DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proxecto europeo MARMED, tras tres anos de traballo na valorización de recursos mariños

Investigadores de Biocaps obteñen cerámicas biolóxicas para implantes a partir do dente de quenlla

Con aplicacións testadas na rexeneración de tecido óseo, en particular para traumatoloxía e a odonto

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 14/07/2014

Investigadores do grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo integrados no proxecto Biocaps lograron obter cerámicas biolóxicas a partir do dente de quenlla con aplicacións xa testadas na rexeneración de tecido óseo, en particular nos ámbitos da traumatoloxía e a odontoloxía. Dado o seu grao de innovación e os resultados positivos obtidos tras os ensaios preliminares, está a tramitarse a patente europea para protexer o achado. Estes novos implantes, que segundo os científicos vigueses poderían estar no mercado nun prazo breve de tempo, ampliarán o abano dos materiais de uso biomédico á vez que supoñen unha solución innovadora de aproveitamento de recursos mariños.

O logro produciuse no marco do proxecto europeo MARMED, recentemente finalizado, que permitiu a grupos de dez organismos de investigación traballar de maneira coordinada durante tres anos para crear novas vías de valorización de subprodutos e descartes mariños para o deseño e obtención de biopolímeros e biocerámicas de nova xeración.

“O tratamento dos recursos mariños non está a ser levado a cabo de maneira sustentable, o que carrexa o descarte de subprodutos cun elevado potencial de valorización”, explica Julia Serra, investigadora do grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo e integrada en Biocaps. “O proxecto MARMED permitiunos realizar estudos de casos reais en colaboración coa industria para a xeración de produtos biomédicos cun alto valor engadido a partir de subprodutos mariños procedentes de empresas do sector”, engade.

Os investigadores responsables deste achado obtiveron cerámicas biolóxicas tipo apatitas a partir de descartes de dentes de quenlla tintorera e marraxo. Os materiais de tipo fosfato cálcico e, en particular, as hidroxiapatitas, son os máis demandados en enxeñaría de tecidos para reparar, substituír ou rexenerar defectos óseos tanto en cirurxía ortopédica como maxilofacial. Na actualidade, a fonte de apatitas biolóxicas máis estendida para a utilización clínica é o óso bovino, pero este viuse en dúbida recentemente pola confirmación do risco de transmisión da encefalopatía esponxiforme bovina –coñecida comunmente como a enfermidade das vacas tolas– formulada pola Food and Drug Administration (FDA). Isto outórgalle un especial valor á alternativa exposta polos investigadores de Biocaps, que sortean estes riscos propondo fontes de orixe mariña para obter estes biomateriais.

O proceso de obtención das biocerámicas a partir do dente de quenlla comeza co lavado e secado, continúa coa moenda e termina coa pirolización (tratamento a moi altas temperaturas para eliminar calquera resto orgánico). O resultado é un granulado inorgánico que se tamiza en diferentes tamaños segundo a aplicación requirida e que foi testado en ensaios in vitro e in vivo. Estes ensaios, realizados en colaboración con investigadores da área de Endocrinoloxía, metabolismo e nutrición de Biocaps, rexistraron moi bos resultados e demostraron a ausencia de toxicidade.

Colaboración coa industria

Os investigadores desenvolveron o proxecto en estreita colaboración coa industria pesqueira. Para a obtención do dente de quenlla asinaron un acordo de transferencia de materiais coa empresa Copemar, que se dedica, entre outras, á pesca de peixe espada no océano Índico. Dado que nesta pesqueira é habitual a captura de diferentes especies de quenlla, o acordo representa unha interesante vía de obtención de materiais que doutro xeito serían descartables pola industria.

Proxecto MARMED

O proxecto MARMED, finalizado no mes de xuño, axuntou os esforzos de dez organismos de investigación do Espazo Atlántico grazas a financiamento da Unión Europea. Baixo a coordinación da Universidade do Minho e o liderado do profesor Rui Reis, membro do comité de avaliación externo de BIOCAPS, colaboraron a Universidade de Vigo, o Centro Tecnolóxico do Mar, o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, a Universidade do Porto, o Instituto de Investigaçao das Pescas e do Mar, a Université de Bretagne Occidentale, a National University of Ireland Galway e a Queen’s University Belfast.

Durante o últimos tres anos, todos eles traballaron para obter biomateriais a partir de espiñas de peixe, exoesqueletos de crustáceos, endoesqueletos de moluscos e residuos de algas, entre outros. O resultado foron fosfatos cálcicos, coláxeno, proteínas e outros polímeros e cerámicas con potencial para ser aplicados na rexeneración de tecidos humanos. A colaboración coa industria para contribuír a solucionar as súas demandas e o desenvolvemento de aplicacións e produtos con potencial de mercado son dous dos obxectivos prioritarios cos que se puxo en marcha o proxecto MARMED e que agora se fan realidade mediante propostas como a do grupo de investigadores de Biocaps.