DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realízase cunha simple analítica e permite maior privacidade e resultados máis completos

Investigadores de CINBIO e do CHOP desenvolven un método alternativo á proba da tuberculina

O maior custe da proba e a súa novidade ralentiza a implantación hospitalaria

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 12/04/2011
Ata o de agora a proba de tuberculina ou Mantoux continúa sendo o estudo que se realiza ás persoas que estiveron en contacto con pacientes con tuberculose pero nun futuro próximo poderá ser substituída por unha técnica alternativa avaliada por un grupo de investigadores da Universidade de Vigo e do Complexo Hospitalario de Pontevedra, un avance que terá especial importancia nun lugar como Galicia, a comunidade autónoma con maior prevalencia de tuberculose non relacionada con SIDA.

Como principais vantaxes deste novo método fronte ao sistema tradicional, en vigor desde fai case 100 anos, os investigadores do Centro de Investigacións Biomédicas, CINBIO, e do CHOP destacan o feito de que mentres que a proba da tuberculina require dunha inxección intradérmica e a realización de ao menos dúas visitas médicas para avaliar o grado de induración, a nova proba só precisa dunha única extracción de sangue e proporciona unha maior especificidade nos resultados obtidos. “Ademais, auméntase a privacidade do resultado xa que se coñece mediante unha simple analítica mentres que coa técnica de Mantoux a zona da pel onde se realizou a proba, habitualmente o brazo, ponse vermella e endurécese”, subliñou a catedrática viguesa África González, coordinadora do estudo xunto a Luis Anibarro García, especialista en Medicina Interna do CHOP.

O doutor Anibarro fai fincapé en que en caso de existir infección tuberculosa, as células linfocitarias actívanse de forma específica “engadindo proteínas do patóxeno, e segregan unha citoquina (interferón-gamma) que é posteriormente medida no laboratorio mediante unha técnica inmunolóxica denominada Elisa”.

Período ventá

O estudo, cuxos resultados xa foron publicados en revistas como European Respiratory Journal e Scandinavian Journal of Infectious Diseases, demostra por primeira vez que é necesario esperar un período de tempo tras o contacto coa persoa infectada para que a proba resulte positiva, “o que se denomina período ventá”, especifican, e que ese espazo temporal pode ser incluso máis curto ca o necesario para a positivización da proba da tuberculina.

“É importante destacar que por primeira vez se realizou unha investigación analizando o período ventá en contactos de enfermos, comparando ambas técnicas en tempos curtos, é dicir, tras dous meses”, explica a catedrática viguesa. Agora, o estudo continúa nunha segunda fase, na que se está analizando a evolución da proba en períodos de tempo máis longos.

Prometedor avance

A creación deste método alternativo á proba da tuberculina é froito dunha investigación iniciada hai uns anos coa selección dos contactos na Unidade de Tuberculose do Complexo Hospitalario de Pontevedra e nela participaron profesionais das unidades de Microbioloxía e Tuberculose do hospital e, por parte da Universidade, o doutor Carlos Villaverde e a catedrática África González.

Pese a este prometedor avance no diagnóstico da infección tuberculosa, os investigadores consideran que o maior custe da proba en relación coa que se está a empregar na actualidade e a súa novidade, fan que sexa aínda demasiado cedo para poder afirmar rotundamente que xa chegou o momento de substituír a nova proba pola ben coñecida Proba de Tuberculina.

“Nós, pola nosa banda, continuamos os estudos sobre esta materia e empregamos esta metodoloxía para outros contactos de pacientes con tuberculose”, engade o doutor Anibarro.