DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun foro que se celebrará o venres 31 na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

Investigadores e empresarios amosan como as matemáticas melloran a competitividade na industria

O sector empresarial formulará as necesidades actuais da industria en relación cos métodos matemátic

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 23/05/2013

Darlle ao sector empresarial e industrial a oportunidade de formular aos investigadores as súas necesidades en relación cos métodos matemáticos, a simulación numérica, a estatística… é un dos principais obxectivos do IX Foro de Matemática Industria que se celebrará o vindeiro venres na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación organizado polo Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, unha iniciativa pioneira en España impulsada polas universidades de Coruña, Santiago e Vigo para promover a transferencia da tecnoloxía matemática e dar respostas “eficaces e áxiles as demandas das empresas, as industrias e as administracións públicas”, subliña o profesor José Durany, un dos principais impulsores da iniciativa e membro do comité organizador deste foro.

As empresas convidadas aproveitarán esta cita para formular os problemas que xorden no seu ámbito e que son susceptibles de ser tratados mediante métodos matemáticos e numéricos, estatística e de investigación operativa: modelado, simulación de procesos e dispositivos, enxeñaría asistida por ordenador… “Será unha boa oportunidade para seguir a incrementar a relación Empresa-Universidade e promocionar entre os posibles destinatarios o uso destas técnicas”, engadiu Durany, que recalcou tamén o elevado interese do encontro de cara a abrir futuras liñas de investigación en temas prioritarios para o sector empresarial e favorecer á incorporación de técnicos especializados á empresa.

Tecnoloxía matemática para o mundo da empresa

Tras o acto de apertura, ao que asistirán os tres vicerreitores de Transferencia de Coñecemento das universidades galegas, así como os directores das tres escolas de enxeñaría do campus, terá lugar a presentación do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, ITMATI, e da Rede Española de Matemática Industria, Math-in, un entramado composto por arredor de 30 grupos de investigación e máis de 300 investigadores con ampla experiencia no desenvolvemento de solucións con tecnoloxía matemática para o mundo da empresa, tanto de forma autónoma como en colaboración coas propias empresas.

Enerxías, materiais, medio ambiente, tecnoloxías da información e as comunicacións... son algúns dos sectores que demandan habitualmente solucións no ámbito da matemática industrial. A estes sectores e algúns outros pertencen a maior parte dos relatores da xornadas. Desde a empresa Centum, por exemplo, será o responsable do Departamento de I+D+i, Andrea Di Giovanni, o encargado de explicar como empregaron os modelos matemáticos no desenvolvemento de equipos de telecomunicación embarcados en avións non tripulados. Será o primeiro en intervir nun programa que contará tamén coa participación de profesionais de empresas como Reganosa, Plasto Technologies, Hergome SL de mecanizados...