DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo encabezado por Enrique Poza afondará na metodoloxía para finalizar o proceso

Investigadores da ECIMAT completan, por primeira vez en España, parte do ciclo larvario da lagosta

Ata o momento non existía tecnoloxía para o seu cultivo pola estraña bioloxía da súa larva

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 28/04/2011
A estraña bioloxía da larva da lagosta fai que o seu cultivo en catividade sexa moi complexo e delicado. Ata agora non existían mecanismos que permitisen completar o seu ciclo larvario fóra da súa contorna natural, pero o traballo realizado por un grupo de investigadores da ECIMAT permitiu romper esta barreira.

Encabezados por Enrique Poza, director técnico da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, estes científicos veñen de conseguir, por primeira vez en España, completar parte do ciclo larvario da lagosta vermella (palinurus elephas) en catividade, a lagosta común das costas galegas. A investigación enmárcase dentro dun proxecto fin de mestrado de Acuicultura no que participan as tres universidades galegas. Segundo apunta Poza, esta é a “primeira vez que se consegue en España completar o desenvolvemento en cultivo ata o estadío de filosoma VI de estas difíciles formas de vida”. Os exemplares nados na ECIMAT teñen na actualidade 60 días de vida e atópanse estabulados en tanques especiais “con fluxo de auga mariña inverso e alimentadas con diferentes tallas do crustáceo vivo Artemia salina”.

Esta primeira experiencia neste eido abre a porta a futuros traballos que permitan cultivar xuvenís de lagosta con garantías para afrontar outras fases do cultivo desta especie. Para isto, a ECIMAT conta con circuítos de auga de mar filtrada e esterilizada, salas acondicionadas e tanques específicos para o cultivo de “estas estrañas larvas”.

Un proceso complexo

No mar, as larvas de lagosta vermella viven arredor de 150 días formando parte do zooplancto. Do seu corpo en forma de folla reciben o nome de filosoma e posúen longas patas articuladas coas que capturar o alimento. Estes filosomas pasan por sete estadios antes de se converter en lagosta, como explica Poza, “dos ovos que se incuban no abdome da lagosta sae a larva filosoma I cun abdome pouco desenvolto e só tres pares de patas torácicas”. Posteriormente, para seguir crecendo desprendese do revestimento de quitina e forma un exosqueleto novo máis grande. “Este proceso de muda ou ecdisis realízanno cinco veces transformándose en filosoma II, III, IV, V e VI e, aparte de crecer adquiren novos apéndices e un abdome con cola”. Ata este punto do proceso, que dura arredor de 60 ou 70 días é ata o que chegaron os investigadores da Universidade. Tras el prodúcese unha sexta muda na que o filosoma se transforma nunha larva con semellanza a unha lagosta pero totalmente transparente que recibe o nome de Puerulus. Este período ten unha duración de 15 días e será o seguinte paso ao que se enfrontará o equipo nun vindeiro traballo. Superado este, na última muda xa se converten as larvas nun xuvenil de lagosta.

O obxectivo do equipo de investigadores é poder completar todo o proceso catividade para facer viable o cultivo de lagosta fóra da súa contorna.