DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves presentáronse os resultados dun estudo realizado con este obxectivo

Investigadores do campus deseñan unha folla de ruta para o futuro económico de Barbadás

O documento aposta polo fomento da actividade comercial a pequena, media e grande escala

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 30/03/2017

O Concello de Barbadás quere converterse en territorio nuclear da actividade comercial a pequena, media e grande escala, dando servizo a nunha área xeográfica na que residen máis de 160.000 persoas. Este é un dos resultados do estudo Estratexia de reposicionamento e determinación de áreas prioritarias para o impulso da actividade económica e o emprego no Concello de Barbadás, levado a cabo polos docentes e investigadores da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense Andrés Mazaira, Isabel Diéguez, Noelia Araújo e Ana Gueimonde.

Os resultados do traballo, froito dun convenio de colaboración, foi presentado este xoves no Liceo por Andrés Mazaira, coordinador do estudo; Xosé Manuel Fírvida, tenente alcalde do Concello de Barbadás, e Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense. O tenente alcalde salientou como este “plan vivo, aberto e que se irá actualizando” marca para a entidade local “unha folla de ruta” que “agardamos sexa o motor da modernidade do concello”. Pola súa banda, Virxilio Rodríguez quixo agradecer a confianza depositada na Universidade de Vigo para levar a cabo este traballo e recalcou como esta iniciativa é “un exemplo da colaboración entre universidade e concellos da contorna que nos últimos tempos se está incrementando”.

Impulso do sector terciario

Andrés Mazaira foi o encargado de debullar un documento que recolle catro grandes retos, artellados en 16 eixos de actuación que á súa vez se concretan en 59 accións en distintos sectores. O primeiro reto recollido consiste en incrementar o nivel de actividade económica no concello, diminuíndo o desfase entre o número de afiliados por residencia e por conta de afiliación; aumentar a capacidade para atraer novos residentes e manter as xeracións que nacen ou naceron en Barbadás. Segundo recolle o estudo, a evolución demográfica de Barbadás vai camiño de convertelo no segundo concello da provincia por número de habitantes, con moita poboación nova. Tal circunstancia, indícase, debe levar a que se trate dun “concello conectado” cun papel moi activo das novas tecnoloxías, de xeito que encaixe cos hábitos de vida das novas xeracións, e de actividades específicas para este sector de poboación.

O plan de desenvolvemento presentando aposta polo impulso do sector terciario, e especificamente do comercio como elemento motor da actividade económica do concello; por atraer novo talento emprendedor; por apoiar proxectos de crecemento das actuais empresas e empresarios xa establecidos; por impulsar o desenvolvemento de actividades económicas vencelladas ao sector agroalimentario e ao primario, así como pola posta en funcionamento dun sistema de información de apoio a novos proxectos empresariais. No impulso do sector terciario, as propostas pasan por deseñar unha estratexia activa para a implantación de establecementos comerciais de tamaño medio e grande en Barbadás e pola creación dun parque de desenvolvemento económico e comercial dirixido especificamente a medianas e grandes superficies. Dentro do marco do obxectivo Barbadás Centro Comercial apóstase no estudo por unha estratexia que amose con claridade esa aposta do concello polo sector comercial e concretamente pola implantación de novos espazos comerciais de tamaño pequeno ou mediano, xunto coa mellora da competitividade do comercio minorista xa implantado. Asemade, apúntase o deseño dunha estratexia activa para a implantación de establecementos comerciais de tamaño medio e grande no concello.

Este obxectivo principal pasa, segundo se recolle no estudo, pola “eliminación de barreiras físicas” cos concellos da comarca de Ourense, e nomeadamente co de Ourense, con actuacións ao respecto nos accesos a través da OU-540 e N-525, reducindo as dificultades para o acceso e o tránsito rodado entre Barbadás e o resto dos concellos da comarca, mellorando o transporte público urbano e interurbano e buscando a forma de que o sistema dixital do concello poida incluír unha función colaborativa que permita compartir vehículos.

Outras medidas

Outro reto recollido no estudo consiste en traballar para lograr o equilibrio progresivo dos distintos núcleos poboacionais do concello, así como dotar ao territorio municipal de personalidade con posicionamento propio e características singulares, identificándoo como "un concello novo, activo e conectado" e incrementando o sentimento de pertenza dos seus habitantes. Nas actividades reequilibradoras entre núcleos destácase no informe a posta en valor de recursos medioambientais do concello dando resposta á crecemento demanda social de actividades en contacto directo coa natureza e fomentando a recuperación da paisaxe agrícola tradicional con fins agrícolas, turísticos, ecolóxicos, recreativos e didácticos. Outro dos puntos sinalados é o concepto de Barbadás Concello Musical, no que se propón un plan específico de actuación que una a escola de música e o museo da gaita de fole, así como a realización de obradoiros e programas formativos específicos sobre a música electrónica.