda orde, a pesares de que tamén repercuten na economía”.