DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas á estreita colaboración entre o grupo BITRAGA e a Fundación Carlos Casares

Investigadoras viguesas mergúllanse no universo Casares e fan agromar varias traducións inéditas

El cumpleaños feliz de Ricardo Romero é unha versión inédita e aumentada de Vento ferido en español

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 04/09/2013
Catalán, eúscaro, asturiano e, sobre todo, español; pero tamén sardo ou bretón, italiano, alemán, inglés e mesmo ucraíno e ruso. As profesoras da Facultade de Filoloxía e Tradución, Ana Luna e Iolanda Galanes mergúllanse, unha década despois do pasamento de Carlos Casares, na estreita relación que mantivo o autor, unha das figuras fundamentais das letras galegas contemporáneas, co mundo da tradución, “un labor silandeiro que o acompañou toda a súa vida”. Grazas a unha estreita colaboración do grupo de investigación BITRAGA coa Fundación Carlos Casares, que está a prestar todo o seu apoio ao equipo de traballo da Universidade, levan meses pescudando no Arquivo Persoal de Carlos Casares e a colleita deste labor non tardou en agromar, entre outros achados, revelan que o autor chegou a preparar cando menos dúas versións íntegras en español e mesmo aumentadas de Vento ferido, a obra coa que se estrea no sistema literario galego, en 1967: El juego de la guerra y otros cuentos e El cumpleaños feliz de Ricardo Romero. A primeira delas foi recentemente publicada no volume Narrativa breve completa da man do malogrado editor Gonzalo Canedo en Libros del Silencio (Barcelona, outubro 2012).

“Nosoutras entendemos que a máis elaborada é precisamente a versión que ficou inédita: El cumpleaños feliz de Ricardo Romero”, subliñan Ana Luna e Iolanda Galanes, que explican que ningunha delas leva o título de Viento herido nin alude ao orixinal e “en ambas o autor engade cinco novos relatos sobre un total de dezasete, xerando así unha obra renovada”, engaden. A base para tres deses novos relatos pode identificarse en fragmentos dunha obra posterior, Xoguetes para un tempo prohibido. Dos dous restantes atoparon algunha información nas súas colaboracións diarias en prensa. Estas descubertas botan por terra a idea de que Carlos Casares non modificaba no substancial os textos orixinais nas súas autotraducións e salientan a intertextualidade da súa obra que, non só estaba en comunicación coas tendencias literarias do momento e con outros autores e autoras, mais tamén amosan que moitas das súas obras están interconectadas, en continuo diálogo co lector/a. Os resultados do contraste das autotraducións de Vento ferido recóllense nun artigo de investigación de próxima publicación.

Outros tesouros casarianos para a historia da tradución achados no Arquivo Persoal son a versión en español de Xoguetes para un tempo prohibido, a versión francesa de Ilustrísima da man de Michel Wagner ou as versións en alemán e en ucraíno de Un polbo xigante, elaboradas seguramente para a súa participación no Expreso literario de Lisboa a Berlín en 2002, así como varias pezas parciais traducidas.

“Non hai día que non descubras algo que non te sorprenda”

“Non hai día que non descubras algo que non te sorprenda”, subliña Ana Luna, en referencia ao traballo que están a levar a cabo nos arquivos da fundación, un lugar no que se atesoura unha gran cantidade de documentación inédita de gran valor para pescudar sobre a proxección externa da obra de Casares. A consulta de toda esta documentación pon sobre a mesa un amplo recoñecemento externo, unha mesta rede de relacións e unha intensa actividade internacional, así como todo un elenco de traducións “destinadas sen dúbida a veren a luz” de non se truncar a súa traxectoria vital de xeito tan repentino e inesperado. Os primeiros resultados da investigación están sendo presentados en foros, como o curso monográfico sobre o autor organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (setembro de 2012), e en varios artigos, como o xa publicado no número 196 da revista Grial.

A tradución, tanto na vertente de versionar outros autores como na propia autotradución, acompañou a Casares toda a súa vida, desde os inicios ata a data da súa morte, “a propia véspera do día no que faleceu estivo a traballar na tradución de O Sol de verán”, ao tempo que afirman que ao autor lle gustaba manter unha relación moi especial cos seus tradutores/as, aos que consideraba embaixadores galegos no exterior. “En xeral cando pensamos en Casares temos o recordo do escritor, do presidente do Consello ou do académico pero, a través do estudo da súa correspondencia, podemos comprobar que era un escritor aberto ao mundo e sorprende a inmensa cantidade de viaxes internacionais que realizou en representación das letras españolas e galegas”, engaden as investigadoras. A obra traducida é só a punta do iceberg da tradución de Casares e da literatura galega. A súa idea da importancia da tradución para a normalización da cultura galega saliéntase no prefacio do Catálogo de obras literarias en lingua galega traducidas a outros idiomas que o propio Casares dirixe desde o Consello da Cultura Galega. Desa mesma idea é continuadora a Biblioteca da Tradución Galega (http://www.bibliotraducion.uvigo.es/) que o grupo Bitraga elabora desde 2004 e que está na base da investigación que se presenta na monografía Tradución de una cultura emergente (ed. Peter Lang) publicada en 2012 polas investigadoras de Bitraga.

Sherlok Holmes, Agatha Christie... en galego

A paixón de Casares pola tradución levouno tamén a pór todo o seu empeño en que o público galego puidese gozar de grandes obras da literatura universal na súa propia lingua. Neste senso, o director-xerente da Fundación Carlos Casares, Gustavo Adolfo Garrido, conta como a principios dos 70, nunha viaxe en tren de Euskadi a Galicia traduciu O principiño. Fíxoo nun pequeno caderno que se conserva, escrito á man, e acompañouno dun par de páxinas nas que explica por que o traduciu, facendo fincapé na importancia de que os nenos galegos puidesen acceder no seu propio idioma a obras fundamentais da literatura universal.

Nesta liña, as investigadoras detectaron tamén que empezou traducións de obras como A illa do tesouro ou Alicia no país das marabillas que logo acabaron sendo versionadas por outros (Xavier Alcalá para a primeira das obras e Fernando Pérez-Barreiro Nolla e Teresa Barro, para a obra de Swift). En sentido contrario, encarga ou suxire unha tradución a mediados da década de 1980 que acabou traducindo el mesmo, trátase da obra O vello e o mar de Hemingway, salientan Galanes e Luna, que explican que el detectaba que obras eran necesarias para Galicia e que autores se poderían traducir fóra … “Nesta liña atopamos unha páxina na que el explica a súa idea de cal debería ser esa Biblioteca da Cultura Universal en galego e xa apunta, esas primeiras obras que despois foron saíndo ao longo dos anos: Sherlok Holmes, Agatha Christie…”, destaca Ana Luna, ao tempo que explica que na súa etapa ao fronte de Galaxia – de 1986 a 2002- foi unha época en que se traduciron ao galego moitas das obras da denominada literatura universal, moitas delas antes ignotas neste espazo ata a data como Sthendal, Steinbeck, Miguel Torga, Flaubert, Graham Greene, Balzac, Tabucchi, Manzoni, Herman Hesse, Josep Pla ou o propio Hemingway que el mesmo versiona e nun plano máis comercial Agatha Christie, Conan Doyle e “estivo na idea e nas primeiras xestións do Harry Potter en galego”.

Portas abertas a novas colaboracións

A relación Fundación Carlos Casares - Universidade de Vigo vertébrase tamén a través dun convenio de prácticas que facilita a chegada á fundación de alumnado da Facultade de Filoloxía e Tradución. Entre outros labores, este alumnado ten a posibilidade de participar no proceso de catalogación de toda a documentación que atesouran os fondos da fundación, no subtitulado en linguas estranxeiras dalgúns materiais etc. Nesta liña, Gustavo Adolfo Garrido explica que tras a morte “tan prematura como inagardada” de Carlos Casares quedaron tres despachos con multitude de información: o da súa casa, o do Consello da Cultura Galega e o de Galaxia, onde gardaba tamén toda a documentación como responsable cultural da Fundación Caixa Galicia e doutras moitas fundacións e universidades do resto de España e estranxeiras coas que colaboraba.

De cara ao futuro as investigadoras do grupo Bitraga, ao que tamén pertencen as profesoras Silvia Montero e Áurea Fernández, poñen sobre a mesa un desexo: que o Casares tradutor sexa tamén coñecido e investigado en teses de doutoramento, analizando tanto o que fixo para divulgar a súa obra e, en xeral, toda a cultura galega no exterior así como todo o traballo que levou a cabo de cara a importar obras estranxeiras cara Galicia. “Era unha faceta agochada, menos visible que o resto dos seus traballos, pero non menos importante”, subliña para rematar Galanes.