DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía seguirá coas tarefas informativas

Investigadores do GIEEA elaboran una guía para asesorar aos propietarios dos terreos eólicos

Denuncian que están a recibir cartas de inicio de procedemento de declaración de utilidade pública s

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 13/09/2012
Son moitos os anos que o Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía, GIEEA, leva asesorando e informando aos propietarios e plataformas afectadas por parques eólicos. Todos estes consellos e directrices foron recollidos agora na Guía para os propietarios de terreos eólicos, editada pola Fundación Juana de Vega, unha publicación que “pretende facilitar información relevante para os propietarios rurais sobre aspectos básicos vinculados cos parques eólicos, coma as modalidades de acordos, a facturación dos parques eólicos, os principais impactos, etc”, explican os investigadores Xavier Simón e Damián Copena.

O GIEEA leva varios anos asesorando aos propietarios rurais e aos movementos sociais das catro provincias galegas nas negociacións relacionadas coa instalación de parques eólicos e na actualidade colabora con propietarios e plataformas en máis dunha ducia de procesos vinculados cos novos parques eólicos. Na actualidade, e ao abeiro da lei eólica de finais de 2009, estanse a tramitar “os 2325 MW do concurso eólico”, explica Copena. Neste concurso admitíronse a trámite un total de 91 parques eólicos, aínda que “hai outros en tramitación por outras convocatorias e polos decretos eólicos anteriores”, explica o investigador.

Miles destes propietarios están a recibir, nas últimas semanas, cartas de inicio de procedemento de declaración de utilidade pública, “sen que exista motivación para elo”, indican os investigadores. Desde o grupo, lémbranlles aos propietarios privados e ás comunidades de montes “que para o recoñecemento da utilidade pública a empresa e a Administración teñen que xustificar os motivos polos que non foi posible chegar a un acordo que evite a expropiación tal e como aparece reflectido na actual Lei eólica galega”. Segundo Damián Copena, “mesmo nalgunhas ocasións os propietarios dos terreos eólicos están a ter noticia de ser afectados polos parques a través das cartas de inicio do proceso expropiatorio sen que a promotora eólico se teña posto en contacto con eles anteriormente”.

A guía pretende ser unha ferramenta de apoio aos axentes rurais para fortalecer a súa posición con respecto á promotora eólica e pode descargarse tanto páxina do GIEEA como da Fundación Juana de Vega. Ademais, dende o grupo apostan por seguir neste proceso, colaborando coa propietarios dos terreos, “porque a información é clave” e resulta necesario tratar de “achegar claridade é eólica en Galicia”. Para isto continuarán realizando tarefas informativas e de asesoramento tanto a propietarios como a concellos, plataformas, colectivos e movementos sociais que así o demanden.

Información práctica na guía

O GIEEA e a Fundación Juana de Vega teñen en marcha un convenio de colaboración para prestar apoio aos propietarios dos terreos eólicos e mellorar así os resultados dos procesos de negociación coas empresas promotoras de parques eólicos. Boa parte do contido da guía é o resultado do traballo xa realizado polo grupo do Departamento de Economía Aplicada en colaboracións con moitos propietarios de montes nos últimos sete anos.

Ademais de ofrecer información, ofrécese aos interesados a posibilidade de colaboracións posteriores para deseñar estratexias de negociación que permitan obter bos resultados para a comunidade local. A máis longo prazo, o convenio entre Universidade e Fundación Juana de Vega ten tamén como obxectivo recoñecer experiencias produtivas innovadoras no rural galego impulsadas por propietarios do monte con parques eólicos e de difundilas entre outros axentes do medio rural. Destacan os investigadores que, ao seu entender, “a chegada masiva de aeroxeradores ao rural débese entender como unha oportunidade para fortalecer económica e socialmente ás comunidades rurais. Por iso tamén se lle prestará interese a esta función divulgadora de experiencias innovadoras na gandería, na silvicultura, etc.”

A guía inclúe información sobre novo marco regulador a partir de 2010, sobre a utilidade pública da enerxía eléctrica, sobre en que montes se poden instalar parques eólicos, sobre que tipos de ocupación do monte provoca un parque eólico, canto tempo se tarda en pór en funcionamento un parque eólico, as obrigas tributarias e beneficios das empresas propietarias dos parques eólicos, os posibles impactos ambientais negativos dos parques ou as opcións de expropiación e alugueiro.