DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este estudo pioneiro, realizado no mesocosmos, proporciona resultados máis realistas e aplicables

Investigadores do CIM replican as condicións do hábitat mariño para analizar o impacto da baixada de salinidade nos bancos marisqueiros

Conclúen que a combinación do cultivo de ameixas e a Zostera mitiga os efectos de eventos adversos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 02/02/2024

As abondosas chuvias dos últimos meses puxeron en evidencia o impacto que os aportes de auga doce teñen nos ecosistemas mariños e, consecuentemente, na produción marisqueira. Para achegar un pouco máis luz sobre este proceso, un grupo de investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), realizaron un estudo pioneiro que replica as condicións do hábitat mariño no mesocosmos de bancos marisqueiros intermareais para estudar os efectos das frecuentes baixadas de salinidade que ocorren en Galicia e a súa relación coa Zostera noltei.

O traballo, no que tamén participaron científicos e científicas da Universidad de Oviedo, a Universidad Rey Juan Carlos I e a University of South Carolina, acaba de ser publicado na revista ICES Journal of Marine Science. Segundo Salvador Román, autor principal do artigo e membro do Grupo de Ecoloxía Costeira, “este experimento ofrece unha visión máis completa dos ecosistemas intermareais” e pon de manifesto a “importancia de entender as interaccións entre as especies mariñas e a contorna, proporcionando resultados máis realistas e aplicables que investigacións anteriores”. 

O experimento realizouse no mesocosmos da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), unha infraestrutura de investigación do CIM única en España e formada por tanques con grandes volumes de auga que reproducen as condicións do medio natural. Isto permitiu ao equipo imitar as condicións das mareas e avaliar os efectos das precipitacións intensas, revelando a influencia da planta mariña Zostera noltei na regulación da salinidade e o efecto mitigador en eventos ambientais extremos como as vagas de calor. 

Unha estratexia efectiva para fortalecer a resiliencia dos bancos marisqueiros 

Como explican os investigadores, normalmente nas zonas estuáricas, durante a subida da marea, a salinidade aumenta debido á influencia do mar, mentres que durante a baixada da marea, a descarga de auga doce diminúe a salinidade. Con todo, eventos climáticos extremos, como intensas precipitacións, poden causar flutuacións significativas, afectando á saúde dos bancos marisqueiros. Os resultados deste estudo suxiren que a implementación conxunta de Zostera noltei e o cultivo de ameixas pode ser unha estratexia efectiva para fortalecer a resiliencia dos bancos marisqueiros fronte a eventos ambientais extremos, proporcionando un enfoque sostible e práctico para a xestión dos recursos mariños.

Salvador Román destaca que deste xeito, ponse en valor  “a combinación beneficiosa do cultivo de especies de ameixas e a presenza de Zostera, demostrando que esta asociación actúa como un eficiente mecanismo de mitigación”. En concreto, o estudo constata unha lixeira interacción positiva da presenza de Zostera, xa que a biomasa aérea e subterránea da planta retén a auga circulante, retardando a renovación da auga, e proporcionando un efecto amortecedor durante eventos curtos de diminución de salinidade. Ademais, a biomasa actúa como amortecedor térmico en momentos de marea baixa e altas temperaturas,  porque retén a humidade e dá sombra ao sedimento, brindando protección adicional ás especies mariñas.

En canto ás especies de ameixas, a investigación establece que a Ruditapes philippinarum (ameixa xapónica) é a máis resistente a eventos de baixa salinidade, seguida por Ruditapes decussatus (ameixa fina). A Venerupis corrugata (ameixa babosa) mostrou ser a máis afectada, experimentando unha alta taxa de mortalidade e efectos fisiolóxicos adversos.

O investigador tamén lembra que “a pesar dos beneficios que ofrecen as pradarías de Zostera, existe unha controversia no sector marisqueiro debido ás dificultades que presenta o raizame para a extracción de recursos. Aínda que estas plantas mariñas a miúdo son percibidas como obstáculos, os resultados deste estudo suxiren que son beneficiosas ou, polo menos, neutras para as especies de ameixas en cuestión, xa que non atopamos ningún efecto negativo da Zostera sobre estas especies de ameixas nos nosos experimentos”.

Infraestrutura única

O mesocosmos é un conxunto de instalacións de grandes volumes de auga con condicións próximas ás do medio natural, nas que os factores ambientais poden ser manipulados de maneira realista e monitorizados. Constitúe, polo tanto, unha das ferramentas experimentais máis potentes do mundo, tanto fronte aos estudos in situ, nos que non se poden manipular as condicións ambientais e monitorizalas, como fronte aos estudos en laboratorio, onde o feito de traballar con volumes pequenos afástaos das condicións naturais. 

O do CIM é o primeiro mesocosmos que se constrúe en España e un dos poucos que existen en Europa e ten a particularidade de situarse nun sistema de afloramento, como son as rías, no que o vento do norte fai que afloren augas profundas, frías e moi ricas en nutrientes, convertendo a zona nun dos ecosistemas máis produtivos do mundo. Todas estas características convérteno nunha instalación única e estratéxica para completar os estudos dos distintos escenarios existentes desde o punto de vista da ecoloxía mariña.