DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Museo do Mar acollerá entre o 12 e o 14 deste mes unha xuntanza ibérica

Investigadores, administración e empresas, da man para coordinar a loita contra as plantas invasoras

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 03/05/2011

As especies invasoras non entenden de fronteiras, a súa proliferación fóra da súa contorna natural non se frea por estadas, pontes, ríos ou barreiras, polo que a estratexia para atallar este problema debe ser converxente. Investigadores, científicos, administracións públicas e empresas deben traballar de xeito coordinado para establecer sinerxías e liñas común de acción, para o que é preciso crear un punto de encontro. Este lugar común é a Reunión Ibérica sobre Plantas Invasoras, Invasión Vexetal, que nace este ano con vocación de continuidade da man dos profesores José M.ª Sánchez e Luis González, director e secretario respectivamente do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo.

A finalidade é establecer unha estratexia de investigación converxente entre os grupos de España e Portugal no eido das especies vexetais foráneas que, traspasando as barreiras dos seus ecosistemas, poñen en perigo o equilibrio de outros. A xuntanza reunirá a máis de 63 científicos, 16 das universidades portuguesas de Coimbra, Porto e Lisboa, 24 das galegas e das de Granada e Alcalá de Henares, 4 investigadores do CSIC, 9 representantes de administracións públicas como o Ministerio de Medio Ambiente, a Xunta de Galicia e os gobernos autonómicos de Asturias e Aragón e membros de 10 asociacións e empresas como ADEGA, ARCEA e Naturnova.

A reunión, pioneira en España, Ademais, ten un marcado carácter interdisciplinar xa que nela se darán cita investigadores tanto de botánica, como do eido ambiental e mesmo economistas, explican os organizadores. Sánchez e González destacan tamén a boa resposta obtida polas administracións, entre as que a reunión espertou bastante interese, unha sinal que valoran moi positivamente de cara á loita contra as especies invasoras.

Causas, consecuencias e solucións fronte á invasión vexetal

Son moitas as causas que están detrás do aumento da invasión vexetal, pero todas elas relacionadas coa globalización como transportes a nivel mundial, comercio de especies ornamentais ou novos cultivos. Pero unha vez que unha especie invasora se adapta a un novo ecosistema o problema ten moi difícil solución e poden poñer en perigo a biodiversidade da contarna de acollida. Ante este problema, grave pero relativamente recente, os investigadores reclaman “unha maior sensibilización para poder atallar un problema cunha solución moi complexa que pasa inevitablemente pola prevención”.

Entre as especies máis agresivas, mimosas, acacias ou carrizos da Pampa ou plumeiros, algunhas delas co perigo engadido de seren “vistosas e bonitas, a xente non as asumen como invasoras, quedan ben e non parecen un perigo para o ecosistema” cando en realidade poden facelo desaparecer. Ante a demanda de solucións, os expertos inciden sobre todo na prevención porque, cando unha especie con capacidade invasora comeza a estenderse e se adapta ao novo ecosistema resulta case imposible erradicala, ano a ano elimínanse mimosas de moitas zonas de Galicia e, “na primavera seguinte, vólvese ao estado inicial”.

Con todo, Sánchez e González coinciden en que “existe unha lexislación moi estrita no que se refire á entrada de organismos invasores, pero o problema reside en que unha vez que entran nos ecosistemas é case imposible erradicalos”. Os profesores inciden en que hai que ser constante e manter os coidados nas zonas afectadas, “sempre quedan raíces ocultas e son moi resistentes e prolíficas, de aí que se convertan en invasoras”, facendo perigar tamén insectos e outros animais que poden alterar a cadea do ecosistema e provocar danos tamén a nivel económico. Pero cando a fase de prevención xa quedou atrás, que medidas se poden tomar para frear o avance destas especies? Os expertos remarcan que a solución non pode ser xenérica, “deben adoptarse medidas específicas para cada espazo dependendo da súa gravidade, extensión e especies afectadas”.