DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun congreso internacional que se celebrará no mes de xuño

Investigadores e labregos debaterán como a agroecoloxía pode axudar a transformar o medio rural

Analizarán experiencia de agricultura ecolóxica e de soberanía alimentaria

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 30/04/2012

Dende a súa primeira edición en 2006, o Congreso Internacional de Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica ten acadado unha gran importancia cuantitativa e cualitativa a nivel nacional. A súa cuarta edición celebrarase no campus do Vigo entre o 21 e o 23 de xuño co obxectivo de afondar e potenciar a vertente internacional do mesmo para que o congreso se converta tamén nun referente internacional, sobre todo para os países latinoamericanos. A organización agarda a presenza de arredor de 200 persoas, entre investigadores, labregos, expertos, consumidores, estudantes e calquera interesado en iniciativas de agricultura ecolóxica. No tocante á presenza científica, este simposio contará cunha destacada delegación brasileira, así como con representantes de Venezuela, Cuba, Colombia, México, Italia, Arxentina e Holanda. Entre os relatores destaca a presenza de Fernando Silva de Oliveira Baptista, do Instituto Superior de Agronomia da Universidade Técnica de Lisboa e de dúas referencias no eido da soberanía alimentaria, Marta Rivera e Asther Vivas.

Ao longo de tres días, o debate e reflexión centrarase nas iniciativas agroecolóxicas innovadoras que favorezan a transformación dos espazos rurais. Segundo explica Damián Copena, membro do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo, GIEEA, para esta transformación do rural “é imprescindible a colaboración entre produtor e consumidor, este é o único xeito de cambiar o modelo cara unha visión sostible e ecolóxica”; se o consumidor non demanda e merca produtos sostibles, o produtor non pode transitar polo camiño da sustentabilidade. Para Copena, a agroecoloxía e a agricultura ecolóxica "poden e deben" ser motores da dinamización rural e do aproveitamento sustentable dos recursos propios de Galicia, do Estado e do mundo. “Neste senso, cómpre pór en valor os coñecementos tradicionais, as variedades locais adaptadas ás condicións propias de cada lugar, a maior autonomía de cada experiencia produtiva, o uso sostible dos recursos propios e a cooperación entre os distintos axentes implicados no desenvolvemento rural”. Así, a través da agroecoloxía trátase de administrar os sistemas agrarios xerando pouco impacto negativo na contorna ao tempo que se garante unha xustiza alimentaria a través do acceso equitativo aos produtos obtidos destes sistemas.

Organización do congreso

A organización deste simposio corre a cargo do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo, que leva dez anos traballando no deseño de estratexias de xestión dos recursos que garantan a xustiza social e a sustentabilidade ambiental. O obxectivo desta xuntanza é “combinar a visión científica co coñecemento práctico de experiencias concretas e reais que se están a realizar en Galicia, e en todo o mundo”. O programa está organizado en tres dimensións fundamentais da agroecoloxía, por unha banda a técnico produtiva; por outra a política e, finalmente, a sociocultural. Así, trataranse temas tan relevantes para o futuro da agricultura como como os sistemas agrícolas e gandeiros agroecolóxicos, a biodiversidade, o aproveitamento dos montes, a soberanía alimentaria, o papel da muller ou os coñecementos tradicionais. O derradeiro día do congreso, os asistentes visitarán a Cooperativa Monte Cabalar no concello da Estrada.

Unha cita consolidada

Ano tras ano, este congreso foi consolidándose no panorama nacional, chegando en 2010 ás 200 persoas, a meirande parte participantes procedentes de Galicia, mais tamén cunha importante representación das Comunidades Autónomas do Estado, principalmente de Andalucía, Cataluña, Pais Vasco e Baleares. A primeira toma de contacto coa agroecoloxía foi no campus de Lugo en 2006, facendo agromar o congreso como un encontro fundamental no eido da agroecoloxía e da agricultura ecolóxica en Galicia. A segunda edición desenvolveuse no Concello de Monforte de Lemos, capital da agricultura ecolóxica galega, en maio do 2008. O III congreso trasladouse ao campus vigués, que volve ser a sede da cuarta edición, na que compartir información e aprender de moitas experiencias agroecolóxicas reais ademais de servir de foro de discusión sobre a situación actual do mundo rural e as oportunidades e as posibilidades de futuro para a súa dinamización desde a óptica da agroecoloxía.

Este 1 de maio remata o prazo de matrícula con prezos reducidos, aínda que os interesados poderán seguir inscribíndose a través da web do congreso.