DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas II Xornadas de Comunicación para investigadores

Investigadores e empresarios coinciden na necesidade de atopar vías para fomentar a I+D

O campus de Ourense duplica cada ano a facturación nos proxectos de contratación de I+D

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Raquel Feijóo DUVI 24/11/2009

Atopar puntos de encontro entre a empresa e a universidade para fomentar a investigación, o desenvolvemento e a innovación. Nesta idea coinciden os investigadores e os empresarios que están a participar na segunda edición do Xornadas de Comunicación para Investigadores, no campus de Ourense. Esta iniciativa, que continuará ata o 2 de decembro, foi inaugurada este martes por Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus e Emilio Atrio, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo. Ao longo da xornada interviñeron tamén Javier Pereiro, director de FEUGA –Fundación Empresa Universidade Galega- e Salustiano Mato, catedrático de Zooloxía e ex director xeral de I+D da Xunta de Galicia, para falar dos ámbitos de colaboración e das relacións entre a empresa e a universidade en Galicia.

Coñecer as necesidades das empresas e transmitirlles os coñecementos da universidade

Na súa intervención, Juan Francisco Gálvez subliñou que “con estas xornadas queremos ser capaces de entrar en comunicación coas empresas da nosa contorna para elaborar proxectos de I+D”, e revelou ademais que, cada ano, “o campus de Ourense duplica a súa facturación en proxectos de contratación de I+D”. Isto débese á implicación da empresa coa universidade pero tamén é necesario, segundo o vicerreitor, que a universidade se implique coa empresa. “Temos que coñecer o que queren as empresas, saber transmitir o que nós facemos e atopar puntos de encontro entre a empresa e a universidade para fomentar a actividade de I+D”, declarou. Emilio Atrio, pola súa banda, fixo referencia ao concepto elitista e pechado da Universidade para explicar que, na actualidade, “transformouse nunha universidade aberta e popular”. Neste apartado, a sociedade ten moito que dicir en relación coa institución académica. “A universidade nútrese da sociedade e ten que rendirlle contas”, afirmou. O presidente do Consello Social definiu o organismo que representa como “unha ponte de enlace entre a universidade e a sociedade”, e fixo fincapé na necesidade de que a institución se abra á sociedade e lle transmita os seus logros e coñecementos, un obxectivo ao que contribúen iniciativas como este Xornadas de Comunicación para investigadores.

Asesoramento e apoio ás empresas na súa tarefa de innovación e de transferencia

A Fundación Empresa Universidade Galega –FEUGA- é unha entidade sen fins lucrativos que orienta a súa actividade ao fomento das relacións entre a empresa e a universidade. O seu director, Javier Pereiro, estivo no Xornadas de Comunicación para investigadores para falar dos ámbitos de colaboración entre os dous sectores. Na súa intervención, afondou nos modelos de innovación e desenvolvemento e explicou como, dentro desta contorna, FEUGA intenta potenciar vías de colaboración entre a empresa e a universidade. “Nun momento como o que vivimos, de dificultades para as empresas galegas e nun contexto económico difícil, tentamos dar resposta ás necesidades empresariais acompañando e asesorando ao sector na súa tarefa de innovación e de transferencia de coñecemento en relación coa universidade”, afirmou.
Salustiano Mato, catedrático de Zooloxía da Universidade de Vigo e ex director xeral de I+D da Xunta de Galicia, afirmou que “para que un investigador saiba como enfocar as súas investigacións ao mundo empresarial debe ter moi claro cales son as necesidades dos empresarios”. Coñecer ben a situación empresarial de Galicia e cales son os sectores que poden absorver o traballo dos diferentes grupos de investigación é, xa que logo, unha tarefa primordial do sector. “Só así os investigadores poderán falarlles aos empresarios na súa linguaxe, amosarlles as súas capacidades e proporlles solucións concretas ás problemáticas que teñan”, declarou.

Os grupos de investigación, auténticos departamentos de I+D das PEMEs

Salustiano Mato subliñou o importante papel que xogan os grupos de investigación con vocación de transferir os seus coñecementos, e máis en Galicia, onde predominan as pequenas e medianas empresas que non se poden permitir a contratación de técnicos especialistas na materia. Un rol que deben asumir os grupos de investigación para converterse, segundo as súas palabras, “en auténticos departamentos de I+D da pequena e mediana empresa galega, capaces tamén de fomentar as colaboracións entre empresas que nos levarían a obxectivos máis ambiciosos”.
Mato asegurou que as empresas deben darse conta do efecto multiplicador da innovación, que calificou de “tremendo”. Entre outros exemplos, falou dun dos proxectos desenvolvidos polo grupo de investigación que dirixe na Universidade de Vigo, Biotecnoloxía Ambiental, que deseñou unha solución ao tratamento dos residuos hortícolas de invernadoiro na zona do Ejido para a multinacional Ros-Roca. O contrato custou cinco millóns de pesetas e obtiveron un negocio de 10 mil millóns de pesetas. Con todo, o ponente matizou que a través da transferencia do coñecemento non só se consegue mellorar as contas de resultados, se non tamén melloras sociais. “O impacto é tanto económico como social”, afirmou. A docencia, a investigación e a transferencia do coñecemento son misións da universidade. Salustiano Mato fixo fincapé nunha cuarta tarefa. “A universidade debe ser un motor de dinamización social e económica do país no que vive”, subliñou.