DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No I Curso de Comunicación para investigadores promovido polo Consello de Goberno

Investigadores do CITI aprenden a transmitir a realidade da Universidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Marta Casanova DUVI 18/06/2008

Da man de expertos da comunicación, tanto a nivel académico como profesional, os equipos directivos dos centros do campus e os investigadores que van ter presenza no Centro de Investigación e Transferencia de Ourense tomarán conciencia do poder mediático da Universidade de Vigo, a través das seis sesións das que consta o I Curso de Comunicación para investigadores que se desenvolverá todos os luns e mércores ata o dous de xullo no Edificio de Ferro. Os participantes reflexionarán sobre a imaxe da institución, adestraranse en certos aspectos da comunicación e coñecerán os mellores medios para a difusión do seu traballo á hora de distribuír orzamentos publicitarios.
O obxectivo do curso, polo que pasarán uns 30 relatores, é aprender a comunicar para transmitir unha imaxe institucional da Universidade de Vigo como entidade xeradora de coñecemento que se axuste á súa realidade e ademais, converterse nun punto de encontro cos xornalistas. Neste senso, o vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez subliñou que “dende a prensa nos acusan de facer moitas cousas pero non saber vendelas por ser unha institución demasiado opaca”, erro que queren corrixir xa que “estamos a traballar pola sociedade e polo tanto temos que transferirlle o froito do noso esforzo” explicou. Gálvez explicou que a idea de celebraralo xurdiu ante a inminente inauguración do CITI, que comezará a súa andaina en setembro e se converterá “nun centro representativo do campus e de toda a Universidade”.
Pola súa banda, Emilio Atrio, presidente do Consello Social, entidade patrocinadora da iniciativa, reflexionou sobre o feito de que o nocello lesionado dun futbolista ocupe moito máis espazo nos medios que os cerebros dos 80.000 profesores universitarios españois. “Tal vez a universidade non teña mellor imaxe porque o que ofrece ten unha utilidade relativa na sociedade” comentou, “o que supón máis un problema de cultura e valores que de comunicación”. Atrio resaltou que dende o Consello Social “tendemos todas as pontes á comunicación para coñecernos, relacionarnos e alimentarnos”, feito que amosa a celebración deste curso dirixido á investigación, “a parte da Universidade que máis interesa aos medios e que máis curiosidade esperta na xente” concluíu.

A comunicación universitaria

O relatorio inaugural e introductorio do curso, referido á comunicación universitaria en si mesma correu a cargo do profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho que animou aos presentes a perder “o temor a estar nos medios polo que poidan dicir pois son só prexuízos que hai que intentar frear combatendo os tópicos que rodean ao mundo universitario” dixo. Corbacho explicou a comunicación como un escenario estratéxico nacido do feito de compartir e non como un instrumento, o que aplicado á universidade “como entidade xeradora de coñecemento implica trasladar este á sociedade agardando unha resposta”. Neste senso, cómpre ter en conta que non só o Gabinete de Prensa ou de Comunicación proxecta a imaxe da institución senón que “todo o persoal comunica, profesores, investigadores, PAS e alumnos, polo que hai que aprender a facelo para vendernos do mellor xeito posible ao exterior” comentou. Para logralo, é importante ter unha presenza continua nos medios e falar antes de que falen eles, mantendo así o control sobre o que din e creando a imaxe que van reflectir e que permanecerá na mente dos receptores. Só así se conseguirá loitar contra a opacidade que dende sempre se asocia á institución “sendo visibles para que a xente saiba o que se fai dun xeito transparente que supoña certa notoriedade e que se vexa recompensada coa empatía da sociedade” finalizou Corbacho.