DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A segunda edición de ‘Fugas e Interferencias’ desenvolverase a vindeira semana en Pontevedra e Santi

Investigadores de Belas Artes promoven o único congreso académico sobre arte de acción en España

Combina unha reflexión orientada a buscar "novas vías de expresión" para a disciplina, cun programa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 22/11/2017

“Buscar novas vías de expresión para a arte de acción e unha evolución da mesma” constitúe, como sinala o profesor de Belas Artes Carlos Tejo, o propósito principal polo que investigadores e investigadoras do grupo de investigación Imaxe e Contextos desta facultade impulsaron o pasado ano Fugas e Interferencias, o único congreso académico centrado na performance que se desenvolve en España. Con ese mesmo propósito, Fugas e Interferencias celebrará, entre o 30 de novembro e o 2 de decembro en Pontevedra e Santiago, a súa segunda edición, que combinará a reflexión académica sobre unha disciplina “que non ten apenas visibilidade”, a través de conferencias plenarias e comunicacións, cunha serie de performances no espazo urbano de Pontevedra e no compostelán Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

Carlos Tejo e Alba Blanco, que integran o comité organizador do congreso xunto a Marta Pol, e a súa secretaria técnica, Paloma Recio, presentaron este xoves na Casa das Campás o programa dunhas xornadas “que tratan de ampliar o concepto teórico da arte de acción e tamén a propia práctica” dunha disciplina que, como sinala Tejo, “insiste en articularse en base a uns mecanismos que, baixo o noso punto de vista, poden e deben ser superados”. De aí que o propósito central destas xornadas sexa esa busca e análise das “novas vías” para unha arte “moi liminar, moi na fronteira”,que só está presente na formación do grao en Belas Artes nas facultades de Pontevedra e Valencia, explicou este investigador.

Tres días para o debate

O xoves 30, o congreso abrirase na Casa das Campás coa presentación do libro de actas dixital da primeira edición e da monografía Reflexiones críticas en torno al arte de acción, para, pola tarde, trasladarse ao CGAC, onde a profesora da Universidad de la Patagonia Cecilia Perea impartirá a primeira conferencia plenaria, titulada Aperturas múltiples entre teatro e performance. Á xornada seguinte e tamén no CGAC, as “novas prácticas performativas no contexto internacional e a apropiación de espazos urbanos a partir de prácticas colaborativas” centrarán, como relatou Tejo, a conferencia do profesor da USC Anxo Abuín, mentres que o sábado Fugas e Interferencias pechará o seu programa co relatorio na que o investigador da Universidad de Bolonia Marco de Marinis proporá a busca de “outra teoría da performance”.

Por outra banda, o congreso abrangue tamén tres mesas centradas en tres dos seus eixos de análise e que serán presentadas, como relatou Recio, por representantes da escena galega da performance, Ana Gesto, Amaia González e María Marticorena. A primeira destas mesas, centrada no “carácter liminar da arte de acción dentro da arte contemporánea”, reunirá as achegas de Assumpta Bassas e Gerardo Zavarce, mentres que na dedicada ás “interseccións" con esta disciplina participan Carolina Arteaga e Orlando Maneschy e na dedicada á “natureza da arte de acción desde unha perspectiva de xénero” contará coas comunicacións de Andreina Fuentes e Erika Mabel Jaramillo.

Da teoría a práctica

A xornada de apertura na Casa das Campás completarase, ás 12.30 horas, cunha serie de accións do alumnado da materia Proxectos de arte de acción do grao en Belas Artes, que, “escapando dos tópicos e procurando presentar un novo horizonte para a práctica”, desenvolverán na rúa cinco intervencións que irán trasladándose da Casa das Campás á praza da Peregrina, explicou Tejo.

Así mesmo, na tarde do xoves, o CGAC acollerá unha “peza colaborativa” do colectivo Blanco&Roja que propón “unha revisión de como se vive a violencia de xénero na linguaxe” a partires de “mecanismos propios de programas de televisión”, segundo adiantou Blanco. Xa na xornada do sábado, este espazo museístico acollerá as accións do artista catalán Josep Masdevall, “que soe traballar de forma moi conceptual e buscará a interrelación coa audiencia”, e da colombiana Erika Mabel Jaramillo, quen proporá “unha relectura dos dereitos humanos atendendo á obsolescencia, entendida como o desuso".