DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cargo dos profesores e artistas Alberto Valverde e María Castellanos

Investigadores do campus deseñan unha galería de arte virtual

Este venres inaugurarase simultaneamente en varios lugares de Europa, entre eles Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 20/09/2012

A arte non entende de fronteiras. Dous profesores da Facultade de Belas Artes, Alberto Valverde e María Castellanos fano posible co deseño e posta en práctica dunha galería de arte virtual, Gloria Heldmound, unha idea orixinal que achegará unha visión global do mundo da creación. Este espazo experimental foi creado especificamente para internet pero os seus promotores convocaron a salas de exposicións e estudos de artistas para celebrar unha inauguración simultánea, que terá lugar este venres en diversos puntos de Europa. Entre as cidades que se uniron a este evento están Gijón, Belfast, Berlín, Londres, Zaragoza, Vigo e Pontevedra, concretamente no espazo Portal 48, de recente creación.

Gloria Heldmound pretende converterse nunha alternativa ás salas expositivas convencionais, achegando un espazo virtual no que os artistas poidan mostrar igualmente as súas obras. “ O panorama actual da arte e da cultura en xeral é moi complicado e nada alentador. Salas de arte e centros culturais pechan as súas portas todos os días e non ofrecen condicións idóneas para expor debido aos recortes orzamentarios”, declara María Castellanos, de aí que os dous profesores pensaran nun lugar na rede no que non se está supedito a limitacións de tempo e de espazo, “no que ten cabida calquera tipo de manifestación artística de calidade que se poida reproducir dixitalmente”.

Unha idea orixinal

Non se coñece ningún precedente de galería virtual co formato pensado para Gloria Heldmound. “Normalmente as chamadas galerías virtuais soen ser resultado dun traballo de documentación mostradas a modo de galería de imaxes”, aclara Castellanos e, neste caso, os seus creadores puxeron especial empeño en tratar cada obra individualmente, atendendo ás necesidades da mesma “e sen esquecer nunca a visión global da sala e do conxunto da exposición, como se dunha mostra física se tratase”. Os investigadores buscaron, en definitiva, “aproveitar” os avances que brindan as novas tecnoloxías, xogando coas vantaxes que ofrece o mundo global de internet e construíndo unha forma de acurtar as distancias entre a arte e o espectador. “Deste xeito chegamos a un público máis amplo que pode atoparse en calquera lugar do mundo con conexión a internet”, apunta a profesora Castellanos.

Inauguración simultánea en Pontevedra

En Pontevedra a cita con Gloria Heldmound será en Portal 48, espazo para a creación aberto recentemente. Do mesmo xeito que o resto de lugares adheridas ao evento, a cidade pontevedresa albergará a inauguración da galería e das tres mostras virtuais que abren o ciclo expositivo, Gates, El dolor de la lucidez e Espacios de memoria, que reúnen a un total de 14 creadores encargados de dar o pistoletazo de saída a esta iniciativa innovadora na que se poderán atopar pezas sonoras, instalacións, pintura, videoarte... a partir deste venres.