DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na inauguración do congreso 'Bridging the Gaps, Minding the Context’

Investigadores internacionais amosan no campus un futuro prometedor para as humanidades

Están a debater sobre os traballos que levan a cabo en literatura inglesa e americana

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Anabel Vila DUVI 17/03/2011
Turquía, República Checa, Italia ou Estados Unidos son algúns dos lugares de procedencia dos investigadores que esta semana se reúnen no campus ao abeiro do congreso Bridging the Gaps, Minding the Context que hoxe botou a andar na Facultade de Filoloxía e Tradución, tras un acto de inauguración ao que acudiron o vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, e Jorge Luis Bueno, secretario da facultade e profesor do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá.

O congreso, no que se está a debater sobre os estudos actuais en literatura inglesa e americana, trouxo a Vigo posgraduados de diversas universidades, aos que hai que engadir aqueles que fixeron os seus estudos aquí pero agora están a investigar en diferentes partes do mundo. “Ademais, é un encontro aberto a toda a comunidade universitaria. Non podemos quedarnos pechados no noso mundo”, aseguraba Laura Torrado, unha das organizadoras.

Paneis nos que se debate sobre o drama e a ficción ou sobre o xénero abriron unha primeira xornada na que tamén est conferencias plenarias da man de Jorge Luis Bueno e Teresa Prudente. Pola súa banda, Maggie Ann Bowes e Marisa Fernández serán as conferenciantes do venres, nun día no que tamén se falará sobre a literatura medieval ou o realismo.

Bo síntoma de futuro

No acto de inauguración Jorge Luis Bueno, secretario da facultade, asegurou que este congreso pon en evidencia que “a investigación está asegurada”. Un aspecto que tamén destacou o vicerreitor de Alumnado, que subliñou a “necesidade de reivindicar a importancia das artes e humanidades”. Ignacio Barcia recordou, ademais, as palabras de Francis Picabia, pintor da vanguardia histórica, que dicía que “só o inútil é imprescindible”, para asegurar que “hoxe estades aquí investigadores que traballades a favor do imprescindible”. Por iso, subliñou, " confío en que este congreso “sexa un estímulo para todos” xa que ao tratarse dunha iniciativa de estudantes de posgrao “fainos confiar no futuro da investigación nas humanidades”.

Pola súa banda, Alonso, que foi a encargada de representar ao comité organizador no acto de inauguración salientou, iso si, que “pensamos que sacalo adiante ía ser fácil, pero non, foi necesario traballo duro e fe para conseguilo”. De todos os xeitos mostrábase satisfeita “da alta calidade dos traballos presentados”, unha mostra da boa saúde da investigación.