DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un curso de formación ensinaralles técnicas de redacción escrita

Investigadores e docentes aprenden como comunicar mellor o complexo

Correos electrónicos, informes e artigos son algúns dos textos que abordarán

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 28/04/2011
Conseguir pór nas palabras axeitadas pensamentos e coñecementos complexos como os que se manexan no ámbito universitario non é unha tarefa fácil. Investigadores e docentes enfróntase a este reto, non sempre co éxito desexado, en cada artigo, informe, carta ou mesmo nos correos electrónicos que redactan. Para axudarlles nesta tarefa, o campus de Ourense acollerá o curso de formación Mellora das técnicas de redacción de comunicacións e publicacións científicas.

A acción formativa, organizada pola Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade e a Área de Formación e Innovación Educativa, pretende que os participantes aprendan a expresar adecuadamente o que pensan, que analicen diferentes tipos de textos, que coñezan técnicas que faciliten a elaboración de textos científicos e técnicos e que, en definitiva, consigan unha comunicación máis clara e eficaz.

Inmaculada Anaya, docente do curso xunto a Susana Rodríguez e Ángel Rodríguez, explica que “a comunicación escrita é unha das competencias profesionais mellor valoradas e os docentes teñen certa inquedanza por mellorar neste aspecto”. Á hora de escribir, advirte, atópanse con problemas de organización de ideas, de estruturación de textos, de gramática ou de vocabulario que é necesario solucionar pois a comunicación escrita está gañando terreo grazas ás novas tecnoloxías.

Por rendibilidade

“Escribir correctamente ten unha parte de eficiencia e rendibilidade que hai que ter moi en conta. Por exemplo, para acadar o éxito ou fracaso dun proxecto é decisivo conseguir transmitir ou “vender” axeitadamente a idea. Ademais, cando hai problemas na comunicación prodúcese unha perda de tempo que é unha perda de diñeiro” destaca Inmaculada Anaya. Para evitar estas situacións recomenda coidar a redacción tanto dos documentos formais coma dos cotiás, como os correos electrónicos.

Algúns consellos para mellorar esta redacción son, segundo a profesora, estruturar e xerarquizar ben os textos, empregar frases sinxelas e parágrafos curtos de ata 20 palabras. Coidar a imaxe visual, a coherencia, a claridade e a concisión dos documentos sería outra das súas recomendacións. Por último, apunta, “hai que ter en conta sempre ao receptor, hai que acomodar o texto á persoa que vai ler ese documento”.

O curso, que ten 30 prazas, desenvolverase do 6 ao 20 de xuño pero o período de matriculación xa está aberto para os interesados en inscribirse.