DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto financiado polo Plan Social de Ence, que leva a cabo o grupo AF-4

Investigadores da EE Forestal desenvolverán unha metodoloxía para certificar os valores inmateriais e espirituais dos bosques

Co obxectivo de vinculala ao Camiño de Santiago

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 05/12/2023

Pola súa contribución á mitigación dos efectos do cambio climático e á preservación da biodiversidade, pola produción de madeira e doutra serie de produtos... A conservación dos bosques implica numerosos beneficios, aos que cómpre sumar tamén outros de carácter inmaterial, como aqueles ligados ao ocio e benestar do ser humano. Como adxudicatario dunha axuda á innovación do IV Plan Social Ence Pontevedra, o grupo de investigación AF-4, da Escola de Enxeñaría Forestal, traballa no desenvolvemento dunha metodoloxía dirixida a certificar eses valores inmateriais ou espirituais ligados aos bosques, que tratarán de poñer a proba en masas forestais ligadas ao Camiño de Santiago. 

“Trátase de conseguir nun futuro unha certificación forestal dos bens inmateriais e intanxibles dos bosques”, sinala o investigador principal do grupo AF-4, Enrique Valero, que incide no novidoso dunha proposta que toma como punto de partida os Criterios da Xestión Forestal Sostible, definidos na conferencia interministerial de Helsinki. “Será a primeira vez que se intentan conseguir indicadores de sostibilidade ligados a aspectos inmateriais, pero si apreciables, tales como benestar, saúde, espiritualidade, valor experiencial, calidade estética e outros relacionados coa experiencia perceptiva e emocional”, destaca o grupo de investigación.

Da calidade do aire á “experiencia emocional”

O obxectivo principal deste proxecto é o desenvolvemento dunha metodoloxía que garanta “a consideración de aspectos sociais, culturais e espirituais que as masas arbóreas proporcionan aos usuarios que as visitan”. Para iso, explica Valero, será necesario definir un conxunto de indicadores que permitan avaliar se unha masa forestal ou un tramo de bosque cumpren unha serie de criterios que permitan recoñecelos “como de excelencia” a través dunha certificación, do mesmo xeito que outros produtos derivados dos bosques son recoñecidos con certificacións como PEFC.

“Temos que propor indicadores e ver en que medida se poden computar”, salienta Valero dun traballo que porá o foco nos valores vinculados “os servizos ecosistémicos dos bosques”. A idea é valorar aspectos ligados á calidade, á paisaxe ou o recreo, o que fará que sexa preciso avaliar, engade, unha ampla serie de aspectos, desde a calidade do aire á propia “experiencia emocional”, pasando polas “experiencias cumio na visitas os bosques” ou porque non existan “elementos distorsionadores”, visuais ou acústicos, no treito a certificar, senón que se trata “dunha contorna paisaxística de calidade”.

Contribuír á sustentabilidade dos bosques

A metodoloxía de certificación que o grupo AF-4 busca definir contribuiría a “unha xestión forestal respectuosa cos valores culturais e espirituais identificados” nas masas forestais. Nese senso, trátase “dun proxecto que trata de desenvolver a sustentabilidade dos bosques”, sobre a base dos Criterios de Xestión Forestal Sostible e máis concretamente do seu número 6, que fai referencia ao “mantemento e mellora doutras funcións e condicións socio-económicas” das masas forestais. Neste caso, tratando á súa vez de vinculalas co Camiño de Santiago, no que se insiren “percorridos a través das masas forestais que teñen multitude de usuarios, aos que tes dalgunha maneira que garantir a sostibilidade desa experiencia”, apunta Valero. Nese senso, a idea é tratar nun primeiro termo, de aplicar a metodoloxía “en masas forestais xestionadas por Ence, se pode ser, próximas ou na contorna dos Camiños de Santiago”. O obxectivo final, engade, é tratar de xerar “unha metodoloxía replicable” e aplicable no futuro a diferentes tipos de masas forestais, o que, como recolle a memoria do proxecto, contribuiría tanto á súa conservación, como á xeración de emprego e ao desenvolvemento das zonas rurais.