DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Queren animar aos entes municipais a aumentar as súas accións promocionais no Ano Santo

Investigadores pontevedreses ultiman un proxecto dirixido a potenciar o Camiño Portugués nos concellos da provincia

Ao abeiro da cátedra Filgueira Valverde, investigan as potencialidades da ruta xacobea para o desenv

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Esmeralda L. Castro DUVI 22/01/2010

Un equipo de investigadores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación está desenvolvendo, ao abeiro da Cátedra Filgueira Valverde, un estudo sobre as campañas de promoción e imaxe do Camiño Portugués promovidas polos concellos da provincia de Pontevedra. Integrado polos profesores Octavio Rodríguez, Mercedes Román e Aurora García mais as bolseiras Patricia de la Vega, Verónica Crespo e Beatriz Lloves, pretenden animar aos entes municipais a aumentar as súas accións divulgativas neste sentido, pois consideran que a ruta xacobea ofrece múltiples posibilidades para contribuír ao desenvolvemento local.
A finais de febreiro esperan ter redactada a versión definitiva dun documento que inclúa as súas conclusións e suxestións, así como ter elaboradas unha proposta de publicación e outra de páxina web sinxelas e económicas, para que os concellos poidan usar estes materiais este ano. "Trataríase dun modelo sen grandes pretensións, para cumprir o noso obxectivo primordial, que é transmitir a importancia de comunicar de xeito eficiente os recursos turísticos de ámbito local que conforman un dos camiños de maior tradición da ruta Xacobea, o Portugués, xusto no momento no que se vai celebrar o Ano Santo 2010, despois do que non haberá outro ata o 2021", precisa o coordinador do grupo Octavio Rodríguez.
Os investigadores cren que, con independencia dos esforzos que fan outras administracións e entidades supramunicipais (Xunta, Deputación, Amigos do Camiño, Amigos dos Pazos, etc.), existe unha necesidade de que outros organismos a nivel municipal (administración local, empresas, institucións locais,...) se preocupen por poñer en valor o seu traxecto do Camiño. Para o modelo de guía escolleron de exemplo o concello de Portas, polo que tan só pasa un quilómetro da ruta. Pretenden demostrar así, que por moi breve que sexa, o Camiño é a mellor oportunidade para poñer en valor o patrimonio monumental (arquitectura histórica e popular), paisaxístico (ríos, fervenzas, praias, portos, montes...) e cultural (artesanía, festas, gastronomía...) dos concellos e dinamizar o seu sector turístico.

Traballo de recollida e discusión grupal

O estudo partiu dunha primeira toma de contacto cos municipios, na que lles pediron información ás diferentes alcaldías e concellarías de cultura e turismo. Fixeron tamén unha recollida de material promocional editado durante o verán do 2009 e agora están realizando tamén un estudo dos recursos na rede.
No pasado mes de novembro organizaron un focus group, no que interviñeron publicistas, xornalistas, técnicos municipais, axentes de desenvolvemento local, xestores culturais e os presidentes das Asociacións de Amigos dos Pazos e Amigos para facer unha posta en común que contribuísen á elaboración desa estratexia promocional. Concluíron que existe un descoñecemento da realidade material que supón o Camiño, o que se traduce nunha baixa promoción, que cifraron nun 15%. Octavio Rodríguez considera que "a maioría das veces, os peregrinos descoñecen mesmo o nome dos termos que atravesan, que desaproveitan unha excelente fórmula para darse a coñecer". Segundo o profesor, os concellos atribúen esta carencia a cuestións orzamentarias e amosan receptividade ante a proposta dos investigadores, polo que se esperan un resultados frutíferos.