DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A idea é que poida estar lista en 2014 e que se constrúa no estaleiro Nodosa

Investigadores galegos unen esforzos na creación dunha draga ecolóxica para a limpeza dos fondos mariños

O proxecto está financiado con fondos procedentes do programa Innterconecta Galicia

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 21/11/2012

Unha draga ecolóxica para a limpeza por succión dos fondos mariños e un sistema de vertedura do material no mar con menor impacto por dispersión dos dragados. Este é o obxectivo de ECODRAGA, un proxecto financiado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial a través do programa Innterconecta, e no que participan a Fundación CETMAR, a consultora Centro de Investigacións Submariñas, o estaleiro Nodosa, a firma de Dragados Canlemar, tres grupos de investigación da Universidade de Vigo e un da Universidade da Coruña. A iniciativa presentouse este mércores no Centro Tecnolóxico do Mar, Fundación CETMAR como exemplo de cooperación entre empresas, universidades e centros tecnolóxicos.

“Estamos a falar dun proxecto con fins ecolóxicos no que a Universidade de Vigo participa en varios ámbitos a través de tres grupos de investigación”, subliñou durante a apertura o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento Xosé Antonio Vilán, que acudiu ao acto xogando un dobre papel , xa que ademais de como representante institucional da Universidade de Vigo, asistiu tamén como investigador principal dun dos grupos de investigación involucrados no proxecto, o grupo CIMA, Centro de Enxeñaría Mecánica e Automoción. “Estamos ante un claro exemplo da necesaria e frutífera colaboración entre a universidade, os centros tecnolóxicos e as empresas, algo que tanto veño a defender como vicerreitor de Transferencia de Coñecemento”, subliñou Vilán, aspecto no que tamén fixo fincapé a directora da Fundación CETMAR, Paloma Rueda.

Asistiron tamén o presidente de Portos de Galicia, Juan José Durán, e o director da Axencia Galega de Innovación, Ricardo Capilla, e a vicerreitora da Universidade da Coruña Araceli Torres. Todos eles coincidiron en destacar o interese de ECODRAGA, un proxecto que o máximo responsable de Portos cualificou de “ilusionante” e que, dixo, “sitúa a Galicia na vangarda da innovación tecnolóxica”. Pola súa banda, Ricardo Capilla asegurou que esta iniciativa cumpre os obxectivos do Plan Galego de Investigación deseñado pola axencia que dirixe, como é procurar a inversión privada e a cooperación dos axentes do sector en proxectos que ademais deben xerar valor.

Tres grupos de investigación da Universidade participan no proxecto

A xornada de presentación contou tamén coa participación dos representantes das empresas e dos grupos de investigación que participan no proxecto. No caso da Universidade de Vigo colaboran no proxecto, ademais do grupo CIMA, que dirixe o vicerreitor e que se encargará sobre todo do deseño de pezas; o grupo SONITUM, que investiga no eido do son, e dirixido por Manuel Sobreira, e o grupo de procesado de imaxe e realidade virtual, GPI_RV, dirixido por Xulio Fernández Hermida, que subliñou que desde o seu grupo se van centrar en temas de control de datos, é dicir, recoller todos os datos dos sensores, darlle toda esa información ao operario e o dono da draga, así como o propio contratista do dragado para que poida estar ao día de todo o proceso. “Trátase de comprobar en tempo real como queda o dragado e canta contaminación estás producindo”, apuntou Hermida, que adiantou que xa se fixeron traballos en Punta Langosteira “unha primeira campaña de medidas onde se tomou nota de múltiples parámetros que produce unha draga actual”.

Primeiro prototipo

Desde o sector empresarial, Carlos Durán do Centro de Investigacións Submarinas , explicou que o proxecto naceu a raíz dunha iniciativa anterior mediante a que esta empresa logrou dúas patentes para as dragas. Desta forma, estas “ideas no papel” pasarán agora a materializarse , primeiro en prototipos e logo nunha draga real, que podería construírse no estaleiro Nodosa “converténdose en referente mundial neste ámbito”.

Durán explicou que ao longo de tres anos, en colaboración co grupo do profesor Xulio Fernández Hermida, estiveron analizando os problemas que teñen as dragas actuais, e chegaron a conclusión de que maioritariamente son problemas de tipo medioambiental xa que na actualidade un dos principais problemas que teñen as dragas son a dispersión no mar dos sedimentos finos e con eles os contaminantes.

Prazos

Actualmente xa se construíu un prototipo a escala de cántara ecolóxica que evite reboses da auga, para realizar as primeiras probas e corrixir problemas. Unha vez se teña esta parte, no primeiro trimestre de 2013, espérase traballar cun prototipo de circuíto pechado, de forma que cara finais dese ano, quede resolto todo o traballo de campo e se poida comezar con labores de construción a tamaño real. Así en Nodosa procederase a converter unha das dragas que actualmente ten Canlemar nunha ecolóxica, que se espera que poda estar lista en 2014.