DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase de elaborar unha base de datos online útil tanto para a investigación como para a ensinanza

Investigadores da Facultade de Historia crean unha web para dixitalizar a obra gráfica de Castelao

No marco dun proxecto da Universidade de Vigo liderado por Mª Victoria Carballo-Calero

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 18/11/2014
Son moitas as investigacións que ao longo dos anos se teñen centrado arredor dun dos escritores galegos máis relevantes, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, sen embargo todos eles cunha eiva: a falta dun estudo conxunto da súa obra gráfica coa que afondar na faceta do rianxeiro como artista e analizar a evolución da súa traxectoria como ilustrador. Co fin de poñerlle remedio a isto naceu o proxecto Castelao. Obra gráfica. A construción dun discurso estético, político e social transoceánico, liderado pola catedrática emérita Mª Victoria Carballo-Calero e que agora chega ao seu fin cun obxectivo claro: levar a cabo un estudo minucioso da parte gráfica do escritor e facer un inventario dos fondos de ilustracións en libros e revistas de vangarda en Galicia, ata o de agora dispersos en bibliotecas públicas e privadas.

Dentro do proxecto, e como punto fundamental para garantir a protección, difusión e investigación da obra do artista, os investigadores do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Facultade de Historia de Ourense acaban de crear unha páxina web que sirva de “quilómetro cero a partir do que ir colgando a recompilación da obra gráfica de Castelao para que se poida consultar ou mesmo descargar e con toda a información de cada unha das imaxes”, como explicaba o seu deseñador, José Luís Orge.

A dixitalización deste catálogo exhaustivo permitirá elaborar unha base de datos online útil tanto para a investigación como para a ensinanza. “Neste momento estamos subindo moitas imaxes que non son tan coñecidas e que son moitas. E todo grazas ao traballo de baleirado de xornais e revistas da época”, salienta Carballo-Calero, que dirixe ao equipo de investigadores conformado por Susana Cendán, Diana Vilas, Marta López, Yolanda Barriocanal e Roberto Vázquez.

Xornadas no Edificio de Ferro

No marco do proxecto, o Edificio de Ferro acolle este martes e mércores unhas xornadas baixo o mesmo nome coordinadas pola investigadora e docente Marta López, nas que se trata de aglutinar a “persoas de diferentes eidos e con distintos puntos de vista”, como o do artista e escritor Siro López ou o de Valeriano Bozal, “a persoa que mellor entendeu a Castelao dentro do panorama universal e quen logrou incluír todos os fitos galegos dentro do panorama artístico español contemporáneo”, quen dará a conferencia que poña o broche de ouro á actividade.

Estas xornadas volven a demostrar que a Facultade de Historia é “un centro importante de referencia que atrae o debate a aspectos da nosa cultura que sempre deben estar presentes”, como asegurou o Vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, durante a xornada inaugural. “Vivimos nunha sociedade líquida onde todo muda rapidamente e nada é consistente, todo parece ser interpretable. Castelao tamén é interpretable, aínda que é un significante que non admite todos os significados, xa que se por algo se caracterizou o rianxeiro foi porque se coidou de expresar na súa obra moi claramente a súa opinión e posición, por exemplo, política”, recordou Rodríguez.

Radiografía de Galicia

O polifacético Castelao, político, escritor, debuxante e mesmo médico nunca exercente, soubo ver “todos os problemas de Galicia cunha xenialidade baseada nunha crítica feita dende a tristura e a tenrura e coa que procura o cambio do pobo”, recordou a decana da Facultade de Historia, Beatriz Comendador. A forma en que facía esa crítica usando aos máis cativos en Cousas de nenos ou Cousas da vida está sendo estudada por Diana Vilas, que durante as xornadas fixo un repaso por algunhas das imaxes que Castelao “empregaba como medio para facer visibles aqueles asuntos que pasaban desapercibidos ou nos parecen inherentes á realidade social da época. E usa aos nenos porque a súa mirada non está contaminada con convencións”.

As altas taxas de analfabetismo e abandono escolar, o uso dos pequenos e pequenas como man de obra no campo, a inxustiza, a pobreza, a falta de oportunidades, o distanciamento dos nenos coa escola polo idioma ou polo uso dos castigos físicos... son só algunhas das realidades que se agochan tras o humor acedo de Castelao, que “adiviñou motivos, causas e consecuencias das medidas recesivas da Galicia da época, pero que tamén amosan o camiño do cambio. Non era un discurso pesimista, só buscaba facer pensar e reflexionar”.