DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Karolina Machanová incorpórase tres meses ao Laboratorio de Termofísica

Investigadores checos completan en Ourense os seus estudos en líquidos iónicos

O grupo é punteiro a nivel internacional na medición destes fluídos, futuro da industria verde

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 06/05/2011
O campus de Ourense é punteiro a nivel internacional na investigación en líquidos iónicos, fluídos que están substituíndo na industria a elementos contaminantes como os disolventes. Son o futuro da industria “verde” e unha das liñas de traballo do Laboratorio de Termofísica da Universidade de Vigo. Se en abril Yolanda Álvarez, profesora da Universidad Carlos III de Madrid, presentaba a súa tese de doutoramento no campus sobre a caracterización destes elementos, agora o laboratorio reforza o seu carácter internacional coa estadía de investigadores estranxeiros. A primeira en incorporarse, a investigadora checa Karolina Machanová.

María Lameiras, vicerreitora do campus, daba a benvida esta semana á investigadora salientando que “é un motivo de orgullo e satisfacción a súa incorporación como exemplo da incipiente internacionalización dos nosos grupos de investigación, neste caso o de Termofísica, un laboratorio, dirixido por Luis Romaní, que é referencia internacional e punteiro no seu ámbito de traballo”. “Con este tipo de accións estamos colocando ao noso campus no mapa internacional” destacou.

Durante a visita, Machanová explicou que o motivo da súa estadía, que se prolongará arredor de tres meses, é completar a investigación de predoutoramento que realiza no E. Hala Laboratory of Thermodynamics da Academia das Ciencias da República Checa baixo a dirección da doutora Magdalena Bendová. O seu traballo, destacou, céntrase no desenvolvemento de procesos de aplicación industrial con líquidos iónicos, especialmente en extraccións líquido-líquido. Para un deseño axeitado destes procesos é necesaria unha caracterización termofísica precisa dos líquidos iónicos, o que lle fixo necesario o seu traslado uns meses ao laboratorio ourensán, referente internacional neste eido.

Jacobo Troncoso, doutor do Laboratorio de Termofísica, destacou pola súa banda que coa incorporación de investigadores foráneos coma Machanová “damos un paso máis na internacionalización do noso traballo e avanzamos na investigación neste eido, pois se a investigación de Yolanda tiña un perfil máis de química básica a de Karolina é máis de enxeñería”. Para continuar neste proceso de internacionalización, salientou Troncoso, o seu grupo continuará estreitando lazos con investigadores checos, estando previsto que en setembro se incorpore ao grupo unha segunda investigadora procedente do Prague Institute of Technology.