DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo AF4 propón o cultivo de cacao como alternativa ao da coca

Investigadores da EUET Forestal realizan un modelo de desenvolvemento sostible “replicable e pouco agresivo” na Amazonia peruana

A intervención social, económica e ambiental danse a man neste proxecto

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 17/12/2008

Desde hai uns meses o grupo de investigación AF4 da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal, dirixido por Enrique Valero, atópase inmerso nun proxecto de desenvolvemento sostible na Amazonia peruana. Plantación María, pertencente á empresa Lebuaf, é o feudo no que o grupo está a realizar o seu traballo. O cultivo do cacao como alternativa ao da coca, a protección da rede hidrográfica ou a conservación dos bosques primarios son algunhas das frontes que ten abertas. O proxecto, que pretende crear un “modelo replicable, pouco agresivo e con escaso impacto ambiental”, segundo explica Valero, une á propia Universidade de Vigo coa de La Molina de Perú, o Ministerio de Agricultura, a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e a Fundación Biodiversidade, ademais dos gobernos da zona.
En novembro, Valero viaxou a por terceira vez a Perú para manter reunións cos representantes de varias destas organizacións e complementar o proceso de investigación. Un dos contactos establecidos máis importantes é o da CIMA, unha oenegué que ten a cesión da xestión do Parque Nacional Cordillera Azul, aledaño á Plantación María, para “establecer unha harmonía entre as iniciativas que hai arredor do parque” e que xa deu os primeiros froitos. A CIMA puxo a disposición do grupo os técnicos da rexión de San Martín, mentres que os gardas forestais do parque gozan de facilidades para empregar o campamento do grupo.
Ademais dunha sintonía total co Ministerio de Agricultura na conservación da rede hidrográfica, o grupo puxo a disposición do Instituto Nacional de Innovación Agraria varias parcelas experimentais para desenvolver distintos tipos de cacao baixo cuberta selvática e jatrofa, un arbusto que elabora unha especie de biodiesel moi interesante neste tipo de rexións.
Conforme avanza o proxecto, os obxectivos van mellorando e reformulando e aínda que xa estaba prevista a conservación integral dun 30 por cento da plantación, Valero chegou a un acordo co Instituto de Recursos Naturais para facelo seguindo “uns criterios de protección da rede hidrográfica, conservación do bosque primario, preservación das zonas de elevado valor en canto a biodiversidade e establecmento de corredores ecolóxicos entre as áreas protexidas”. Ao mesmo tempo, vaise traballar nun invetario de existencias forestais seguindo criterios científicos xa que o que existía ata agora “non se adaptaba á realidade”.

O círculo social

O proxecto tamén engloba a colaboración coas poboacións da zona, como a aldea de Pucallpa, na ribeira dun afluente do Amazonas “moi pouco desenvolvida e con moitas carencias, polo que estas iniciativas compatibles coa conservación son moi ben recibidas”. O grupo mantén unha estreita relación coas autoridades, o colexio e as actividades sociais e culturais. A inclusión do campo social nas tarefas do proxecto xustifica o desenvolvemento sostible que, como explica Valero, “esixe contemplar simultáneamente tres círculos -o ambiental, o económico e o social- que se xunta e nese punto atópase o desenvolvmento sostible”. O director do grupo AF4 tamén sinala que “aínda que as condicións ambientais da zona son moi boas, moitas veces témolas idealizadas” e explica o modo en que os residentes queiman porcións de terreo para plantar bananas, iucas, arroz ou freixóns e cando xa lle quitaron rendemento, prenden lume a outra parcela para seguir avanzando; “pero van deforestando sistemáticamente a zona”, apunta. Este desgaste únese ao realizado polos materos, que acabaron coas zonas primarias ao levar “todo o que valía, a caoba, o tornillo (Cedrelinga catenaeformis), o estoraque, cedro e outras madeiras de valor” e que agora vai ser restaurado.

Un proxecto que crea expectación

Segundo avanzan os traballos as institucións e entidades participantes amosan “máis interese e están expectantes por ver que é o que pasa e como pode realizarse un proxecto de desenvolvemento sen ser agresivo co medio”, comenta Valero cuxa intención é crear “un modelo replicable”. No proxecto, que en total ronda os 90.000 euros de presuposto, colaboran a Axencia Española de Cooperación Internacional, que subvencionou as viaxes de intercambio entre científicos e porá en marcha unha iniciativa para dar a coñecer os resultados, e a Fundación Biodiversidade coa que nos próximos meses perfilarán un documento de planificación. Dada a boa marcha do proxecto, Varela espera unha ampliación destas colaboracións.

A oferta de Alberto Faubel

O empresario Alberto Faubel, dono da Plantación María, foi quen lle abriu a porta a este importante traballo de investigación. E o fixo desoíndo aos seus propios técnicos, que avogaban por técnicas máis agresivas, como a queima dos terreos e admitindo certas perdas económicas pola delicadeza do proxecto. Lebuaf, empresa propietaria da Plantación María que comercializa cacao, ten planificado cultivar o cacao destas plantacións atendendo á etiqueta de produto ecolóxico, seguindo as pautas do comercio xusto e achegando unha garantía de trazabilidade.