DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun workshop organizado polo grupo SiDOR no marco do proxecto Mecanos3

Investigadores de institucións nacionais e estranxeiras presentan no campus os últimos avances en estatística

Céntranse no desenvolvemento de técnicas de estimación e inferencia paramétricas e semiparamétricas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 19/07/2023

Unha vintena de investigadores e investigadoras presentan no campus de Vigo entre hoxe mércores e mañá xoves os últimos avances no eido da estatística, no marco do Workshop on Statistics. Este evento, que ten como sede a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, está organizado polo grupo SiDOR, pertencente ao CINBIO, ao abeiro do proxecto nacional MECANOS3, que se centra nos novos avances metodolóxicos e computacionais en estatística non paramétrica e semiparamétrica.

Ao longo dos dous días, os investigadores deste proxecto presentan os resultados obtidos no marco dun evento que tamén serve como punto de encontro entre os especialistas locais e os adscritos a outras institucións nacionais e estranxeiras, como Pablo Martínez Camblor, do Dartmouth-Hitchcock Medical Center and Geisel School of Medicine at Dartmouth; Mar Rodríguez Girondo, da Leiden University Medical Center, ou Dolores Jiménez Gamero, da Universidade de Sevilla. Ademais, neste seminario tamén teñen unha visibilidade especial os novos investigadores e investigadoras, coas intervencións de estudantes predoutorais como Susana Martins, Adrián Lago e Francisco de Asís López Álvarez, e dos investigadores en formación do grupo SiDOR Denis Barros e Diego García Sánchez. 

O eixe central deste seminario é a presentación de resultados do proxecto MECANOS3, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, que se enmarca no eido das ciencias matemáticas e que está dirixido polo catedrático Jacobo de Uña e o profesor Juan Carlos Pardo, membros do grupo SiDOR. Precisamente, foi Jacobo de Uña o encargado de dar a benvida ás e aos participantes, tanto aos membros do proxecto MECANOS3 como do resto das institución participantes. O catedrático agradeuce todos os membros de SiDOR que “co seu esforzo, fomos logrando que o noso equipo investigador sexa cada vez máis forte e os nosos avances científicos cada vez máis destacados e teñan maior impacto noutros investigadores”. 

Respecto de MECANOS3, os seus responsables destcan que o seu o obxectivo é o desenvolvemento de novas técnicas de estimación e inferencia paramétricas e semiparamétricas, demandadas por problemas do mundo real. As liñas do proxecto inclúen, entre outras, a análise de supervivencia, os datos de alta dimensión, os contrastes de hipóteses, a análise ROC e os modelos avanzados de regresión. “Os métodos que se desenvolven dentro do proxecto son de interese en moitas áreas, como a medicina, a bioloxía, a enxeñaría, a economía ou o deporte”, sinalan. Así mesmo, o equipo investigador desenvolveu un software de uso amigable para facilitar a aplicación destes métodos por parte da comunidade investigadora. 

Predicir o resultado dun partido de baloncesto

O programa do workshop inclúe, ademais da presentación da contribución e avances recentes do proxecto, outras presentacións de investigadores novos do grupo SiDOR, que foron precisamente os encargados de abrir a xornada. En concreto, a primeira intervención foi a de Diego García Sánchez, da Universidade de Vigo, que presentou un estudo titulado Predicindo o resultado dun partido de baloncesto: unha revisión sistemática e unha meta-análise. O investigador explicou que existen na literatura varios intentos para predicir o resultado dun partido de baloncesto mediante técnicas estatísticas. “Aínda que a heteroxeneidade entre os estudos é elevada, é habitual que esta predición se faga a partir de variables tipo box score e derivadas, factor cancha, días de descanso ou clasificacións”. A metodoloxía preditiva tamén é heteroxénea, dende o modelo lineal xeral ata modelos baseados no principio de máxima entropía, pasando por un socorrido e moi variado machine learning. No seu traballo, García Sánchez, fai unha revisión sistemática, das contribucións científicas sobre o tema, con foco no estudo da accuracy, a proporción de clasificacións correctas sobre o número total de clasificacións realizadas. A través de técnicas meta-analíticas, explora a heteroxeneidade da literatura sobre este tema, concluíndo en que medida é posible predicir un partido de baloncesto e que condicións o fan máis previsible.

25 anos de SiDOR

O grupo de investigación SiDOR (Statistical Inference, Decision and Operations Research) cumpre neste 2023 un cuarto de século dende a súa posta en marcha en 1998, da man dun grupo de matemáticos novos da Universidade de Vigo, especializados en modelos e métodos estatísticos e investigación operativa.

As súas principais liñas de investigación son, por unha banda, a inferencia estatística non paramétrica e semiparamétrica en problemas complexos (como datos de alta dimensión, datos censurados), que é a que aborda neste seminario e, por outra, a teoría de xogos, a teoría da decisión e a investigación operativa en xeral. Na primeira delas levan traballando dende 2005 ao amparo de sucesivos proxectos financiados pola Axencia Estatal de Investigación na área de Matemáticas, cun financiamento global de case medio millón de euros. 

Actualmente, máis de 30 persoas pertencen a SiDOR, incluíndo investigadores permanentes, posdocs, Ph.D., estudantes e persoal técnico. Os investigadores do grupo lideran e participan en proxectos de investigación e redes financiadas por programas competitivos da Xunta de Galicia, o Ministerio de Economía e a Comisión Europea. Estes proxectos inclúen tanto investigación básica como aplicacións a problemas emerxentes de diferentes ámbitos, como a economía, a enxeñaría ou as ciencias biomédicas. Ademais, os seus membros participan como docentes nos mestrados interuniversitarios en Técnicas Estatísticas e no Programa de Doutoramento Interuniversitario en Estatística e Investigación Operativa, no que dirixiron numerosas teses de doutoramento.