DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No congreso sOpA14 que se celebrará en Celanova do 22 ao 27 deste mes

Investigadores e colectivos sociais de dez países comparten ideas e propostas sobre valorización do rural

O GEAAT da Facultade de Historia é unha das entidades organizadoras

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
M. Del Río DUVI 19/09/2014

A segunda edición do congreso sOpA, que arranca este luns 22 en Celanova, baséase na “cultura libre”, e é por iso que fronte a formatos ríxidos e puramente científicos, este Congreso internacional sobre educación e socialización do patrimonio contará coa participación tanto de investigadores e expertos como de colectivos sociais de España, Portugal, Francia, Reino Unido, México, Arxentina, Perú, Uruguai, Chile e Azerbaián, que debaterán sobre novas formas de relacionarse co patrimonio e novas estratexias para poñelo en valor.

En total, asistirán arredor de 200 persoas ao longo de cinco días de debates, intercambio e experiencias compartidas nun evento en cuxa organización está involucrada da Facultade de Historia. Precisamente unha das dúas directoras deste simposio é a decana Beatriz Comendador, que comparte esta responsabilidade con Sabah Walid, de Underground Arqueología e Paparoca Cultural & Social Worlds. Este venres tivo lugar a presentación oficial do simposio, acto que contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro, e a propia Sabah Walid.

Abrir o debate da cultura no rural a toda toda a sociedade

Tras unha primeira edición celebrada en Cáceres o ano pasado, o sOpA recala agora en Celanova cunha aposta pola “cultura libre” co obxectivo de abrir o debate sobre o patrimonio rural a todos os estamentos da sociedade con enfoques alternativos e novas propostas “que permitan determinar novos modelos de xestión social do patrimonio, sempre nun contexto de diálogo aberto tanto para científicos como para asociacións e cidadáns”, explicou Sabah Walid. Pola súa banda, Manuel Baltar destacou que Celanova, como referente cultural de Galiciam “é o lugar máis acaído para a celebración deste congreso, no que se vai falar dun ben tan prezado como é o noso patrimonio, algo que temos a obriga de preservar, manter e difundir para coñecemento de todos e para seguir creando esa “conciencia cultural” que en Ourense e en Galicia representa o legado histórico, etnográfico, natural e patrimonial que posuímos”.

Atendendo tamén a esa visión “de cultura libre”, os contidos e as conclusións do congreso serán de acceso aberto nas redes sociais para que todos os interesados poidan coñecer os avances acadados nesta xuntanza, na que participarán historiados, arqueólogos, activistas culturais e conservadores e restauradores que ofrecerán relatorios e obradoiros que abranguen todas as temáticas de actualidade no que atinxe ao patrimonio no rural, como son a dinamización cultural, a intervención en elementos patrimoniais, o turismo, a accesibilidade, a comunicación, a participación cidadá e as artes e artesanía, entre outras materias.

Bloques programáticos

A xornada de apertura do congreso, o vindeiro luns, arrancará cunha contemplación do equinoccio de outono xunto á capela mozárabe de San Miguel. A inauguración oficial comezará ás 10.00 horas para dar paso a unha visita ao mosteiro de San Salvador e, xa pola tarde, unha sesión centrada en Galicia que contará coa participación de investigadores galegos como Martiño Vázquez ou José Señorán. A conferencia marco será impartida por Fran G. Quiroga, experto e activista cultural, baixo o título A insoportable levidade do ser administración.

O programa divídese en varios bloques onde o protagonismo será do diálogo e da discusión. No apartado de teoría construtiva, os participantes afondarán nos conceptos que se manexan na xestión social do patrimonio, con achegas de expertos como Antonio Lafuente, Ernest Cañada e Rosa Tera. Tamén haberá espazo para as metodoloxías participativas, aproximándose a novos modelos prácticos de xestión colaborativa e experiencias como as de Iconoclasistas, Carla Boserman e Paparoca. Completarán o programa numerosas accións de dinamización e de socialización, con actividades na rúa, exposicións e outras accións que intentarán facer do público asistentes parte activa do congreso. Entre outros eventos, unha cea colectiva na que os asistentes deben levar produtos típicos do seu lugar de orixe, iniciativa que na pasada edición foi un éxito.