DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A directora da Oficina de I+D e o responsable do CITI foron os encargados de asesoralos

Investigadores do campus reciben formación sobre como participar no VII Programa Marco

Este instrumento de fomento da investigación ten un presuposto de máis de 50.000 millóns de euros

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Noelia V. Vilanova DUVI 03/11/2008

O VII Programa Marco, VII PM, é o principal instrumento de financiamento de proxectos de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e demostración da Unión Europea. Os obxectivos desta iniciativa son converter a Unión Europea en líder mundial en I+D e crear un Espazo Europeo de Investigación, ERA. Ademais está deseñado para responder ás necesidades de emprego de Europa e reforzar a súa capacidade competitiva. Lorenzo Pastrana, profesor da Universidade e director do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación, CITI, sinalou que o PM é “unha iniciativa interesante xa que a Unión Europea vai a ter que ser o noso caladoiro de proxectos nos próximos anos”. Para Pastrana “este programa acolle proxectos de envergadura, cun horizonte financeiro moi amplo e, neste campus, xa temos a madurez suficiente como para abordar este reto”, concluiu.


Como se estructura?

O VII Programa Marco, cun financiamento total de 50.521 millóns de euros, divídese en catro grandes bloques, Cooperación que conta cun presuposto de 32.413 millóns de euros, Ideas dotado con 7.510 millóns, Persoas cun fondo de 4.750 millóns e Capacidades financiado con 4.097 millóns.
No programa de Cooperación é obrigatorio colaborar con outros socios, “xa que se supón que o proxecto é de grande envergadura e ten un valor engadido de carácter europeo”, aclarou Ángeles López, directora da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI). As iniciativas propostas para este programa terán que encaixarse nunha das dez áreas temáticas establecidas, sen embargo “é doado atopar algunha área de coñecemento na cal situar o proxecto, xa que abranguen moitos ámbitos de estudo”. Algunhas destas áreas son saúde, alimentación, pesca, agricultura e biotecnoloxía, medio ambiente ou enerxía, entre outras. Destacan ademais, neste sétimo Programa Marco, tres áreas de nova creación, a área de ciencias socioeconómicas e humanas, a de espazo e a de seguridade.
Ideas é o programa onde se pode facer investigación básica, “investigación como lle chaman en Europa na fronteira do coñecemento”, apuntou López. Trátase pois de proxectos de futuro, a longo prazo, e que non se concretan nun proxecto de investigación aplicada. É un dos poucos programas no que non é necesario ir con socios doutros países, o criterio de selección básico é a excelencia, é dicir, que a proposta sexa excelente dende o punto de vista da investigación. A directora da OTRI destacou que “neste apartado xa temos un proxecto, dotado con 1 millón de euros, que conseguiu o campus de Vigo e que é o único de Galicia”.
O bloque Persoas oferta bolsas de mobilidade para investigación. Con este programa preténdese fortalecer o potencial humano da investigación e a tecnoloxía en Europa.
Por último, o programa Capacidades “é unha mestura de cousas diversas, xa que conta con moitas áreas de traballo”, sinalou López. Sen embargo, destacan neste apartado o programa para Pequenas e Medianas Empresas (PEME), que consiste en que “un grupo de investigación fai o traballo necesario para resolver unha necesidade que presenta empresa”, polo tanto é unha modalidade orientada a dar servizo a sociedade; e tamén o programa de Cooperación Internacional que é unha área concreta para que poidan cooperar e ser financiados países que non pertencen aos estados da Unión Europea nin son asociados, “é dicir, países terceiros de Asia, África, América latina”, engadiu López.


Quen pode participar?

Poden participar no programa, persoas físicas e xurídicas, con capacidade investigadora ou non en función da convocatoria a que se queiran presentar. Os requisitos xerais que se deben cumprir é contar cun mínimo de tres socios en cada proxecto que sexan de tres países distintos que pertenzan a Unión Europea ou que sexan dos asociados. Como excepcións a estas regras básicas sitúase o programa Ideas, no que non é necesario participar con outro socio, as bolsas de mobilidade ou os roxectos de Cooperación Internacional.
Os roles que se poden desempeñar no proxecto son o de coordinador, responsable da xestión administrativa e da coordinación técnica e interlocutor coa Comisión Europea; o de participante ou socio que asina o acordo de subvención e só é responsable das súas tarefas; e por último contémplanse terceiras partes que non son socias exactamente senón unha subcontrata, que poden ter ou non, os participantes.

Máis información.