DUVI

Diario da Universidade de Vigo

EverGLASS empregará unha tecnoloxía "radicalmente nova" denominada 'glass laser transformation'

Investigadores da EE Industrial lideran un proxecto que revolucionará o proceso de reciclaxe do vidro

Permitirá aos usuarios introducir residuos nunha nova máquina e seleccionar que novo produto obter

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 17/01/2024

A pesar de que a reciclaxe de vidro pode considerarse un caso de éxito comparado con outros materiais, cada ano 28.000 millóns de botellas e recipientes de vidro acaban en vertedoiros sen posibilidade de seren reciclados. Pare reverter esta situación, o grupo de Aplicacións Industriais dos Láseres, LaserON, da Universidade de Vigo lidera un proxecto europeo que tratará de revolucionar o proceso de reciclaxe do vidro desenvolvendo unha tecnoloxía radicalmente nova denominada glass laser transformation. Cos profesores Juan Pou e Rafael Comesaña á cabeza, este grupo, que forma parte do Cintecx, lidera EverGLASS, que conta con socios de Eslovaquia, Alemaña e Francia, e con representación española por parte do CSIC. Cunha duración de tres anos e un orzamento de preto de 3 millóns de euros (783.750 euros para a UVigo), o proxecto foi seleccionado na convocatoria EIC Pathfinder Open no marco do Horizon Europe.

O obxectivo de EverGLASS -  The new role of glass in a sustainable society. Technology for the integral recycling of glass – é transformar radicalmente a reciclaxe e utilización de residuos de vidro mediante o desenvolvemento dunha innovadora tecnoloxía de transformación láser. O seu enfoque, salienta, é innovador porque integra a reciclaxe no proceso de fabricación de produtos de vidro a medida, ofrecendo unha solución aos desafíos medioambientais asociados cos residuos de vidro. 

Este mércores a Escola de Enxeñería Industrial acolleu a reunión de lanzamento do proxecto, na que participaron representantes das entidades socias acompañados, no acto de apertura polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e polo director da EEI, Juan E. Pardo. Ambos fixeron fincapé na importancia que ten para a escola e para a UVigo un proxecto desta envergadura. O reitor salientaba o “orgullo” que supón para Universidade que sexa un grupo vigués o que coordine unha iniciativa coma esta, que contribúe a unha “Europa máis forte e máis competitiva, que avance na reindustrialización” pero que tamén sexa “máis verde e sostible”. Para acadalo salientou o papel que xogan, como é o caso deste proxecto, das institucións,  universidades e centros de investigación, que axudan a que Europa sexa “máis competitiva fronte a outros sistemas como EEUU, Xapón ou outros países asiáticos”.

Unha nova proposta para unha transformación radical do proceso de reciclado do vidro

O catedrático Juan Pou explica que o proceso actual de reciclaxe de vidro emprega tecnoloxía madura baseada en grandes instalacións que centralizan o proceso. “Isto supón un alto consumo de enerxía para fundir toneladas de vidro mediante un proceso pouco flexible” a isto únense os “custes de transporte do vidro ás grandes plantas de reciclaxe”. EverGLASS propón desenvolver unha tecnoloxía radicalmente nova (glass laser transformation) que se basea no emprego da tecnoloxía láser para a reciclaxe de vidro in situ. De xeito, explican os investigadores, “poderanse xerar produtos personalizados ou técnicos cun menor consumo enerxético, menor emisión de CO2 á atmosfera e menores custes de transporte”. E cal é o xeito de facelo? Os investigadores explican que os usuarios introducirán residuos nunha nova máquina e seleccionarán que novo produto queren obter. “Isto suporá pasar dun concepto de reciclaxe centralizado a outro distribuído, no que as persoas xogarán un papel fundamental”.

Unha proposta ambiciosa e radical

Como eles mesmos recoñecen a visión é “ambiciosa”, xa que pretende levar ao mercado de consumo unha tecnoloxía innovadora que permita a reutilización practicamente infinita do vidro. Pero tamén é “radical” porque “a través dun sistema polivalente capaz de localizarse en calquera lugar, propón un enfoque alternativo ao tradicional proceso de reciclaxe centralizado”. A nova tecnoloxía, engaden os investigadores, permite superar as limitacións actuais dos sistemas, que se caracterizan por un alto consumo enerxético, un elevado custe económico e pola rixidez e a forte esixencia loxística. Fronte a isto, proponse “un modelo altamente respectuoso co medio ambiente que permitirá flexibilidade no uso do material e no proceso. Por tanto, EverGLASS ten o potencial de revolucionar a reciclaxe como concepto”. 

Por outra banda, os seus impulsores tamén subliñan que a súa proposta tamén aborda un dos principais problemas da reciclaxe, que é a falta de participación dos usuarios, ofrecendo unha forma “innovadora ao permitir a personalización de elementos reciclados de diferente uso”. 

Dun concepto a un produto real

Para pasar dun concepto a un produto real, o grupo LaserON levará a cabo ensaios de laboratorio con diferentes tipos de vidro e en diferentes condicións experimentais. Coa colaboración dos demais socios do consorcio, levarase a cabo o deseño, construción e posta a punto dun prototipo industrial de máquina de reciclado de vidro baseado na técnica glass laser transformation desenvolvida polos investigadores vigueses. Ao mesmo tempo, o equipo da UVigo colaborará cos demais socios na caracterización, análise e validación dos produtos obtidos.

30 anos de experiencia no procesamento e síntese de materiais con láser

O grupo LaserON é unha referencia nacional e europea no campo do procesamento de materiais con láser pero para acadar este posicionamento, segundo eles mesmos explican, conflúen dous elementos clave. Por unha banda, “un grupo humano compacto e multidisciplinar con experiencia comprobada, con algúns membros que acumulan máis de 30 anos traballando neste campo” e, por outra, “o parque láser dispoñible”. O conxunto de equipos, principalmente fontes de láser de alta potencia e equipos auxiliares constitúen, engaden, “unha infraestrutura única na península ibérica e é un dos dez máis relevantes en Europa neste campo”. 

Neste proxecto, o grupo LaserON colabora con expertos do Instituto de Cerámica y Vidrio do CSIC; do Centro de Investigación especializado en vidros funcionais FunGlass - Trenčianska Univerzita de Trenčín (Eslovaquia), do Instituto Europeo de Comunicación Científica - ESCI (Alemaña), do Centro Técnico de Investigación Agroalimentaria Actalia (Francia), e do Instituto Fraunhofer de Matemática Industrial - Fraunhofer ITWM (Alemaña). 

Unha convocatoria para proxectos cunha visión nova e ambiciosa de tecnoloxía radicalmente nova

EverGLASS foi un dos 53 proxectos que resultaron seleccionados polo Consello Europeo de Innovación (EIC) no marco da convocatoria EIC Pathfinder Open. En total, presentáronse 783 propostas procedentes de 33 países, polo que a taxa de éxito é do 7%, nunha convocatoria “altamente competitiva”, como recalcaba o reitor e deseñada para proxectos cunha visión nova e ambiciosa de tecnoloxía radicalmente nova. O obxectivo deste programa é prestar apoio ás etapas iniciais de desenvolvemento destas tecnoloxías baseadas en investigacións innovadoras de alto risco e alto beneficio dende a ciencia ata a tecnoloxía, incluída a coñecida como ‘tecnoloxía profunda’.