DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Luis Ortiz e Daniel Vega analizan o seu uso como biomasa na revista de impacto internacional 'Fuel'

Investigadores da EE Forestal defenden o aproveitamento enerxético das matogueiras

Representan un millón de hectáreas do chan galego e a súa utilización diminuiría o risco de incendio

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 13/11/2012

En Galicia as matogueiras ocupan unha superficie dun millón de hectáreas que se non se xestiona pode arder e ocasionar perdas considerables. Dous investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal, Luis Ortiz e Daniel Vega, conscientes do seu potencial enerxético, lideraron un estudo sobre a calidade da maleza presente en territorio galego e portugués para ser empregada como combustible de biomasa. “O aproveitamento da metade desta superficie de matogueira dispoñible en Galicia xeraría suficiente enerxía para abastecer 60.000 fogares cuns beneficios estimados de máis de 10 millóns de euros anuais”, describe o experto Daniel Vega.

Este estudo, realizado en colaboración con varios investigadores da Universidade lusa de Tras-Os Montes e Alto Douro, UTAD, recolle as vantaxes de usar a maleza como recurso enerxético, entre elas, a diminución do risco de propagación de incendios ou a posta en valor de produtos autóctonos “coa xeración de empregos en sectores tan innovadores como o da bionerxía”. O aproveitamento da matogueira unido a unha estratexia eficaz de silvicultura “serían unha poderosa ferramenta para frear as queimas incontrolados de monte”, advirte Vega que aposta ademais, para garantir a sustentabilidade deste uso, polo desenvolvemento de cultivos manexados para a produción de biomasa.

Estudo da calidade da súa cinza

Un factor clave para o éxito do aproveitamento deste recurso é coñecer a súa calidade como combustible cuantificando o seu comportamento nas caldeiras a través da análise da súa cinza. Os investigadores atoparon altos contidos de nutrientes nos restos calcinados “o que fai necesaria a súa mestura para a combustión con outras biomasas de baixo sodio e potasio como a estela de madeira”, exemplifica Vega. Por outra banda, a elevada cantidade de nutrientes da cinza da maleza pode ter aplicacións fertilizantes “pois, aínda que a corta frecuente do mato podería empobrecer o chan, o uso da cinza como abono combatería esa posible deficiencia”. Os resultados deste estudo foron publicados na revista especializada Fuel, de primeiro índice de impacto e de referencia en calidade de combustibles.

Esta investigación convértese nunha das primeiras análises científicas sobre o aproveitamento da matogueira como recurso enerxético. “Existe a nivel global unha escasa información sobre a composición de cinzas de biomasa desta especie e particularmente das que acostuman medrar en Galicia e Portugal, xa que ata o de agora non tiveron un aproveitamento comercial”, salientan Ortiz e Vega que sitúan á Escola de Enxeñaría Forestal do campus “como un centro de referencia no estudo da calidade de biomasa liderando investigacións e traballos que buscan a aplicabilidade directa nas empresas”.

Os especialistas conclúen que a relevancia destes combustibles en Galicia “é mais que importante”, ademais de posibilitar a conversión dun potencial problema medioambiental nunha "oportunidade de negocio". Non obstante, para que o sector da biomasa se consolide como mercado é necesaria a aplicación de medidas políticas que incentiven aos propietarios forestais a aproveitar a maleza. “Precisamos de pequenas e grandes empresas que aposten pola innovación en toda a cadea da biomasa para conseguir a correcta xestión dun recurso no que podemos ser líderes”.